ESCOPETA NACIONAL
ADEGA pide a suspensión da tempada de caza polos centos de licenzas ilegais que investiga a Fiscalía
Á FISCALÍA DE MEDIO AMBIENTE DO TSXG. FEITOS E FUNDAMENTACIÓN LEGAL DA DENUNCIA
1. EXPEDICIÓN FRAUDULENTA DE LICENZAS DE CAZA. Segundo recolleron recentemente algúns medios de comunicación (El País, 5 de outubro) e a mesma Consellaría de Medio Ambiente recoñeceu en declaracións a este mesmo medio, no Servizo de Conservación da Natureza da Coruña estivéronse expedindo licenzas de caza ilegais.
Esta ilegalidade baséase nun incumprimento do procedemento para obter estas licenzas que vén regulado na Lei 4/1997 de Caza de Galiza e no Decreto 284/2001 polo que se aproba o Regulamento da caza en Galiza. O artigo 46º da Lei 4/1997 de Caza establece a necesidade de acreditar unha aptitude e uns coñecementos precisos para obter a licenza de caza e disponse que regulamentariamente se determinarán os requisitos, as condicións para a obtención da licenza de caza e as probas de aptitude que deberán superar os que pretendan obter por 1ª vez a dita licenza.
Neste senso, A Orde do 1 de xuño de 2007 que regula o exame do cazador en Galiza regula o procedemento, o temario, a convocatoria, os exames, a súa corrección e cualificación, así como a puntuación necesaria para superalos e acadar o certificado que permita obter a 1ª licenza de caza.
A propia Consellaría de Medio Ambiente recoñeceu, en prensa, que se incumpriron alo menos dúas condicións necesarias para obter a licenza, a saber
Nos casos descubertos, estes “cazadores ilegais” nin fixeron o exame nin pagaron as taxas oficiais.
Tamén segundo información da Consellaría de Medio Ambiente recollida nos medios, a propia Consellaría abriu a un traballador un expediente disciplinario por estes feitos. Porén, para ADEGA fica claro que a complexidade do proceso administrativo para a obtención destas licenzas determina que neste participen, supervisen, examinen, certifiquen e tramiten as taxas distintos cargos e persoal adscrito ao Servizo de Conservación da Natureza. Para ADEGA é pois evidente que a suposta implicación dun único traballador, do cal non se indica a súa adscrición, nin o seu cargo, nin a súa responsabilidade no proceso de expedición das licenzas, resulta pouco críbel.
2. GRAVIDADE DOS FEITOS E DOS ILÍCITOS PENAIS DERIVADOS. Os feitos anteriormente descritos, de confirmarse a súa comisión por parte do Servizo e Conservación da Natureza da Coruña, constituirían un gravísimo caso corrupción de funcionarios públicos (presunta prevaricación, trato de favor, suborno, malversación de caudais públicos, falsidade documental…) alén dun presunto delicto ambiental por canto a práctica da caza en situación ilegal pode ter graves consecuencias para a conservación dos recursos naturais, ao que habería que engadir tamén presuntos delictos contra a seguridade pública por canto a tenza de licenzas de caza ilegais abre a posibilidade aos seus posuidores de tramitar (e obter) diante da Garda Civil, permisos para portar armas de fogo.
ADEGA sospeita que Administración estaría tratando de ocultar información concentrando o problema nunha poucas licenzas outorgadas neste último ano, e facendo recaer a responsabilidade nun único traballador, para deixar á marxe desta aos responsables políticos e técnicos que orquestaron ou consintiron as irregularidades.
Entendemos que alcance e contido da investigación administrativa aberta pola Consellaría de Medio Ambiente sobre estas prácticas non deberían estar dirixidas por aquelas persoas que na Dirección Xeral de Conservación e no Servizo provincial da Coruña foron presuntamente incapaces de cumprir as obrigas derivadas do seus cargos e participar ou tolerar as irregularidades detectadas.
Polo mesmo, en ADEGA entendemos que os informes que poidan elaborar dende o Servizo provincial de Conservación da Natureza da Coruña son de dubidosa credibilidade. Asemade, as probas materiais destas irregularidades radican na documentación administrativa, a certificación de pagamentos rexistrada en Facenda e nas propias entidades bancarias, e a información existente nas bases de datos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza na que se gravan as licenzas concedidas. Parte desta información está en poder do propio Servizo da Coruña que supostamente incumpriu as súas obrigas, e portanto, en risco de ser alterada ou destruída.
Por todo o anteriormente exposto, dende ADEGA SOLICITAMOS a esta Fiscalía que proceda con urxencia a realizar unha investigación profunda e obxectiva en relación coa concesión de licenzas de caza e pesca fluvial por parte do Servizo provincial de Conservación na Coruña entre os anos 2009-2012, periodo no que os funcionarios presuntamente implicados viñeron desempeñando os seus cargos.
Asemade, dende ADEGA solicitamos que as actuacións desta Fiscalía estén especialmente encamiñadas a: