CONTRA INCENDIOS FORESTALES
A Xunta financia a constitución de 64 brigadas contra incendios nos concellos da provincia de Lugo, coas que se reforza o operativo disposto a través do Pladiga
- A delegada territorial, Raquel Arias, explicou distintas liñas de colaboración que se establecen cos municipios “para conseguir unha maior eficacia na loita contra o lume a través da optimización no uso dos recursos”
- O apoio da Administración facilita a contratación de 319 persoas nas brigadas de 58 concellos, que se suman aos efectivos despregados pola Consellería do Medio Rural e do Mar
Lugo, 24 de xuño de 2014.- A Xunta colaborará na loita contra os incendios forestais cos concellos da provincia de Lugo, para o que aprobou o financiamento de 64 brigadas municipais. A Consellería do Medio Rural e do Mar inviste 1.705.862 euros nesta acción, que beneficia aos 58 concellos que o solicitaron e suporá a contratación nos vindeiros días de 319 traballadoras e traballadores para as brigadas locais contra incendios no territorio lucense.
Así o expuxo hoxe a delegada territorial de Lugo, Raquel Arias, que subliñou a aposta da Xunta pola colaboración cos concellos “para conseguir unha maior eficacia na loita contra o lume a través da optimización no uso dos recursos”.
Arias, acompañada polo xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Ramón Losada, explicou que o persoal destas brigadas ven a completar o operativo despregado pola Xunta, co que “o dispositivo de loita contra incendios deste ano será similar en liñas xerais ao do pasado exercicio en canto a número de efectivos”.
Tamén en relación con este asunto, Arias sinalou que “a colaboración cos municipios enmárcase no ámbito da coordinación e apoio entre administracións” e introduce claras vantaxes, “xa que garante a optimización dos recursos dispoñibles, faise fincapé nas tarefas de prevención, gáñase operatividade porque os gobernos locais coñecen mellor as necesidades de actuación no seu termo municipal, e increméntase a eficacia porque todo o operativo está coordinado por un único mando do Servizo de Defensa contra Incendios da xunta de Galicia”.
Funcionamento dos equipos
As brigadas constan de entre 4 e 6 membros e, entre as súas obrigas, terán que acreditar traballos de limpeza nun mínimo de 5 hectáreas do municipio, realizando tarefas de roza, rareo e eliminación de restos en terreos municipais ou de dono descoñecido ou ben vías nas que é impracticable a limpeza mecanizada, con tractor, e debe facerse a man. Atendendo a circunstancias especiais de situación xeográfica, masa forestal ou risco de incendios, hai concellos que constituirán dúas brigadas.
A delegada indicou que este modelo de colaboración cos concellos na prevención dos lumes, posto en marcha o ano pasado, “está a mudar tamén un pouco a imaxe da ordenación do noso territorio, xa que se actúa para que todas as franxas que bordean os núcleos rurais e os núcleos urbanos se manteñan limpas”.
Arias considerou que a maioría dos concellos “están coa mesma sensibilidade que a Xunta” para facer fronte a esta lacra e existe unha “excelente coordinación” entre administracións. De feito, subscribíronse tamén convenios para sufragar o funcionamento dos vehículos motobombas e para a aplicación de tratamentos preventivos de limpeza en camiños, pistas e outros espazos vexetais coa intención de minimizar o risco e os efectos dos lumes.
Neste sentido, valorou tamén que esa coordinación xa se veu acreditando coa formación dos grupos de Emerxencia por toda Galicia “e agora tamén coas brigadas que van facer prevención e defensa contra os incendios”, engadiu Arias.