El Consejo de Gobierno gallego aprueba un plan integral de apoyo a la mujer embarazada

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA QUE TIVO LUGAR EN SAN CAETANO, O 26 DE XANEIRO DE 2012, BAIXO A PRESIDENCIA DO SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO

DECRETOS
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
 Decreto polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
 Decreto de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de O Pereiro de Aguiar (Ourense) para revisar a delimitación e ordenación do núcleo rural de Frieira – Melias.
 Decreto de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de O Pereiro de Aguiar (Ourense) para revisar a delimitación e ordenación do núcleo rural de Vilariño – A Igrexa.
 Decreto de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de O Pereiro de Aguiar (Ourense) para revisar a delimitación e ordenación do núcleo rural de Vilariño – A Pena.
 Decreto de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de O Pereiro de Aguiar (Ourense) para revisar a delimitación e ordenación do núcleo rural de Vilariño – San Salvador.
CONSELLERÍA DE SANIDADE
 Decreto polo que se crea a Comisión Galega de Estratexia contra a Dor e se establece a súa composición, organización e funcionamento.
 Decreto polo que se nomea director de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde a Félix Rubial Bernárdez.
__________________________________________________________________________________
Consello da Xunta
ACORDOS
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
 Acordo polo que se aproba o Plan integral de apoio á muller embarazada 2012/2014, previsto na Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada.
CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA
 Acordo polo que se aproba definitivamente o proxecto do Parque Eólico Sasdónigas como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de acordo co previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.
INFORMES
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
 Informe sobre o Plan anual de inspección turística 2012 e balance da actividade inspectora/sancionadora 2011.
 Informe sobre o calendario lexislativo da oitava lexislatura.
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
 Informe sobre a necesidade dunha nova Lei de estradas de Galicia.
CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA
 Informe: un ano de vixencia da Lei 13/2010, do comercio interior de Galicia.
__________________________________________________________________________________

O CONSELLO DA XUNTA APROBA O DECRETO POLO QUE SE ESTABLECE A ESTRUTURA ORGÁNICA DA SECRETARÍA XERAL PARA O TURISMO

 Contará con dúas subdireccións xerais: a Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Planificación Turística; e a Subdirección Xeral de Xestión, Fomento e Cooperación
 Da Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Planificación Turística dependerá o Servizo de Ordenación do Turismo, o Servizo de Inspección do Turismo, o Servizo de Planificación Turística e Programas Europeos e o Servizo de Apoio Xurídico-Administrativo
 Polo que respecta á Subdirección Xeral de Xestión, Fomento e Cooperación integrará o Servizo de Xestión e Fomento, o Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística, o Servizo de Cooperación Institucional, Promoción e Formación, e o Servizo de Contratación

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Decreto polo que se establece a estrutura orgánica da Secretaría Xeral para o Turismo, órgano superior da Administración autonómica, que contará con dúas subdireccións xerais: a Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Planificación Turística, e a Subdirección Xeral de Xestión, Fomento e Cooperación.

Da Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Planificación Turística dependerá o Servizo de Ordenación do Turismo, o Servizo de Inspección do Turismo, o Servizo de Planificación Turística e Programas Europeos e o Servizo de Apoio Xurídico- Administrativo.

Polo que respecta á Subdirección Xeral de Xestión, Fomento e Cooperación, integrará o Servizo de Xestión e Fomento, o Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística, o Servizo de Cooperación Institucional, Promoción e Formación, e o Servizo de Contratación.

A Secretaría Xeral para o Turismo contará con catro unidades con nivel de xefatura de servizo nos servizos periféricos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, coa denominación de Servizo de Turismo. Dependerán funcionalmente da secretaría xeral e, organicamente, do departamento territorial correspondente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Promoción do turismo
Á Secretaría Xeral para o Turismo correspóndelle a planificación da política de ordenación e inspección, fomento e competitividade do turismo; a innovación e calidade dos produtos turísticos e a súa promoción a nivel nacional e internacional. Tamén a dirección e coordinación das actuacións en materia de turismo da Xunta e a instauración de canles efectivas de comunicación con outros organismos.
__________________________________________________________________________________


Así mesmo, será competencia deste departamento da Xunta a  explotación e potenciación dos recursos turísticos de Galicia; xa sexa directamente ou a través da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A (Turgalicia). De igual xeito, dirixirá e coordinará as actuacións relacionadas coa posta en valor do Camiño de Santiago e coa promoción do Xacobeo, directamente ou a través da Sociedade Anónima
de Xestión do Plan Xacobeo.

