MEDIO AMBIENTE UTILIZARÁ UN TRATAMENTO BASEADO EN CORTIZA DE EUCALIPTO CO FIN DE EVITAR AS PROLIFERACIÓNS DE CIANOBACTERIAS NO ENCORO DO UMIA, EN CALDAS DE REIS
Este tratamento experimentouse con éxito a pequena escala no encoro de Forcadas, en Valdoviño, no verán de 2010
Realizarase un seguimento do desenvolvemento da floración de cianobacterias así como a análise da presenza de toxina e a evolución de diferentes parámetros indicativos da calidade das augas
Este tratamento buscará evitar a proliferación ata que sexan efectivas as medidas que desenvolverá o plan de xestión integral da conca do Umia, que se presentará no mes de febreiro
Santiago, 22 de xaneiro de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas implantará un tratamento con cortiza de eucalipto para evitar as floracións de cianobacterias. Este tratamento xa se aplicou con éxito, en fase experimental, no verán de 2010 no encoro de Forcadas, no Concello de Valdoviño, a pequena escala mediante o uso de limnocorrais.
A día de hoxe estanse a valorar as doses precisas para aplicar o devandito tratamento no encoro de Caldas de Reis, no río Umia, para tratar de evitar no ano 2011 as proliferacións que se veñen sucedendo dende o ano 2006.
Augas de Galicia asinou un convenio o pasado 18 de maio coa Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a validación experimental do tratamento con palla de cebada, e contrastando a súa efectividade con outros materiais. A Xunta de Galicia realizou un investimento de 121.190 euros distribuídos nos anos 2010 e 2011.
O obxectivo fundamental do estudo radicou en instalar no encoro de Forcadas pequenas parcelas nas que se aplicaron diferentes doses de palla de cebada e outros materiais como cortiza de eucalipto, comparándoas con outras nos que non se aplicou ningún tratamento. Durante a floración realizouse o seguimento do desenvolvemento das cianobacterias, así como a análise da presenza de toxina e a evolución de diferentes parámetros indicativos da calidade das augas.
Ademais da valoración con palla de cebada comprobouse tamén a efectividade con cortiza e viruta de eucalipto, o que deu tan bos resultados como a palla. O feito de que o material de eucalipto ocupe menor volume por unidade de peso, faino máis manexable para a súa instalación. Cómpre sinalar que onde se engadiu palla ou eucalipto, observouse unha redución significativa na proliferación de cianobacterias. Ademais, aumentaron os niveis doutros taxóns de fitoplacton propios de augas en bo estado, como determinadas Diatomeas ou Clorofíceas.
Confirmados os bos resultados a pequena escala, estase agora a dimensionar o proceso para tratar unha superficie moito máis ampla, como é o encoro de Caldas, como medida directa contra a proliferación de cianobacterias.
Plan de xestión forestal do encoro
Ademais, a Consellería de Medio Ambiente, a través de Augas de Galicia, deseñou un plan de xestión forestal da área de dominio público do encoro de Caldas de Reis, que se desenvolverá no marco do contrato de actuacións de mantemento e conservación do dominio público hidráulico nas marxes do Umia, licitado o pasado mes de novembro.
Augas de Galicia, con este plan, pretende conseguir unha serie de beneficios ambientais como un mellor réxime hídrico na conca inmediata á lámina embalsada, optimización da calidade de augas, contención da erosión ou a creación de novos hábitats sostedores dunha biodiversidade máis rica.
O plan de xestión forestal foi redactado por un grupo de investigación do departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais da Universidade de Vigo, seguindo as directrices de Augas de Galicia. Elaborouse partindo da inspección in situ da zona de estudo e realizando unha análise do grao de conservación ou estado de degradación desta co obxecto de establecer diferentes programas de actuación. Trátase dunha planificación ambiental que axudará tamén a paliar os problemas de proliferación da cianobacteria que vén sufrindo o encoro.
As actuacións obxecto do estudo integran catro grupos entre os que destacan os tratamentos silvícolas, a conservación do bosque de ribeira, melloras ambientais e paisaxísticas e prevención de incendios forestais.
No que se refire a tratamentos silvícolas, cómpre eliminar aquelas especies arbóreas que non se corresponden coa estación forestal do encoro, cuxos restos actuais proceden de antigos aproveitamentos de madeira ou agropecuarios e implantar especies caducifolias da zona.
En relación á conservación do bosque de ribeira, favorecerase o establecemento do bosque galería nas beiras da canle, permitindo a extensión, diseminación e crecemento dos pés existentes. Facilitarase o desenvolvemento das especies propias da zona.
As melloras ambientais e paisaxísticas centraranse na restauración de bosques de ribeira mediante reforestación selectiva con especies riparias así como na conservación das existentes. Acondicionaranse as marxes ou eliminaranse vexetación morta e residuos de biomasa.
O plan tamén contempla prevención de incendios forestais, implantando liñas de defensa sobre os camiños que atravesan zonas de dominio público, atendendo tamén á necesidade da limpeza do terreo afectado polas liñas de alta tensión.
La pagina de tu Blog se ha actualizado…
[..]Articulo Indexado Correctamente en la Blogosfera de Sysmaya[..]…
Me gustaMe gusta