POLÍTICA LINGÜÍSTICA OFRECE MÚLTIPLES RECURSOS PARA CELEBRAR AS FESTAS DE NADAL EN LINGUA GALEGA
Política Lingüística de la Xunta ofrece múltiples recursos para celebras las fiestas de Navidad en lengua gallega. La web del departamento ofrece recetas típicas, propuestas de regalos, villancicos, y postales para felicitar las fiestas.
- Receitas típicas, propostas de agasallos, panxoliñas e postais para felicitar as festas forman parte da oferta que se inclúe no web do departamento
- A secretaría xeral vén de resolver o concurso de presentacións electrónicas de Nadal, no que participaron máis de 150 propostas
Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2010.- Galicia conta cunha morea de tradicións ligadas ao Nadal: especialidades na cociña, personaxes como o pandegueiro ou apalpador que agasallan os nenos, panxoliñas, contos e outras vivencias novas. Para contribuír a vivilas en galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do seu web, www.xunta.es/linguagalega, puxo a disposición da cidadanía diversos recursos: receitas de pratos típicos destas datas, produtos para vestir a mesa etiquetados en galego, propostas para procurar un agasallo novo e orixinal etc.
Xunto con este espazo web dedicado ao Nadal, a Secretaría Xeral de Política Lingüística levou a cabo outras iniciativas co fin de favorecer a presenza do galego nas celebracións destas festas. Entre elas, o concurso de presentacións electrónicas de Nadal, que vén de resolver nestes días. As propostas gañadoras, elixidas entre máis de 150 traballos, xa se poden consultar en www.xunta.es/linguagalega/concurso_de_nadal_2010.
Postais electrónicas personalizadas para felicitar estas festas en galego
Así mesmo, co fin de poder felicitar estas festas en galego, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo puxo a disposición da cidadanía diversos modelos de postais electrónicas que poden ser personalizadas e que están accesibles en http://www.postaisengalego.com/.
Ademais, este Nadal Política Lingüística colabora cos Reis Magos para contestar as cartas dos nenos e nenas en galego. Faino a través do Grupo Solnet, que ten en marcha un servizo (http://www.cartadosreismagos.com/) polo cal os pais e nais poden solicitar o envío, previo pago, dunha carta personalizada para os seus fillos, asinada polos Reis Magos. Coa colaboración neste proxecto, que se materializa no asesoramento e revisión lingüística de todos os materiais ofertados en galego, a secretaría xeral quere contribuír a alimentar a ilusión dos máis pequenos e a favorecer a presenza do galego na súa comunicación cos Magos de Oriente.