Intenso programa de actividades del Museo de Bellas Artes de

El pase de diapositivas requiere JavaScript.


O MUSEO DE BELAS ARTES DE A CORUÑA ACOLLEU NO 2010 DESDE OBRADOIROS ATA CICLOS DE CINE DIRIXIDOS A TODOS OS PÚBLICOS

 No seu programa infantil, xuvenil e para adultos destacaron oito obradoiros, dous ciclos de conferencias, dous ciclos musicais, un ciclo audiovisual, a actuación dun contacontos e a produción dunha obra teatral, ademais de ser unha das sedes do ciclo Via Stellae organizado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Santiago, 5 de xaneiro de 2011.- O Museo de Belas Artes de A Coruña acolleu no ano 2010 dentro da súa programación anual do 2010 oito obradoiros, dous ciclos de conferencias, dous ciclos musicais, un ciclo audiovisual, a actuación dun contacontos e a produción dunha obra teatral, ademais de ser sede do ciclo Via Stellae organizado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

O público infantil foi o auténtico protagonista do programa do Museo sen esquecer outros sectores como o xuvenil e o adulto. A programación anual deu comezo cun obradoiro de narración e pintura, Palabras a cores, desenvolvido ao longo de catro sábados de marzo e abril e destinado a nenos de 4 a 7 anos. Nel vinculouse a narración oral coa pintura, construíndo historias a partir das formas e cores presentes nos cadros. Desde o 8 de maio ao 26 de xuño, tivo lugar todos os sábados polo serán, o obradoiro en familia titulado Un cadro, unha historia, un xogo, que formulou un percorrido polas salas do século XX do museo con varias mini-actividades diante das obras e destinado a familias con nenos maiores de 5 anos.

O teatro foi outro dos grandes protagonistas do ano, celebrándose un obradoiro infantil sobre o Século de Ouro español, onde se desenvolveu o proceso teatral mediante o xogo, os traballos manuais, a memorización de textos e a observación das pinturas barrocas da colección permanente do museo. Como colofón, levaron a escena unha serie de poemas teatralizados diante dun auditorio de máis de cen persoas. A segunda experiencia teatral foi a producción da obra Os limóns de dona Elvira, obra encargada á compañía Galitoon para celebrar o centenario do nacemento de Luís Seoane. Para iso, os seus creadores partiron do universo creativo do pintor, reproducindo e intercalando ao longo do discurso narrativo imaxes das súas obras e referencias ás súas formas e cores. Realizáronse cinco funcións no mes de novembro, catro destinadas a centros escolares e unha ao público familiar, e a acollida foi espectacular, logrando o cheo absoluto en todos os pases. Un contacontos completou a oferta de actividades escénicas infantís do museo durante os sábados de outubro e novembro, unha iniciativa á que asistiron máis de catrocentas persoas.

Para rematar as actividades infantís, o pasado ano tamén se organizaron obradoiros de verán durante o mes de xullo, destinados a nenos de 6 a 12 anos. O tema dos mesmos foi a escultura, traballando coas obras de Asorey, Leiro, Manolo Paz, Silverio Rivas, Jesús Valverde, Isidoro Brocos ou Cristino Mallo. Por medio delas aprenderon a recoñecer os materias, as técnicas, as texturas, as formas, pero tamén espacios do museo de acceso restrinxido, como o obradoiro de restauración ou os almacéns. Durante os catro días que durou a actividade experimentouse co barro, desenvolvéronse habilidades, manexáronse materiais e procesos creativos utilizados na escultura clásica e contemporánea, e empregouse a expresión corporal como ferramenta creativa.

A oferta de actividades dirixidas ao público adolescente tamén se converteu nun capítulo importante, tendo en conta que este tipo de visitante era o gran ausente no museo. Por tal motivo e ante a boa acollida do ano anterior, volveuse a convocar o obradoiro de arte urbano durante os meses de outubro e novembro. En 2010 propúxose traballar arredor de distintos espazos da cidade e sobre como se pode incidir no seu cambio por medio de distintas accións artísticas, desenvolvendo técnicas como o graffiti ou a stencil-art.

