Denuncia Adega: Presiones a la UE para volver a subvencionar la acuicultura industrial

DENUNCIA ADEGA

26 de novembro de 2012. O capital das transnacionais acuícolas e os seus testaferros políticos, encabezados polo ministro Cañete e a conselleira Quintana, tentan conquerir que na nova PPC (Política Pesqueira Común) volva a ser subvencionábel a acuicultura industrial. Cómpre lembrar que na actual PPC as macropiscifatorías non reciben fundos comunitarios, que van ao fomento da acuicultura tradicional, o marisqueo e a pesca de baixura. ADEGA quere alertar ao sector pesqueiro e marisqueiro galego dos riscos dun modelo -a macroacuicultura industrial- moi cativo na xeración de emprego e con graves impactos nos ecosistemas litorais. A comisaria de Pesca Sra. Damanaki debería informarse polo seu colega Sr. Potocnik do que significa a Rede Natura 2000 e do que a Directiva 92/43CEE (de hábitats) di sobre os aproveitamentos compatíbeis/incompatíbeis. Dende cando desfacer hábitats protexidos é compatíbel coa súa conservación?

A comisaria de pesca Sra. Damanaki debería saber, denantes de avogar por construir piscifatorías na Rede Natura, que os pensos dos peixes de granxa (maioritariamente carnívoros como o salmón ou rodabllo) conteñen proteínas doutros peixes extraídos polos grandes arrastreiros-fatoría en todos os mares do mundo, polo que non son unha alternativa á sobrepesca: son unha causa! Por outra banda, a Sra. Damanaki non debería ignorar, como enxeneira química que é, que os metais pesados están presentes tanto nos pensos (Zn, Cu, Cd, Fe, Mn, Co, Ni, Pb, Mg, Se e Hg) como nos aditivos (produtos terapéuticos, antifúnxicos, plaguicidas, produtos antifouling, que achegan Zn, Pb, Cd e Cu) profusamente usados nas granxas acuícolas, tal como apontan numerosos estudos.

Polo que atinxe aos políticos autóctonos, Feijóo, Hernández e Quintana deberan saber que a protección dos espazos e dos hábitats naturais consagrada pola Rede Natura non é un luxo superfluo do que prescindir en tempos de crise, senón un recurso fundamental para asegurar a calidade de vida da poboación. Os espazos protexidos teñen tamén a consideración legal de utilidade pública e resulta indigno que o negocio privado, -sexa a acuicultura, a minaría, a enerxía ou o urbanismo-, poida prevalecer por riba da utilidade pública da biodiversidade, imprescindíbel para garantir a saúde ambiental e cidadá.

Así o establece a actual lexislación europea e estatal (Directiva 92/43/CEE e Lei 42/2007) sobre a Rede Natura ao dispoñer que “En caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritaria, unicamente se poderán alegar as seguintes consideracións: as relacionadas coa saúde humana e a seguridade e a seguridade pública; as relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente; ou outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde, previa consulta á Comisión Europea.” Por iso, resulta sorprendente que uns responsábeis públicos fagan apoloxía do incumprimento destas leis aprobando instrumentos que como o POL, o Plano Director da Rede Natura ou o Plano Director de Acuicultura, ou mesmo teren declarado “de interese público de primeira orde” esta actividade para “pontear” normas de rango superior.

Finalmente, e polo que atinxe ao emprego, no sector da acuicultura de peixes mariños en España traballan 1.862 persoas (datos de 2011, informe de APROMAR). Non hai cifras directas do emprego xerado polas granxas acuícolas en Galiza. Mais acudindo ao devandito informe, que si deslinda a produción das especies por territorios e tendo en conta que Galiza produz o 99% dos peixes planos do estado, podemos concluir que dunha produción estatal de peixes mariños de granxa (ollomol, dourada, rodaballo, linguado, curbelo, anguía e lagostino) de 42.675 t en 2011, os peixes planos supuxeron 7.755 t (o 99% galegas), un 18,1% do total. Trasladando esta relación aos empregos, calculamos o 18,1% de 1.862 persoas, resultando que a acuicultura de peixes mariños en Galiza xera 337 postos de traballo (23 instalacións). Estes datos parecen concordar cos do Clúster da Acuicultura Galega (2000): 270 persoas para 20 instalacións entre engorde e cría. Alguén lembra os centos de empregos (450) que Pescanova ofrecía en Touriñán e os 2000 prometidos por Touriño/Carme Gallego co seu Plano Acuícola?
Comparando os datos de emprego do subsector das piscifatorías en terra co conxunto do sector acuícola galego (24.268 persoas, informe do Ministerio de Agricultura, 2011) temos que a porcentaxe de empregos dods peixes planos con respeito ao total do sector, maioritariamente dominado polo cultivo do mexillón e os parques marisqueiros de bivalvos, é do 1,3%. E atendendo á produción, a porcentaxe sobre o total do sector representa o 3,9%.
Vemos pois que acuicultura industrial de peixes é unha actividade fortemente insustentábel, baseada en modelos produtivos esóxenos e neo-coloniais, acaparadora de inxentes recursos públicos (axudas, subvencións, incentivos…) e cunha moi baixa xeración de emprego, en comparación co resto do sector (cultivos mariños, mexillón…). Porén, a acuicultura industrial, dominada por capitais transnacionais, foi o sector ao que sistemáticamente se tentou beneficiar con Planos Acuícolas, subvencións a fondo perdido de máis do 50% do investimento, modificacións lexislativas á carta (Lei do Solo, POL, Plano Director da RN2000) por parte da Xunta (Fraga, Touriño e Feijóo) así como tamén pola UE (anterior PPC).
Á vista deses datos, por que modelo queremos apostar?

———————————

CURSOS ASTURGALICIA

¿Y tú qué opinas de esto?

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s