O vindeiro domingo, 22 de abril, Cousa de Raíces unirase á manifestación convocada pola Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), membro da plataforma, para defender a titularidade veciñal dos montes veciñais en man común e para demandar un Plano Forestal que atenda á diversidade de funcións dos montes galegos, non só aos intereses de Ence e das empresas da enerxía. A marcha sairá ás 12 horas da Estación de Trens de Compostela e acabará na Praza da Quintana.
Coas últimas modificacións da Lei de Montes Veciñais en Man Común xunto coa revisión do Plano Forestal de Galiza, o Partido Popular, a través da Xunta, quere ROUBAR o monte veciñal ás Comunidades de Montes. A Consellería de Medio Rural convértese en xuíz e parte para declarar un monte veciñal en estado de abandono ou degradación, e para posteriormente agasallarllo ás empresas privadas da madeira, da minaría e da enerxía por 50 anos, sen posibilidade de que os veciños e veciñas poidan recuperar os seus montes. Os cambios lexislativos vividos nos últimos tempos ofrecen na práctica a posibilidade de intervir o monte veciñal por parte da Administración por causas burocráticas e administrativas, como pode ser non elixir a Xunta Reitora a tempo ou incumprir algún artigo da Lei de Montes de Galiza ou de Prevención e Defensa contra os Lumes Forestais. Ademais pretende DESCLASIFICAR montes veciñais que teñan entre os seus usos o social.
O Partido Popular quere PRIVATIZAR e DESCLASIFICAR os montes veciñais en man común, que ocupan a cuarta parte do territorio galego, para que desapareza do noso país esta forma comunal e xermánica de xestionar os montes que temos os galegos e galegas, pola que estes montes non se poden dividir, nin vender, nin embargar. O goberno galego está a explorar varias fórmular para esquivar este rexime de propiedade xermánica, quedando claro que para este goberno o Rural galego non ten futuro.
Só lle interesa, por tanto, a implantación de aproveitamentos agresivos nos montes que benefician aos seus amigos, pero que non xeran valor engadido para o país, ou equipamentos e instalacións para as elites (campos de golf, centros comerciais, urbanizacións de luxo, etc).
Esta mesma idea aparece tamén reflectida na revisión do Plano Forestal de Galiza, ao seguir apostando claramente por incrementar a superficie de eucalipto a 50.000 Ha máis, potenciar os cultivos enerxéticos (cultivar especies exóticas para queimar), e desbotar de novo a oportunidade de promover as madeiras de calidade das frondosas, os produtos do bosque ou a multifuncionalidade social, ambiental ou económica dos montes.
A veciñanza comuneira e o pobo galego en xeral, temos que parar este ROUBO do monte veciñal e a destrución do noso Medio Rural. Temos a obriga moral de mobilizarnos e acudir á MANIFESTACIÓN organizada pola Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común, apoiada por FRUGA, CIG, SLG, ADEGA, ATRIFOGA, APDR e a rede Cousa de Raíces.
A marcha terá lugar o vindeiro Domingo 22 de Abril de 2018, as 12,00 horas en Santiago de Compostela, con saída desde a Estación de Renfe.