E, ademais, corresponderalle dirixir e coordinar as actuacións relativas á análise, ao estudo e ás estatísticas no eido turístico; a participación de Galicia nas exposicións universais e os fundamentos e estruturas da formación profesional turística.
__________________________________________________________________________________

A XUNTA APROBA A MODIFICACIÓN PUNTUAL DO PXOM DO PEREIRO DE AGUIAR

 Os ámbitos son Vilariño-A Igrexa, Frieira-Melias, Vilariño-A Pena, e Vilariño-San Salvador
 Esta modificación puntual foi aprobada previamente pola Comisión Superior de Urbanismo o pasado mes de decembro
 O municipio do Pereiro de Aguiar dispón actualmente dun Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente polo Concello en maio de 2000

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o proxecto de Decreto polo que se aproba definitivamente a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Pereiro de Aguiar, para revisar a delimitación e ordenación de varios núcleos rurais. O obxectivo é adaptalos á Lei de ordenación urbanística de Galicia (LOUG, Lei 2/2010, do 25 de marzo).

O Concello do Pereiro de Aguiar dispón actualmente dun Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente o 12 de maio de 2000.

Tramitación
O proxecto de modificación destes núcleos tivo que acadar varios informes perceptivos sectoriais como o da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, da Subdirección Xeral de Infraestruturas e Normativa Técnica do Ministerio de Industria, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Finalmente, no Pleno do Concello de outubro de 2011 acordouse aprobar provisionalmente a modificación puntual do PXOM para revisar a delimitación e ordenación dos núcleos.
__________________________________________________________________________________

O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE VAI MELLORAR A ABORDAXE DO PACIENTE CON DOR NOS CENTROS ASISTENCIAIS DESENVOLVENDO UNHA ESTRATEXIA GLOBAL

 Para tal efecto apróbase o Decreto polo que se crea a Comisión Galega de Estratexia contra a Dor

O Consello da Xunta de Galicia, reunido no día de hoxe, acaba de aprobar o Decreto polo que se crea a Comisión Galega de Estratexia contra a Dor, como un órgano colexiado de carácter permanente e consultivo, adscrito á Dirección de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

A dor é un problema sanitario e social de primeira magnitude, un dos trastornos que máis afecta e preocupa as persoas, e o síntoma acompañante que con maior frecuencia motiva unha consulta médica.

O departamento que dirixe Rocío Mosquera pretende, así, con esta medida, incluída entre os obxectivos da Estratexia Sergas 2014, mellorar a abordaxe ao paciente con dor nos centros asistenciais, desenvolvendo unha estratexia global, para acadar un manexo óptimo, uniforme e equitativo para a totalidade da cidadanía galega, garantindo a continuidade asistencial entre os diferentes niveis de atención. O resultado será a mellora na calidade de vida das persoas con dor e dos seus achegados.

O Sergas comezou a traballar na estratexia de atención integral á dor en xullo de 2010, implantando en todos os hospitais públicos o procedemento de valoración da dor aguda e a valoración da dor como quinta constante vital na gráfica do aplicativo de xestión de coidados de enfermaría.

Ademais, esta iniciativa do Sergas está en liña coa da Organización Mundial da Saúde e outros organismos internacionais, que recomendan unha abordaxe proactiva da dor, xa que non abonda con respostar ante a necesidade expresada polos pacientes, senón achegarse ao problema desde unha visión anticipatoria.

Funcións
Son funcións desta comisión, entre outras, asesorar e orientar a Consellería de Sanidade e o Sergas en materia de atención á dor; ser órgano de referencia para os comités de dor dos centros sanitarios; analizar e propor alternativas para a atención aos pacientes con dor; e, ademais, unificar os criterios de utilización dos recursos necesarios para a atención á dor.
__________________________________________________________________________________
Xunto con todo o anteriormente sinalado, a Comisión tamén promoverá a implantación dos procedementos e guías de atención aos pacientes con dor; avaliará os procedementos de atención á dor nos diferentes centros sanitarios; proporá ao Sergas o cadro de mando de indicadores de calidade e seguridade para a atención á dor; proporá e fomentará a formación dos profesionais do ámbito sanitario en xestión da dor, e, ademais, tamén proporá accións informativas dirixidas a pacientes e cidadáns a través da Escola Galega para Cidadáns.

