A XUNTA ESIXE A PYMAR E AO GOBERNO CENTRAL O SEU COMPROMISO “EXPRESO E INMEDIATO” COA REACTIVACIÓN DE VULCANO
La Xunta exige a Pymar y al Gobierno central un compromiso «expreso e inmediato» para contribuir a la reactivación de los astilleros Vulcano de Vigo.
- O conselleiro de Economía e Industria demanda a máxima celeridade a Pymar “porque non se pode perder nin un minuto máis na procura de financiamento para o remate do buque sísmico 533, que é fundamental para o futuro de Factorías Vulcano”
- Javier Guerra apuntou que non se pode xogar “co futuro do estaleiro, do sector, da industria auxiliar e cos postos de traballo directos e indirectos, porque a Xunta de Galicia non o vai permitir”
- A Xunta “ten un compromiso incondicional e irrevocable” de avalar con case 17 millóns de euros o financiamento do buque
- O conselleiro de Economía e Industria expresou o seu malestar polo feito de que a Xunta non fora convocada hoxe á reunión que se celebrou en Madrid con Pymar, «cando somos os socios que achegamos o 60 por cento dos seus fondos», e cando «nós pomos o 85 por cento do aval para o remate da construción”
Santiago, 3 de novembro de 2010.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, esixiu hoxe a Pymar e ao Ministerio de Industria o seu compromiso “expreso e inmediato” coa reactivación do estaleiro Vulcano logo de coñecerse que a comisión executiva da sociedade estudará a vindeira semana de novo a aprobación de financiamento para o remate do buque sísmico. O responsable autonómico demandou a máxima celeridade a Pymar “porque non se pode perder nin un minuto máis na procura de financiamento para o remate dun buque, o sísmico 533, que é fundamental para o futuro de Factorías Vulcano”.
Javier Guerra apuntou que non se pode xogar “co futuro do estaleiro, do sector, da industria auxiliar e cos postos de traballo directos e indirectos, porque a Xunta de Galicia non o vai permitir”. O conselleiro de Economía e Industria reiterou hoxe que o seu departamento comprometeu o pasado día 22 de outubro un apoio de 16,7 millóns de euros de financiamento para o remate do buque sísmico 533, que permitiría a reactivación de Vulcano e o mantemento dos postos de traballo, tanto directos como indirectos.
O conselleiro de Economía e Industria afirmou que así llo fixo saber a Pymar a través dun escrito remitido ese mesmo día asinado polo director xeral de Industria, Enerxía e Minas e o director do Igape para posibilitar a operación de financiamento que permitiría reactivar a construción do buque 533 para o seu remate e posterior entrega a un armador noruegués, “co seu consecuente impacto no mantemento dos postos de traballo tanto en Factorías Vulcano como na importante industria auxiliar, que son a nosa máxima preocupación”.
A Xunta de Galicia e a Consellería de Economía e Industria, explicou Javier Guerra, “ten un compromiso incondicional e irrevocable” de avalar con case 17 millóns de euros esta operación, e está en disposición de formalizar todos os documentos necesarios para facela efectiva coa maior brevidade posible, posto que é un paso fundamental para a reactivación de Factorías Vulcano.
O conselleiro de Economía e Industria expresou o seu malestar polo feito de que a Xunta non fora convocada hoxe á reunión que se celebrou en Madrid con Pymar, «cando somos os socios que achegamos o 60 por cento dos seus fondos», e cando «nós pomos o 85 por cento do aval para o remate do buque”.