Xurés, Limia, Courel, Macizo Central… y ahora, las Fragas do Eume en llamas

INCENDIOS GALICIA

Xurés, Limia, Courel, Macizo Central… e agora, as Fragas do Eume en chamas

31 de marzo de 2012. O lume que nestes intres arrasa o corazón do Parque Natural das Fragas do Eume, o mellor e máis extenso reduto de bosque atlántico que temos no País, evidencia a un tempo as miserias da política de conservación e os erros das estratexias forestais da Xunta. Esta nova catástrofe ecolóxica non é pois casual: é  consecuencia do desleixo e da falla de investimentos na conservación dos espazos naturais  protexidos; é consecuencia da irracionalidade do  actual modelo forestal que esquece os servizos ambientais e sociais do  monte e da biodiversidade, que fomenta os monocultivos e que permitíu  proliferación de eucaliptos dentro do parque; e é consecuencia da miopía dun sistema de loita contra o lume que segue primando a extinción e o  desbaldimento de recursos en lugar de investir en prevención.

No caso especial dos lumes en  espazos protexidos, que se teña producido unha máis que notábel redución de recursos destinados á prevención do lume sen sequera tomar en  consideración a especial protección que requiren seus valores naturais,  cando é responsabilidade da Xunta protexelos, só pode cualificarse de  delictivo.
Que no que levamos de ano teñan ardido máis de 6.000 ha de monte, cunha especial afección aos espazos  protexidos da Limia-Xurés, O Courel, Macizo Central e agora, as Fragas  do Eume, logo de virmos dun outono no que ficaron arrasadas 11.000 ha só en 4 espazos da Rede Natura 2000 de Galiza, supón unha catástrofe ambiental de consecuencias talvez reversíbeis  para a biodiversidade destas áreas. Hábitats e especies únicas e moi  fráxiles sufriron un impacto difícil de cuantificar, porque precisamente dende os lumes de outono, a administración non ten cuantificado nen  executado nada.
Onde están os orzamentos precisos para os planos de restauración hidrolóxico-forestal e de recuperación  ambiental? Ulas medidas para protexer da erosión as zonas  queimadas,  acondicionando faixas de protección contra a escorrentía? Que foi das  medidas proactivas para recuperar os elementos da nosa biodiversidade máis sensíbel e ameazada?
Que ardan agora as Fragas do Eume, o  noso bosque máis sobranceiro é pois, unha cruel ironía. ADEGA esixe que a administración empece por adicar todos os medios técnicos, materiais e  humanos para extinguir as chamas e protexer do lume as zonas máis  sensíbeis do Parque Natural, ao que deberá seguir unha investigación  exhaustiva sobre as orixes, as causas e as intencións desta catástrofe. A seguir, é urxente a elaboración e posta en marcha, a cargo de  especialistas en biodiversidade, dun plano de restauración destinado á  recuperación da biodiversidade afectada e a impedir o rebrote dos  eucaliptais afectados polo lume.
E para unha acaída reflexión sobre as  causas e consecuencias dos lumes nos espazos protexidos, e o deseño e  planificación de instrumentos específicos para estas áreas, esiximos a  convocatoria urxente do Consello Forestal e do Consello Galego de Medio  Ambiente. Unha administración ten que estar par algo máis que para  coller unha pá e facer unha foto o día da árbore, mentres os nosos  bosques arden!

¿Y tú qué opinas de esto?