A Comisión Galega de Estratexia contra a Dor estará composta por un presidente/a e un vicepresidente/a, e ata un máximo de 14 vogais, entre os que estarán catro persoas licenciadas en medicina e cirurxía, unha licenciada en farmacia, catro diplomadas ou graduadas en enfermaría, unha especialista en psicoloxía clínica e, ademais, dúas persoas designadas polo Consello Asesor de Pacientes.
__________________________________________________________________________________

FÉLIX RUBIAL, NOVO DIRECTOR DE ASISTENCIA SANITARIA DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

O Consello da Xunta de Galicia acordou na súa xuntanza de hoxe o nomeamento de Félix Rubial Bernárdez como director de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

Félix Rubial (1968) é licenciado en medicina e cirurxía pola Universidade de Santiago e especializouse en medicina preventiva e saúde pública. Posúe un máster en saúde pública pola Escola Nacional de Sanidade; un máster en dirección e administración de empresas (MBA) pola Universidade da Coruña; e un máster en avaliación de tecnoloxías sanitarias pola Universidade de Santiago de Compostela e a Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS). Así mesmo, realizou diversos cursos de perfeccionamento.

Rubial conta cunha ampla experiencia profesional no eido da sanidade, que iniciou no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Posteriormente desempeñou o cargo de director médico do Hospital da Costa (Burela) e no Complexo Hospitalario Xeral-Calde; e entre 2005 e 2006 foi subdirector médico no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Entre 2006 e 2009 foi o director operativo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela; e desde 2009 e ata a actualidade exerceu como director médico do Complexo Hospitalario Xeral-Calde – Hospital Lucus Augusti.

Así mesmo, ten participado en distintas actividades de formación promovidas pola FEGAS, fundamentalmente no ámbito da xestión de servizos sanitarios, e máis concretamente no terreo da xestión de pacientes no ámbito hospitalario e a dirección de institucións sanitarias; así como en diversas mesas e foros como relator.
__________________________________________________________________________________

O PLAN DE APOIO Á MULLER EMBARAZADA INTEGRA UNHA REDE DE RECURSOS SOCIAIS, SANITARIOS E EDUCATIVOS QUE GARANTEN O DEREITO Á MATERNIDADE

 O plan está especialmente orientado ás xestantes en situación de vulnerabilidade e risco de exclusión social: mulleres inmigrantes, menores de idade, estudantes e con discapacidade ou incapacidade xudicial
 Establece a prioridade das mulleres embarazadas en todas as axudas de carácter social
 O plan ten carácter interdisciplinar e na súa elaboración participaron os departamentos da Xunta con competencias en igualdade, sanidade, educación, vivenda, transportes, emigración, traballo e benestar.
 Para a súa elaboración, o Goberno autonómico consultou as entidades sociais que traballan na materia en Galicia

O Consello da Xunta deulle hoxe o visto e prace ao Plan integral de apoio á muller embarazada 2012-2014 co obxectivo de por á disposición das xestantes un abano de recursos sociais, sanitarios e educativos que garantan o dereito á maternidade. Este plan da cumprimento ao mandato da Lei 5/2010 do 23 de xuño, polo que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, en resposta ás dificultades detectadasnalgúns casos para levar adiante o embarazo por parte de mulleres que se atopan en situación de especial vulnerabilidade ou risco de exclusión social.

É precisamente neses casos sobre os que o plan centra o seu enfoque, con atención preferente para catro grupos de embarazadas: as mulleres inmigrantes, as menores de idade, as que se atopen cursando estudos e aquelas con discapacidade ou incapacidade xudicial.

O plan senta as bases para crear unhas condicións favorables que eviten que o embarazo interveña como un factor que aboque as mulleres xestantes a situacións de marxinalidade ou risco de exclusión social.

Deste xeito, constitúe unha rede aglutinadora de diversos recursos -sanitarios, sociais, educativos, etc.- que conflúen no propósito de garantir que o embarazo e a maternidade se leven a cabo co maior apoio posible.