Programación para adultos
En relación cos adultos, volveuse a programar para os martes pola mañá, desde marzo ata decembro, o ciclo de conferencias xa iniciado en 2009, A historia da arte a través dos museos. Como novidade, e á vista do éxito acadado por este tipo de curso en horario matinal, matriculáronse máis de 70 persoas na convocatoria de marzo e outras tantas na de outubro, comezou un novo ciclo de carácter temático, que se impartiu os mércores no mesmo horario, Os temas da arte. Foron dous os temas a tratar, a pintura mitolóxica, durante os meses de primavera; e a imaxe da muller, durante os de outono.

Con carácter práctico, e tamén por segundo ano consecutivo, tivo lugar un obradoiro sobre dourado tradicional os meses de maio e xuño, curso monográfico no que se ensinaron as distintas técnicas do dourado tradicional con ouro fino: imprimación, estucado, embolado, colocación do ouro fino, bruñido e barnizado, así como a infinidade de aplicacións que ten: desde esculturas a caixas, marcos, mobles e espellos. Os obradoiros e gravado continuaron acadando o mesmo éxito de matrícula con longas listas de espera, desenvolvéndose nas distintas especialidades que desde fai anos vense impartindo no museo: gravado calcográfico, litografía e xilografía. De todos eles fixéronse un total de oito convocatorias ao longo de 2010, cunha duración de cinco sábados cada unha.

Co mesmo formato de obradoiro, deu comezou unha nova actividade cunha grandísima acollida, o taller de escritura Contos no museo. Partindo dunha serie de cadros do museo, os participantes aprenderon, ao longo dunha ducia de clases, a construír unha narración e a coñecer os mecanismos do conto actual para crear a súa propia historia. De forma paralela invitouse a persoeiros relacionados coa creación literaria, escritores e ilustradores, para completar a visión obtida polos alumnos a través do curso. O resultado foi unha colección de contos realizados polos propios asistentes ao mesmo, algúns deles de moito interese.

Cine e música
O ciclo de cine Arte no celuloide continuou durante os meses de marzo e abril na súa oitava edición, dedicada nesta ocasión a biografías de artistas. Ademais da habitual conferencia de presentación, a cargo dunha especialista na materia procedente da Universidade Carlos III de Madrid, proxectáronse as películas como Rembrandt de Alexander Korda, Caravaggio de Derek Jarman, Goya en Burdeos de Carlos Saura, Seraphine de Martin Provost e o episodio de Van Gogh da longametraxe Os sonos de Akira Kurosawa.

En canto a programación musical, desenvolveuse o ciclo Música para unha época por noveno ano consecutivo. Este ciclo, que combina a música dunha determinada época coa visita guiada á sala do museo correspondente do mesmo período histórico, reuniu ao grupo de cámara de orixe austríaco Ensemble Plus para o século XX; ao pianista Sergei Yerokhin para a pintura do Romanticismo e ao guitarrista Carles Trepat, para a pintura Barroca. Xa totalmente consolidado no museo, e dedicado a intérpretes galego, o ciclo de Concertos de Outono incluíu formacións como o dúo integrado polo contrabaixo Diego Zecharias e a pianista Alicia Permuy, o grupo de cámara Ensamble IULIUS XIII, a pianista Giselle Grau e o guitarrista Ramón Carnota.

Ademais, e como se vén realizando desde hai uns anos, o museo foi unha das múltiples sedes do ciclo Via Stellae.V Festival de Música de Compostela e os seus camiños, organizado durante os meses de verano pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. No marco do citado encontro celebráronse os concertos do dúo de clarinete formado por Enrique Pérez Piquer e Aníbal Bañados Lira, a Academia Contemporánea Do Via Stellae, e a soprano Roberta Invernizzi acompañada ao arpa de dúas ordes por Manuel Vilas.

¿Y tú qué opinas de esto?

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s