Caso BRENNTAG:
Que hai da responsabilidade das administracións?
Aliás dos importantísimos danos ecolóxicos ao maltreito Umia, cómpre lembrar que a catástrofe puido ser aínda maior, xa que desemboca na ría de Arousa, un ecosistema de enorme valor ecolóxico do que dependen importantes sectores económicos. Por iso, para ADEGA o accidente da Brenntag constituíu sobre todo unha clara advertencia ás administracións sobre a lixeireza con que se acepta calquera ubicación para instalar industrias de alto risco para a seguridade, a saúde pública e o medio ambiente.
Ningún trámite de avaliación ambiental ou protocolo de seguridade minimamente rigoroso podería permitir a instalación dunha fatoría destas características á beira dun río ou ría e próxima a zonas povoadas. Catástrofes ecolóxicas como a do Umia en 2006 deberían servir para que as administracións e a cidadanía sexamos conscientes dos riscos que repesentan, por exemplo, os depósitos do Ferrazo no porto de Vilagarcia, na ría de Arousa, ou a planta de gas de REGANOSA en Mugardos, no interior da Ria de Ferrol.
Os poderes públicos, incluída a xustiza, deberían ter tomado nota deste accidente e comprender que aínda estamos a tempo de evitar outros de igual ou maior gravidade. As leis e normas ambientais deberían cumprirse estritamente, xa que son a garantía de que a saúde das persoas e do ambiente está por riba dos beneficios empresariais ou dos interses políticos. Mais lonxe de facelas respectar, as administracións tenden a flexibilizar a súa interpretación, cando non as recurtan ou desmontan directamente (Xunta: Lei de Acompañamento, Lei do Solo, POL, DOT, Plano Director da Rede Natura, Plano Director de Acuicultura, Lei de Industria, Lei de Montes…; Estado: Lei de Costas). Por iso e coma noutras tantas ocasións, no banquiño dos acusados non están todos os responsábeis desta desfeita.