A heteroxeneidade do campo de actuación do plan e o seu carácter transversal fixeron precisa unha elaboración interdisciplinar na que participaron os departamentos da Xunta de Galicia con competencias en igualdade, sanidade, educación, vivenda, transportes, emigración, traballo e benestar, baixo a coordinación da Secretaría Xeral da Presidencia, e que se complementaron coas achegas das entidades sociais que traballan na materia en Galicia.

Prioridade no acceso á información e ás axudas de carácter social
O Plan integral de apoio á muller embarazada está presidido polos criterios de dar prioridade ás xestantes nas axudas de carácter social, prestar atención específica aos colectivos máis desfavorecidos ou con maiores dificultades para levar o embarazo a bo termo e intensificar a información sobre os recursos existentes.

Principais medidas
O plan estrutúrase en oito áreas, que engloban un total de 49 medidas. Entre as principais, figuran a preferencia dos concellos ou outras institucións de carácter público para a compra ou alugamento de locais propiedade do IGVS para poñer en funcionamento gardarías, que se recollerá na futura lei de vivenda; o establecemento de medidas de flexibilización temporal da escolarización para mulleres xestantes menores de idade ou a reserva de prazas nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar para as mulleres xestantes e as súas parellas, en período de formación académica.

Asemade, establece a prioridade das mulleres xestantes con discapacidade no acceso as axudas individuais dirixidas ás persoas físicas para promoción da autonomía persoal, así como a prioridade para acceder ás axudas ao fomento da empregabilidade e do emprendemento feminino (Progama Emega) cando se teña producido unha interrupción laboral causada pola dificultade de compaxinar a vida familiar e profesional.

Oportunidade do plan
O actual contexto de fonda crise demográfica de Galicia, cunha taxa de natalidade inferior á media española, pon de relevo a oportunidade do plan, que está concibido cun carácter aberto e permitirá reformular as medidas e incorporar en cada momento as modificacións que o seguimento da súa aplicación aconselle.

A XUNTA AVANZA NA IMPLANTACIÓN DE ENERXÍA EÓLICA COA APROBACIÓN DEFINITIVA DO PROXECTO SECTORIAL DO PARQUE SASDÓNIGAS

 Neste parque, situado no concello lucense de Mondoñedo, instalaranse once aeroxeradores cunha potencia total de 17,6 MW
 O orzamento estimado deste proxecto é de máis de 16 millóns de euros O Consello da Xunta de Galicia acaba de dar a súa aprobación definitiva ao proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Parque Eólico Sasdónigas, o que supón o último paso na tramitación autonómica deste parque, que se situará no concello lugués de Mondoñedo.

No Parque Eólico Sasdónigas instalaranse once aeroxeradores cunha potencia total de 17,6 MW, e unha vez posto en marcha permitirá a recadación de máis de 45.000 euros anuais en concepto de canon eólico. O orzamento estimado deste proxecto é de máis de 16 millóns de euros, para executar pola empresa promotora, Norvento SL.

A Consellería de Economía e Industria, que está a dinamizar todas as tramitacións e iniciativas relativas á industria eólica, ten en marcha o Plan Re-Forza, ao abeiro do cal se desenvolveu un concurso eólico que se está a converter no maior plan industrial de Galicia.

Con este novo paso, o Goberno galego, que traballa co obxectivo de que ao remate de 2012 estean autorizados na nosa comunidade un total de 6.500 megavatios de potencia eólica, avanza na implantación de enerxías renovables e na recuperación do liderado eólico da comunidade autónoma, reducindo a dependencia de fontes de enerxía contaminantes.

O CONSELLO DA XUNTA INFORMA SOBRE O BALANCE DA ACTIVIDADE DE INSPECCIÓN TURÍSTICA 2011 E APROBA O PLAN DE INSPECCIÓN TURÍSTICA 2012

 Por primeira vez en 2011 se fixo un Plan especial de inspección turística para a campaña de verán co obxectivo de identificar establecementos ilegais e establecementos legais con prazas ilegais, que terá unha segunda edición neste ano 2012
 O Plan de inspección turística 2012 ten como finalidade a mellora da calidade de prestación dos servizos turísticos de Galicia a través do asesoramento e control da actuación empresarial
 O cumprimento do Plan de inspección turística 2011 redundou nunha mellora da productividade da inspección turística. A actividade inspectora deu un balance positivo.Tramitáronse un total de 9.041 expedientes, fronte aos 7.641 de 2010, o que implica un incremento do 18%

