A enésima desfeita da industria madeireira cebouse desta volta cun dos símbolos arqueolóxicos máis coñecidos de Galiza: o Castro de Baroña.
Desta volta os danos consisten na alteración de parte do camiño de acceso ao castro, pola circulación de maquinaria pesada que remexeu o substrato e posiblemente tamén afectou ao enlousado natural. Dáse a ircunstancia que o Castro de Baroña é un BIC (Ben de Interese Cultural) que xunto coa súa contorna gozan do máis alto grao de protección atendendo á Lei 5/2016 do Patrimonio. A maiores, esta área forma tamén parte da Rede Natura 2000 (ZEC Complexo Húmido de Corrubedo), polo que tamén goza de protección ambiental.
Práctica indefensión do patrimonio cultural fronte ao eucalipto e a industria forestal
Nos últimos anos, ADEGA e colectivos de defensa do patrimonio histórico e arqueolóxico como MariñaPatrimonio vimos denunciando danos, mesmo por veces irreparábeis, en castros, mámoas, petróglifos, minas romanas, camiños hstóricos, etc. provocados polas actividades (plantacións, cortas, pistas de acceso e movementos de terras…) da industria madeireira e forestal.
Das ducias de denuncias presentadas só unhas poucas deron lugar a expedientes sancionadores incoados pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Xa que logo, a mensaxe que a Xunta traslada aos infratores é de práctica impunidade: as institucións encarregadas de tutelar a nosa herdanza cultural e histórica fan deixadez das súas funcións e deléganas en madeiristas e plantadores de eucaliptos.
Ti vai facendo: A Xunta dá máis facilidades á industria para arramplar co noso patrimonio
A situación do patrimonio histórico e arqueolóxico pode aínda ir a pior. A principios de abril a Xunta aprobou unha Orde conxunta das consellarías de Medio Rural, Medio Ambiente e Infraestruturas, pola que se eliminaba a necesidade de solicitar permisos de corta en determinados espazos protexidos, como a Rede Natura, zonas de policía de cauces e estradas e outras áreas de dominio público. Deste xeito os madeiristas tan só terán que achegar unha “declaración responsábel” para realizar as súas actividades, comprometéndose a cumprir unha serie de condicións e a verificar (eles mesmos) que operan fóra das áreas de exlusión (ZEPAs, Parques Naturais, hábitats dunares, etc.), para o que a Xunta ofrece un xeovisor de consulta. É outro exemplo máis do “ti vai facendo“, só que a administración renuncia ás ferramentas (avaliación previa e autorización explícita) para comprobar o que se realmente se fai.
Polo que atinxe aos terreos con algunha protección ao abeiro da Lei 5/2018 do Patrimonio, non fica claro se esta Orde permite as cortas só con declaración responsábel. Sobre este particular, ADEGA solicitou información á Consellaría de Cultura, xa que a Orde de talas non é clara. Entendemos que ao non referirse explicitamente aos elementos do Patrimonio Cultural, nen establecer condicións propias como acontece con vías, augas e espazos naturais protexidos, debería seguir sendo esixíbel a autorización preceitiva da D. X. de Patrimonio.
Dende ADEGA entendemos que con esta Orde a Xunta delega efectivamente a tutela sobre os bens de dominio público na cidadanía, responsabilizándoa do seu coidado cando se practiquen traballos forestais. Tamén, que a Xunta renuncia a controlar o posíbel impacto destas actividades en espazos sensíbeis, facendo deixadez da súa función inspectora e descargando toda a responsabilidade nos usuarios/as.
Trátase doutra onda expansiva da coñecida como Lei de Depredación, norma que visaba “remover atrancos adminsitrativos” pola vía de facer desaparecer a administración e entregar o territorio a eólicas, mineiras e pasteiras.
Podedes decir o que queirades pero o eucalipto é das actividades agrarias mais respetuosas co patrimonio.
Moito do problema é pola explosión, en tamaño e potencia, da maquinaria agrícola, explosión non demasiado xustificada e que se está dando en todos os campos da agricultura galega. Na zona de eucalipto ainda hai patrimonio que deteriorar en zonas de pasto e de labranza fai moito tempo que foi esnaquizado.
Explicando a cousa dende a outra banda eu fixen un aproveitamento de eucaliptos nun castro da miña propiedade, e estando eu no paro e necesitando os cartos o concello pretendía que pagara (do meu peto) un arqueólogo. Eu que supervise un arqueólogo me parece perfecto (estou a favor da defensa do patrimonio) pero que o teña que pagar eu é algo totalmente distinto: ese terreo e meu porque os meus pais e avós, tendo moita falta de cartos, fixeron todo o posible para que chegara a min, e plantaronlle eucaliptos para que “puidera estudiar unha carreira si quería” , así tal cual o dixeron.
Menos mal que na xunta se chamaron a razóns e supervisaron eles.
Me gustaMe gusta