A ORDE QUE REGULA A PESCA NAS AUGAS CONTINENTAIS PARA A TEMPADA DE 2011 PUBLÍCASE HOXE NO DIARIO OFICIAL DE GALICIA
La orden que regula la pesca en aguas continentales para la temporada de 2011 se publica en el Diario Oficial de Galicia (DOG)
- A norma, vixente ata que se publique a de 2012, establece épocas hábiles, tamaños mínimos, cotas de captura, tipos de engado e modalidades permitidas
- As súas principais novidades son a prohibición de anzois triples en augas salmoneiras a partir do 1 de xuño e a veda da pesca deportiva da anguía
Santiago, 2 de febreiro de 2011.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2011. Esta norma entrará en vigor mañá, día seguinte da súa publicación, e manterase vixente ata a publicación da correspondente á tempada do ano 2012.
As principais novidades que incorpora esta Orde son a prohibición de anzois triples en augas salmoneiras a partir do 1 de xuño e a inclusión da veda da pesca deportiva da anguía. En concreto, sobre os anzois, establécese que do 1 xuño ata a fin da tempada os engados artificiais só poderán ter un anzol simple.
Nesta orde do departamento que dirixe Samuel Juárez especifícanse as normas xerais de pesca fluvial de distintas especies ictícolas (de peixes) e dos demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia. Así, establécense as épocas hábiles, tamaños mínimos das especies, cotas de captura, tipos de engado que se empregarán en cada caso e modalidades de pesca permitidas.
Especies
As especies ás que se fai referencia son: salmón, reo, troita, perca negra, saboga, anguía e lamprea, así como as especies de esteiro (robaliza, muxo, solla, etc.), para as que se fixa un réxime especial, do mesmo xeito que para o cangrexo vermello e o cangrexo sinal. Menciónanse, así mesmo, as especies vedadas en tódalas masas de auga (cangrexo de río, reñosa, espiñento, sábalo e anguía).
Sobre as xornadas hábiles para a práctica da pesca, con carácter xeral decláranse os luns como inhábiles, agás festivos nacionais ou autonómicos. Nos coutos de pesca e nos tramos do río Navia compartidos con Asturias serán tamén inhábiles os xoves, agás festivos. Tamén se establece que nas zonas de desembocadura e nos encoros nos que se autoriza a pesca de ciprínidos e perca negra durante todo o ano serán hábiles tódolos días da semana para a captura de especies distintas dos salmónidos.
Canto ás modalidades, como regra xeral e para tódalas especies só se autoriza a pesca con cana, sen prexuízo da regulamentación específica da anguía, angula ou meixón, a lamprea, o cangrexo vermello americano e o cangrexo sinal. Só se permite o emprego dunha cana por persoa, a unha distancia máxima do pescador ou pescadora de tres metros e dunha sacadeira ou un lazo como elemento auxiliar.
Pesca sen morte
No que atinxe á pesca sen morte, autorízase unicamente a mosca artificial nas súas distintas modalidades e a culleriña cun só anzol e sen arponciño, quedando prohibido para tódolos efectos o engado natural. Ademais, especifícase que tódalas capturas deberán ser devoltas á auga inmediatamente despois da súa extracción.
A Orde incorpora tamén un total de trece anexos nos que se concretan desde as dimensións mínimas do anzol para a pesca con engado natural ata os horarios de pesca do reo, pasando polos réximes especiais de encoros, os tramos libres de pesca sen morte ou a normativa de coutos.
[…] VER ARTICULO RELACIONADO […]
Me gustaMe gusta