Non se chegou a ningún acordo na xuntanza desta mañá, na que a administración desouviu todas as sentenzas do TSXG e do Supremo
A CIG presentará recurso contra os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta para a folga xeral do 14-N
A CIG xa trasladara na xuntanza celebrada o martes a súa total oposición á proposta de servizos mínimos presentada pola Xunta, que afecta a todo o persoal que traballa nos sectores e servizos baixo competencia da administración.
Para a central sindical é especialmente grave que desde a Xunta de Galiza se intente dificultar, cando non impedir o exercicio do dereito á folga do seu persoal, recorrendo a uns servizos mínimos abusivos, máis cando hai sentenzas anteriores que así os consideran, tanto do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, como do Supremo.
A CIG estabelecía como punto de partida para a negociación o auto do 19 de xuño de 2002, da sala do contencioso-administrativo do TSXG, que di literalmente que se entende que “os servizos mínimos que hai que fixar para o período de folga convocado non poderán exceder en cada centro, departamento ou oficina, do número de persoas que normalmente permanecen neles con ocasión dun domingo ou día festivo, salvo que se trate de órganos que tales días permanecen pechados, no que haberá que atenderse ás quendas estabelecidas para os sábados”.
No caso da CRTVG, tamén fracasaron as negociacións aínda que se continúa a negociar directamente entre comité de empresa e compañía.
Compostela, 7 de novembro de 2012.
Gabinete de Comunicación
Confederación Intersindical Galega