EXPLOTACIÓN LABORAL
Aseguran que teñen que facer xornadas abusivas, dunha media de doce horas diarias, e que carecen de medios humanos e tecnolóxicos
Delegados/as da CIG-Banca péchanse na oficina do Banco Popular en Santa Comba para denunciar a explotación laboral
Compostela, 9 de novembro de 2012.- Delegados e delegadas da CIG-Banca están pechados desde as 11:00 horas da mañá deste venres, para protestar pola situación de explotación laboral que están a vivir as traballadoras e traballadores da oficina do BaDnco Popular en Santa Comba. Unha situación que ten empeorado desde que se fusionaron as oficinas dos Bancos Pastor e Popular, provocando un grave deterioro da calidade de servizo e atención a toda a clientela.
Desde a CIG aseguran que esta situación non vén dada por unha mingua da entrega e profesionalidade das traballadoras e traballadores, senón porque os máximos responsábeis da entidade están a desentenderse da grave situación laboral que hai n Banco.
Denuncian que as traballadoras e traballadores desta oficina están a traballar unha media de 12 horas diarias para poder suplir a carencia de medios humanos e tecnolóxicos que precisaría a axeitada atención que perecen as e os clientes de todas a vida, que “non entenden este retroceso na calidade do servizos ao que estaban afeitos”, explican.
A CIG manifesta a súa preocupación polo deterioro da calidade do servizo e, nomeadamente polo deterioro das condicións de traballo do persoal desta oficina. “A presións da carga de traballo, a inhumana prolongación da xornada laboral e a impotencia por non poder solucionar esta situación cos medios do propio centro de traballo, están a repercutir na súa saúde e iso non é bo para ninguén, nin para o persoal, nin para a clientela, nin para a propia empresa”.
Por iso, con este peche, reclaman aos responsábeis do Banco que tomen cartas no asunto e solucionen esta situación que se está a vivir tanto nesta como no resto das oficinas fusionadas do Pastor e do Popular da rede comarcal de Galiza.“Consideramos que a saúde do persoal e a calidade do servizo estanse a deteriorar considerabelmente queremos traballar dignamente e non como escravas e escravos”.