A XUNTA RECADA EN DOUS ANOS 46 MILLÓNS DE EUROS DO CANON EÓLICO QUE REPERCUTEN DE XEITO DIRECTO NOS CONCELLOS GALEGOS
• O conselleiro de Economía e Industria avanzou hoxe que a recadación de 2011 deste pioneiro canon posto en marcha coa nova Lei de Aproveitamento Eólico de Galicia suma, polo de agora, case 23 millóns de euros, logo dun incremento dun 1% con respecto ao ano anterior
• Os case 46 millóns de euros que se levan ingresados en dous anos polo canon eólico confirman a aposta do actual Executivo de facer realidade un retorno económico á sociedade galega e aos concellos da riqueza xerada coa instalación dos parques eólicos
Santiago, 02 de febreiro de 2011.- A Xunta de Galicia ten xa practicamente completada a recadación do canon eólico correspondente ao exercicio 2011, segundo explicou hoxe o conselleiro Javier Guerra. Así, a día de hoxe, a Consellería de Economía e Industria xa ingresou a través do Instituto Enerxético de Galicia case 23 millóns de euros (o 99,69% do total), reembolso procedente de 131 parques eólicos instalados por toda a xeografía galega.
Estes case 23 millóns de euros recadados en concepto deste pioneiro canon posto en marcha da man da nova Lei de Aproveitamento Eólico de Galicia supoñen un incremento dun 1% da recadación con respecto ao exercicio de 2010, no que se percibiron 22.689.100 euros por este canon que se aplicou a 126 parques. Estes preto de 46 millóns de euros ratifican a aposta do Goberno galego de facer realidade un retorno económico á sociedade galega da riqueza xerada coa instalación dos parques eólicos.
1.000 millóns para os concellos
A Consellería de Economía e Industria afirma tamén que a materialización do plan re-Xurde suporá un importante impulso para as arcas municipais dos concellos no actual contexto de crise económica, xa que ao longo da vida útil dos parques un total de 1.000 millóns de euros repercutirán directamente nos concellos galegos e na súa cidadanía polo concepto do canon.
Todo esto supón, insistiu o conselleiro, un auténtico respaldo ás entidades locais galegas nun momento de recesión e crise económica como o actual, e garántense uns ingresos que permitirán aos concellos afrontar iniciativas socio-económicas vinculadas con desenvolvemento medioambiental, “e xa percibiron o efecto dos cartos recadados en 2010 en concepto de canon eólico e pronto poderán recibir os 23 millóns de euros correspondentes a 2011, o que garante un reparto de riqueza”.
Á marxe dos impulsos directamente relacionados cos investimentos, os concellos galegos veranse beneficiados tamén polo rigoroso equilibrio entre o desenvolvemento enerxético, industrial e medioambiental co que se levou a cabo todo o proceso de resolución do re-Xurde.
… Leer más La Xunta recauda en dos años 46 millones de euros del canon eólico