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Plan de inspección turística para 2012. Así mesmo, informou sobre o balance de mellora da actividade da inspección turística durante o pasado ano. No tocante ao Plan de inspección turística para 2012, que fixa os criterios e parámetros fundamentais no desenvolvemento da actividade inspectora, os seus obxectivos pasan pola mellora da calidade de prestación dos servizos turísticos de Galicia, a través do asesoramento do control e da actuación empresarial. Do mesmo xeito, persegue promover e facer efectivos os dereitos das usuarias e usuarios turísticos; evitar a prestación de actividades e servizos turísticos sen a preceptiva declaración responsable de inicio de actividade; verificar a correcta clasificación dos
establecementos e a súa adaptación á Lei 7/2011, do turismo de Galicia; vixiar o intrusismo profesional en todos os ámbitos e especialmente nos labores propias das axencias de viaxe vía internet; divulgar e asesorar a nova Lei do turismo de Galicia e os decretos de desenvolvemento.

O eixo central deste plan é adecuar á clasificación dos establecementos turísticos a realidade normativa despois da aprobación da Lei 7/2011, do 25 de outubro, do turismo de Galicia. O documento define para cada tipoloxía de establecemento aqueles aspectos sobre os que o corpo de inspección prestará especial atención no desempeño da súa competencia así como o momento temporal e o ámbito xeográfico para facelo.

Préstase especial atención ás zonas máis turísticas como os concellos de litoral, o Camiño de Santiago, as grandes cidades… adecuando á modalidade turística o ámbito xeográfico.

Balance da actividade inspectora
A acción inspectora no ano 2011, ademais de cursar as denuncias recibidas, centrábase moito no asesoramento sobre o novo modelo de actuación administrativa derivado da adaptación da normativa turística á Directiva de servizos, coa introdución das declaracións responsables. Así mesmo, neste labor informativo e de asesoramento incidiu particularmente a aprobación de dous decretos: o Decreto de apartamentos e vivendas turísticas e mais o Decreto de réxime de prezos e reservas para aloxamento e restauración. Ambos supuxeron rematar cun baleiro legal e flexibilizar a relación contractual empresario/consumidor.

Mellorou a produtividade da inspección turística. A actividade inspectora baseada en tres piares (actas de constancia de feitos, actas de infracción e informes) resultou un balance 2011 dun total de 9.041 expedientes, fronte aos 7.641 de 2010. No tocante ás actas de constancia de feitos, supoñen a maior actividade da escala técnica da inspección, con 5.939 actas, o que implica un incremento de 1.360 actas con respecto ao 2010, que supón unha porcentaxe do 23% máis. Os informes son a segunda actividade máis importante numericamente, acadando un volume de 2.721 informes.

Tamén as actas de infracción superan os índices de 2010, acadando as 381.

As provincias da Coruña e Pontevedra tamén tiveron un maior volume de actividade, representando o 70% da actividade inspectora. As denuncias recibidas baixaron de 1.450 en 2010 a 1.029 en 2011.

Tendo en conta os tipos de establecementos, o 62,68% das actas de constancia levantáronse en establecementos de restauración, o 15,29% en hoteis, albergues ou pensións e o resto en acampamentos, casas de turismo rural e apartamentos turísticos, intermediación e outros.

Por primeira vez se fixo en 2011 un Plan especial de inspección turística para a campaña de verán 2011, para identificar establecementos ilegais e establecementos legais con prazas ilegais, que terá unha segunda edición no período estival de 2012.

A XUNTA REMITIRÁ AO PARLAMENTO DE GALICIA VINTE E TRES NOVAS LEIS NO QUE QUEDA DE LEXISLATURA

 O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, presentou esta mañá perante o Consello da Xunta un informe sobre o calendario lexislativo para a VIII lexislatura
 Nos vindeiros meses aprobaranse normas relativas á vivenda, xuventude, discapacidade, innovación e fomento do emprendemento, entre outros asuntos

 Xa entraron no Parlamento de Galicia un total de corenta e unha leis –trinta e oito promovidas pola Xunta-, practicamente as mesmas que nas anteriores sete lexislaturas, onde a media era de corenta e dúas leis aprobadas por lexislatura
 Entre as leis xa aprobadas na Cámara galega destacan ás relativas á prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores, convivencia da comunidade educativa ou apoio á familia

O consello da Xunta deu esta mañá o visto e prace ao calendario lexislativo para o que resta da VIII lexislatura e que prevé a remisión ao Parlamento de vinte e tres novas leis propostas polas distintas consellerías da Xunta de Galicia.

