Galicia acada neste ano 2010 o seu récord histórico de establecementos con certificación «Q» de Calidade Turística
-
A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, fixo a entrega do distintivo ás entidades certificadas de Galicia, nun ano no que a comunidade acadou o seu récord de distincións, 39 máis que o ano pasado. Entregáronse en Santiago 70 diplomas acreditativos da certificación Q de Calidade Turística, o que converte a Galicia na primeira Comunidade Autónoma Española en número de novas Q de Calidade en establecementos turísticos este 2010
-
Galicia conta neste momento cun total de 191 establecementos turísticos con certificado Q de Calidade. A secretaria xeral para o Turismo fixo dunha mención especial ao Hotel Bosque Mar, a primeira empresa en Galicia que consegue manter durante toda a década a certificación
Santiago, 20 de decembro de 2010.- A secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo, presidiu hoxe en Santiago o acto de recoñecemento e entrega dos diplomas acreditativos das certificacións ‘Q’ de Calidade Turística, no que 70 establecementos turísticos de Galicia recibiron a entrega do citado distintivo. En total Galicia conta xa con 191 establecementos distinguidos coa certificación Q de Calidade Turística.
A secretaria xeral, que estivo acompañada polo director xeral do Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), Fernando Fraile, e o delegado territorial do ICTE en Galicia, Enrique Pérez Etchevarría, resaltou a importancia de seguir apostando dende a Administración autonómica pola marca Q, “que este ano acadou o récord entre todas as Comunidades Autónomas españolas ”. O apoio da Administración e a forte aposta do sector pola calidade permitiron a Galicia acadar esas relevantes cifras no eido do recoñecemento á calidade turística.
“Arrincamos no mes de xaneiro con 152 entidades certificadas coa Q de Calidade Turística, e rematamos hoxe, a poucos días do peche da Porta Santa, con 191”, informou a secretaria xeral. “En total recibiron o selo de calidade 39 entidades máis que no 2009, 70 recibiron a certificación por primeira vez e 33 renovárona este ano”.
A responsable de Turismo indicou que Galicia, na comparativa estatal, segue sendo pioneira no segmento rural, cun 15,5% do total; tamén no sector termal, cunha porcentaxe que supón o 16,6%. “No sector hoteleiro e das axencias ocupamos o cuarto posto; neste último somos tamén a comunidade autónoma con maior número de axencias coa marca Q certificadas baixo a fórmula multi-site, aquela que se aplica a grandes colectivos”. O caso dos pazos de congresos tamén foi resaltado por Pardo López como paradigmático.”Dos tres existentes, dous –Palexco e Palacio da Ópera- posuen a Q”.
“Esta marca Q representa a expresión máis singular do recoñecemento público ao esforzo realizado polas nosas empresas”, dixo a secretaria xeral, quen aludiu precisamente á recén estreada marca turística de Galicia, baixo o claim ‘Gárdasme o segredo’?
Mención especial
A secretaria xeral fixo entrega durante o acto dunha mención especial ao Hotel Bosque Mar, cuxo propietario é Servando Garrido Castro. Coa renovación da marca Q este ano do seu hotel de Reboredo (San Vicente do Grove) constitúese como a primeira empresa en Galicia que consegue manter durante toda a década a certificación.
A secretaria xeral dixo que o apoio ao Sistema de Calidade é un dos investimentos máis rendibles, xa que “incide na transformación cualitativa dos negocios turísticos, redunda na satisfacción dos clientes e reverte na fidelización do destino”.
Mellora continua
Pardo López anunciou que no vindeiro ano se seguirán acometendo actuacións que redunden na solidez da actividade turística. “Manteremos todas as actuacións deste ano histórico, con novas ordes de axudas que amplíen a oferta complementaria, no segmento do turismo activo, o golf ou a náutica”. O obxectivo é conseguir que segmentos máis incipientes “manteñan estándares de calidade homoxéneos e que sexa base para a xestión de produtos turísticos”.
Dentro das actuacións máis destacadas, a secretaria xeral mencionou o Plan de Calidade Turística, lanzado dende Turgalicia, e sostido coa sinatura de convenios coas asociacións do sector por case 300.000 euros; a Campaña Q de Calidade Turística de Galicia desenvolvida este ano en medios profesionais e urbanos das grandes cidades galegas, as liñas de axuda da Secretaría Xeral para reconverter a planta hoteleira, baixo a filosofía de potenciar a cantidade versus calidade.
A discriminación positiva da marca Q grazas á organización de viaxes de familiarización e prescrición, as xornadas de sensibilización e implementación da Q para co destino, ou as accións formativas dirixidas a empresarios en Normas UNE foron outras medidas destacadas durante o evento.
Nun ano histórico para Galicia, que pecha tamén no ámbito da calidade turística cifras históricas (70 novas certificacións Q en 2010 por convenios, cifra moi superior ao obxectivo marcado de 47) Carmen Pardo recordou a celebración da X Mesa de Calidade Turística de Galicia a finais de outubro. “Fomos anfitrións nese foro de traballo que reuniu a comunidades como Cantabria, Valencia, Baleares, Murcia ou o País Vasco”, rematou.
[…] Actualizados : Galicia logra este año su récord histórico de establecimientos con certificación… Portos de Galicia promociona los viajes en barco por la ría de Vigo con la campaña […]
Me gustaMe gusta
Buenas tardes. Los alojamientos de Galicia con la Q de Calidad pueden consultarse en el siguiente enlace a la web de Turgalicia: http://bit.ly/fdxdHN
Un saludo.
Me gustaMe gusta