CONFLICTO EDUCATIVO PASTORIZA CCOO-ENSINO Coruña esixe o cese da directora do IES de Pastoriza CCOO – Ensiño Coruña manifesta a preocupante situación na que se atopa o IES de Pastoriza como consecuencia da xestión da directora do centro. Ao longo de todo o curso unha parte do claustro atopouse nunha situación de indefensión absoluta, chegando incluso á apertura dun expediente, por mor da actuación neglixente do Equipo Directivo en aspectos tales como: • Non informar ao profesorado de reunións directas do Equipo Directivo coas familias, non seguindo o protocolo establecido, imposibilitando así aos docentes amosar a súa versión dos feitos. • Constante indefensión do colectivo docente diante das familias e do alumnado ao ser descoñecedor dos acordos e decisións tomadas por parte do Equipo Directivo nas reunións antes citadas. • A non mediación da dirección do centro ante as ameazas e denuncias aos docentes, invitando ós pais e nais a dirixirse á inspección sen tentar obter información de todas as partes afectadas. • Non cumprir os acordos alcanzados nos órganos Colexiados (Claustro de profesores e Consello Escolar) e pedagóxicos. CCOO-Ensino Coruña denunciou estas e outras irregularidades diante de Inspección Educativa e a Xefatura Territorial da Consellería de Educación de A Coruña, sen obter ningún tipo de resposta encamiñada a solucionar a problemática do centro. Pola súa parte, un número importante de profesores do IES de Pastoriza asinaron un escrito dirixido a Inspección Educativa no que poñían de manifesto o malestar e a indefensión que estaban a sufrir por mor da actuación irregular e arbitraria do equipo directivo do centro,e principalmente da directora. Por todo o exposto, CCOO-Ensino Coruña, esixe que ante a situación insostible que se está vivindo no IES de Pastoriza a Xefatura Territorial de da Consellería de Educación de A Coruña proceda ao cese inmediato da directora do centro.