48 entidades ofrecerán más de 200 puestos de trabajo en el segundo Feirón de Empleo de O Porriño

O PORRIÑO PIONERO

48 entidades ofrecerán máis de 200 postos de traballo no 2ºFeirón de Emprego e Formación de Porriño (Pontevedra)

lunes, 19 noviembre 2012

  • O alcalde Nelson Santos e o concelleiro de Emprego e Formación, M. Alejandro Lorenzo, presentaron esta mañá o evento que se celebra este xoves e venres, non só co obxectivo da inserción laboral das persoas desempregadas así como a orientación na formación, senón tamén como mostra da profesionalidade e eficiencia do servizo municipal Porremprego
  • Os estudantes e recentemente titulados terán unha xornada especificamente dirixida a eles, celebrándose unha feira de casetas de formación e coloquios nos que se profundará no autoemprego como unha saída laboral, as prácticas en empresas, a importancia do manexo de idiomas, así como nas técnicas para elaborar un currículo innovador e afrontar con éxito unha entrevista de traballo

O Porriño, 19 de novembro de 2012.- O alcalde do Concello de Porriño Nelson Santos e o concelleiro de Emprego e Formación, M. Alejandro Lorenzo, presentaban esta mañá o segundo Feirón de Emprego e Formación Porremprego que se celebrará este xoves e venres, 22 e 23 de outubro, no polideportivo municipal. «Será un punto de encontro e foro de debate de estudantes, persoas desempregadas, emprendedores e empresarios, creando sinerxías entre todas as partes co obxectivo último do fomento do emprego e tamén da orientación na formación, pois esta supón a base fundamental para a inserción laboral», sinalaba o alcalde, que recordaba algúns exemplos de persoas que conseguiron traballo a través da primeira edición deste foro e que a día de hoxe continúan no seu posto, «son moitas as experiencias positivas xurdidas desta iniciativa e que farán que exista unha gran afluencia de público de novo este ano».
A primeira das xornadas estará centrada máis en todo o relacionado coa formación e a segunda co emprego, celebrándose a feira de stands que este ano amplía o horario de apertura, de 09.30 a 11.30 e de 12.30 a 14.30 horas, durante o cal as 48 empresas presentes recollerán currículos en resposta a posibles ofertas de emprego. Precisamente, o concelleiro confirmaba que «desde Porremprego contabilizamos máis de 200 ofertas que traerán consigo as entidades que ocuparán as casetas, que responden a múltiples perfís e de diferentes sectores». Así mesmo, Lorenzo engadía outro obxectivo á organización deste evento «e é que outra finalidade coa que pomos en marcha este 2º feirón é para que os empresarios, as entidades e tamén os cidadáns en xeral comproben de primeira man a profesionalidade e eficiencia do servizo Porremprego, froito do labor diario realizada por un equipo de persoas que traballan en materia de formación e emprego».
Xunto a estas 48 empresas presentes a través dun stand na feira, asistirán ao evento case outras tantas entidades máis mediante a súa participación nos diferentes relatorios, mesas redondas e seminarios.

Xornada de formación para estudantes, recentemente titulados e emprendedores
O Feirón inaugurarase o xoves ás 10.00 horas durante unha xornada que estará dedicada especialmente á formación. O programa abrirase cunha das novidades desta segunda edición: o concurso de currículos, «no cal os participantes terán que ingeniar o xeito máis orixinal e á vez efectiva para presentarse ante unha posible oferta de emprego e que será logo recoñecida mediante unha entrega de tres premios que se efectuará con clausúraa do Feirón», explicaba Lorenzo; para iso, impartirase un taller de técnicas para a elaboración dun currículo innovador, que se complementa con outro no que se mostrarán as estratexias para afrontar con éxito unha entrevista de traballo.
Relatorios, mesas redondas e seminarios ocuparán esta primeira xornada dirixida sobre todo a estudantes e recentemente titulados, trasladándolle, entre outras cuestións, a importancia de ser emprendedor, considerándoo como alternativa da inserción laboral, contando para iso coa presenza de mozos emprendedores que contarán a súa experiencia, algúns deles porriñeses que foron asesorados por Porremprego para facer realidade o seu proxecto e que a día de hoxe están asentados ademais no viveiro de empresas.
Pola tarde, a partir das 16.00 horas, abrirase unha feira de stands da que participarán máis de trinta empresas dedicadas á formación e que atenderán todas as demandas expostas, dúbidas e preguntas de todas aquelas persoas que se acheguen en procura de información. De xeito paralelo, os usuarios poderán asistir a diversos relatorios sobre os programas de mobilidade estudantil, a importancia do manexo de idiomas á hora de acceder ao mercado laboral e as Forzas Armadas como unha opción a ter en conta no proceso de procura de emprego.

Feira de stands, mesas redondas e seminarios
A xornada do venres inaugurarase coa apertura da feira de stands, que se complementará con dúas mesas redondas, unha específica do emprego no sector tecnolóxico e outra na que responsables de recursos humanos de entidades como Ceamsa, Lonza, Indra, Adecco, Apetamcor, Ganain, Gadisa e Levantina, intervirán para expor o perfil profesional demandado actualmente. Na mesma liña, xunto a estes coloquios, levarán a cabo ademais dous seminarios, nun deles o director de RRHH de R, Roberto Rodríguez, profundará en que é o que buscan as empresas nas persoas, e noutro, Sandra Prieto, coach e xestión de persoas en Valores, explicará a importancia do cambio de actitudes ante a oferta dun posto de traballo.

Un comentario sobre “48 entidades ofrecerán más de 200 puestos de trabajo en el segundo Feirón de Empleo de O Porriño

Replica a adlnavia Cancelar la respuesta