Así o informou o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, que detallou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten previsto remitir catro textos lexislativos; Traballo e Benestar, Economía e Industria; e Medio Rural e do Mar, tres leis cada unha; as Consellerías de Presidencia; Sanidade; e Cultura e Educación e Ordenación Universitaria dúas normas máis cada unha e que a consellería de Facenda e as secretarías xerais de Emigración, Medios e Modernización, un novo texto lexislativo cada unha.

Concretamente, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten previsto aprobar a Lei de vivenda de Galicia, a Lei de transporte público de persoas en vehículos de turismo, a Lei de caza e a de estradas de Galicia. O departamento dirixido por Alfonso Rueda fará o propio coa Lei da Xunta e a súa Presidencia, e a Lei de espectáculos públicos.

Pola súa banda, Traballo e Benestar remitirá á Cámara galega a Lei de xuventude, a Lei de discapacidade e a de inclusión social e modificación da Lei de renda de integración social; Economía e Industria a Lei de innovación, a de fomento do emprendemento e a de industria marítima; e a do Medio Rural e do Mar as leis de montes, xestión e administración portuaria de Galicia e a Lei de acuicultura.

Por último, Cultura, Educación e Ordenación Universitaria enviará ao Parlamento a Lei de universidades e a do patrimonio cultural; Sanidade a Lei de garantías das prestacións sanitarias e a Lei de creación da Axencia galega de sangue e tecidos; Facenda a da función pública de Galicia; a Secretaría Xeral de Emigración a Lei de apoio ao retorno; a Secretaría Xeral de Medios a de publicidade institucional e a Secretaría Xeral de Modernización a Lei de impulso e ordenación das telecomunicacións de Galicia.

Corenta e unha leis no Parlamento
Doutra banda, no que levamos de lexislatura -e a falta dun ano para completala- a Xunta enviou trinta e oito das corenta e unha leis que entraron no Parlamento de Galicia, practicamente as mesmas que nas anteriores sete lexislaturas, onde a media era de corenta e dúas leis aprobadas por lexislatura.

En concreto, destes corenta e un textos lexislativos, trinta e sete son leis xa aprobadas e catro atópanse agora mesmo en tramitación, como é o caso da Lei da área metropolitana de Vigo; a do deporte de Galicia; a Lei de bibliotecas e Lei de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias.

Entre as leis aprobadas na Cámara galega destacan, pola súa transcendencia, algunhas relacionadas con materias que afectan a todos os galegos. É o caso da Lei de medidas tributarias relativas ao imposto sobre transmisións patrimoniais, a das caixas de aforro galegas; a de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade ou a
de apoio á familia e á convivencia de Galicia; e de convivencia da participación da comunidade educativa; entre outras.

A XUNTA INICIA A TRAMITACIÓN DUNHA NOVA LEI DE ESTRADAS PARA ADAPTALA AOS CAMBIOS LEXISLATIVOS EN MATERIA AMBIENTAL, URBANÍSTICA E DE CONTRATACIÓN

 Mañá iníciase o trámite de información pública co obxectivo de remitir a Lei ao Parlamento antes de que remate o ano
 Ademais de modernizar a lexislación autonómica en materia de estradas, incídese nunha maior transparencia e seguridade xurídica para o cidadán, nos mecanismos de aforro para a Administración, na atención sensibilizada aos afectados polas obras ou a racionalización de terreos lindeiros
 O texto deste anteproxecto de lei poderá ser consultado polos cidadáns na páxina web da Xunta de Galicia a partir de mañá
 A Consellería de Medio Ambiente prevé remitir o anteproxecto de lei ao Parlamento en novembro de 2012 para a súa aprobación

O Consello da Xunta de hoxe foi informado do inicio da tramitación dunha nova Lei de estradas de Galicia que optimizará a prestación do servizo público viario.Transcorridos máis de dezasete anos desde a entrada en vigor da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, nos cales se produciron avances técnicos e cambios lexislativos (como a creación da
Axencia Galega de Infraestruturas), é necesario establecer un novo marco xurídico en materia de estradas galegas. O texto deste anteproxecto de lei poderá ser consultado polos cidadáns na páxina web da Xunta de Galicia a partir de mañá co obxectivo de comezar o procedemento de información pública.

As razóns que xustifican a elaboración dunha nova normativa son de natureza técnica, como os avances acaecidos no eido da enxeñaría de estradas ou financeira, entre as que destaca a creación de novos mecanismos de financiamento das actuacións. Non obstante, a razón fundamental que xustifica a modificación legal, radica nos importantes cambios en disposicións normativas que inciden neste sector do dominio público (as derivadas da nova normativa en materia de contratación administrativa, de medio ambiente e de ordenación do territorio e urbanismo).

Novidades
O novo anteproxecto de Lei de estradas de Galicia presenta unha serie de novidades, de entre as cales, no que afecta máis directamente a cidadanía, pódense destacar as seguintes:
· Atende as demandas da cidadanía, compatibilizándoas coa protección do dominio público viario.
· Permite que nas expropiacións en materia de estradas os propietarios dos terreos manteñan os dereitos urbanísticos sobre estes, expropiándoos só, nese caso, coa consideración de terreos rústicos.
· Clarifica a interpretación das limitacións de uso no contorno da estrada.
· Aporta maior seguridade xurídica ao cidadán: homoxeneiza as distancias a que se establece a liña límite de edificación nas estradas convencionais.
· Racionaliza o uso dos terreos lindeiros: reordena o catálogo de actividades e usos permitidos nas zonas de protección da estrada.

Estrutura
O anteproxecto de lei que se presenta consta de 75 artigos divididos en cinco títulos, tres disposicións adicionais, dúas transitorias, unha derrogatoria e tres derradeiras.

O título I, que consta de dez artigos (do 1 ó 10), está dedicado a determinar o obxecto e a finalidade da lei, que transcende o clásico ámbito da estrada para referirse ao máis amplo de dominio público viario.

O título II consta de trece artigos (do 11 ao 23) e regula a planificación e proxección das estradas, coa intención de ofrecer mecanismos de traballo áxiles e flexibles en cada caso, á vez que garantan os debidos niveis de seguridade xurídica, coordinación entre administracións, participación cidadá e calidade na posta en servizo das estradas.

O título III (artigos 24 ao 36) refírese á construción e ao financiamento das actuacións e á explotación do dominio público viario. No Título IV (artigos 37 ao 57) disponse o réxime de protección do dominio público viario, para o cal se establece o tradicional sistema de limitacións ás propiedades contiguas e de control de usos mediante autorizacións administrativas. O título V (artigos 58 ao 75) recolle os principios do réxime sancionador. Por último, o texto remata coas disposicións adicionais, transitorias, derrogatorias e derradeiras.

Cronograma
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sinala que existen tres fases previstas para a tramitación da nova Lei de estradas de Galicia.

A fase inicial, comprendida entre os meses de outubro de 2011 e xaneiro de 2012, alberga o acordo de inicio do procedemento, a elaboración do texto do anteproxecto de lei, a memoria xustificativa e a económico- financeira e a táboa de vixencias. Tamén se realizou a solicitude de informe do Servizo Xurídico da Secretaría Xeral Técnica de Medio Ambiente e a aprobación inicial do anteproxecto. Esta fase remata mañá coa publicación, na páxina web, do texto de anteproxecto de lei, co obxectivo de iniciar o procedemento de información pública.

A fase intermedia, que se prolongará ata mediados de xuño, constará do trámite de información pública e a recepción de proposicións, suxestións e recomendacións.

Efectuaranse as solicitudes de informe correspondentes á Secretaría Xeral de Igualdade, á Dirección Xeral de Orzamentos e á Consellería de Facenda. Elaborarase o informe sobre as alegacións presentadas sobre a audiencia corporativa e adaptarase o texto do anteproxecto e da memoria económica segundo os informes emitidos polos diferentes centros directivos.

A fase final, entre mediados de xuño e fin de ano, centrarase na solicitude de informe á Asesoría Xurídica Xeral e á emisión deste, á elaboración de informe da Axencia Galega de Infraestruturas sobre as observacións recibidas nos informes emitidos, na audiencia corporativa e a través do web. Solicitarase o informe de legalidade á Secretaría Xeral Técnica de Medio Ambiente e o ditame do Consello Económico Social. Remitirase o
texto a todas as consellerías da Xunta de Galicia, estudarase o anteproxecto na Comisión de Secretarios Xerais Técnicos e xa antes de remata-lo ano elevarase ao Consello da Xunta para ser aprobado e remitido posteriormente ao Parlamento de Galicia.

A LEI DO COMERCIO INTERIOR DE GALICIA DEMOSTRA SER NO SEU PRIMEIRO ANO DE VIXENCIA UNHA FERRAMENTA EFICAZ PARA A PROTECCIÓN E MODERNIZACIÓN DO SECTOR

 A norma, aprobada co consenso do sector, dálle seguridade xurídica a este regulando actividades comerciais como os outlets, as feiras de oportunidades ou as promocións
 O Consello Galego de Comercio e as mesas locais de Comercio, creados na nova lei, funcionan xa como mecanismos de diálogo aberto entre os comerciantes e a Administración
 Un total de 168 concellos galegos puxeron en marcha as súas mesas locais de comercio e os restantes están representados nas mesas provinciais
 O Rexistro Galego de Comercio, creado ao abeiro da nova lei, conta xa con preto de 1.100 establecementos, e continúa día a día incorporando novos comercios

A Lei de comercio interior de Galicia, elaborada e aprobada co consenso do sector, confírmase no seu primeiro ano de vixencia como unha ferramenta eficaz para o impulso e a dinamización do comercio galego, dándolle seguridade xurídica a este, vinte anos despois da anterior normativa, ao regular actividades comerciais como os outlets e feiras de oportunidades ou figuras como os centros comerciais abertos. Ao mesmo tempo a nova norma facilitou a posta en marcha de novos mecanismos de diálogo aberto entre os comerciantes, os consumidores e a Administración, como o Consello Galego de Comercio, as mesas locais de Comercio ou a Comisión Consultiva.

A Consellería de Economía e Industria, que informou hoxe no Consello da Xunta sobre as actuacións desenvolvidas ao abeiro desta lei desde a súa entrada en vigor o 18 de xaneiro do ano pasado, deu resposta coa nova norma ás demandas dos comerciantes sen descoidar a protección dos consumidores, contribuíndo á modernización do pequeno comercio e introducindo melloras antes non recollidas na normativa.

A lei ordena e equilibra o comercio interior de Galicia conforme as súas necesidades e as súas características específicas, procurando a necesaria protección do comercio de proximidade, regulando aspectos tan importantes como os distintos tipos de promocións de vendas.

Para velar polo seu cumprimento, que é elevado grazas en boa medida ás campañas informativas desenvolvidas pola Consellería de Economía e Industria en colaboración co sector, a norma recolle a creación do corpo de inspectores de Comercio, que ao longo de 2011 desenvolveu catro campañas específicas de inspección das actividades de promoción de vendas.

Outra das figuras creadas nesta nova lei son as mesas locais de Comercio, amplamente demandadas polos comerciantes, e que xa están en marcha en toda a xeografía galega, funcionando como órganos de participación do sector no ámbito local e de coordinación do traballo das asociacións coas administracións. Un total de 168 concellos constituíron mesas locais de Comercio por ter asociacións de comerciantes ou por contar con máis de 20 comercios, mentres que os restantes municipios galegos están representados nas respectivas mesas provinciais.

A entrada en vigor da Lei do comercio interior supuxo tamén a posta en marcha do Consello Galego de Comercio, un órgano de colaboración e traballo directo con todos os axentes implicados no desenvolvemento da actividade comercial de Galicia e unha plataforma de diálogo aberto co sector a prol do seu crecemento que se constituíu o pasado 5 de outubro e que tratou nas súas reunións asuntos de especial importancia para o sector como a determinación dos festivos declarados hábiles comercialmente para este ano.

Así mesmo, o Rexistro Galego de Comercio, no cal xa están rexistrados preto de 1.100 comercios, continúa día a día incorporando novos establecementos e asociacións de comerciantes, o que lle permitirá ao Goberno galego dispor de información actualizada da estrutura comercial de Galicia que favorecerá o impulso das políticas máis axeitadas en materia de comercio.

¿Y tú qué opinas de esto?

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s