MEDIO AMBIENTE ANUNCIA O INICIO DO PROCESO DE EXPROPIACIÓNS para as obras de mellora da estrada lu-641, que une os concellos de samos e o incio
Medio Ambiente comienza el proceso de expropiaciones para las obras de mejora de la carretera LU-641, que une los concejos de Samos e Incio. Se pretende con esta obra descongestionar el tráfico, disminuir los tiempos de recorrido y aumentar la seguridad vial.
§ O obxectivo primordial deste proxecto é desconxestionar o tráfico, diminuír os tempos de percorrido invertidos e aumentar a seguridade vial na estrada
§ As obras beneficiarán aos concellos do Incio, Samos e Sarria
Santiago, 30 de outubro de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, anunciou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto polo que se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de mellora da seguridade viaria da estrada LU-641, que une Castrocán e Xirgueiros, e pola travesía de Santa María do Mao (2ª fase), no concello do Incio, despois de que o Consello da Xunta aprobara este decreto na reunión do pasado 16 de setembro.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Infraestruturas, realiza unha achega económica de 7.404.428,07 euros para a execución destas obras.
A xustificación da urxencia das expropiacións vén motivada pola necesidade de aumentar a capacidade da estrada LU-641, principal vía de comunicación entre os concellos de Samos e O Incio, desconxestionar o tráfico e reducir os tempos de percorrido. Así mesmo, mellorarase a accesibilidade a empresas e vivendas e suporá unha maior comodidade para o tránsitos de peóns.
A lonxitude total dos tramos sobre os que se actuará é de 14,4 quilómetros e os treitos son os que se detallan a continuación.
Treito | Investimento |
Castrocán- Santa María do Mao (pq 0+000 ao 6+630) | 2.184.147,29 |
Travesía do Mao (pq 6+540 ao 6+940) | 509.203,96 |
Santa María do Mao- O Incio (pq 7+360 ao 14+730) | 4.711.076,82 |
TOTAL: 7.404.428,07 |
Adaptación da LU-641
O proxecto de adaptación da estrada LU-641 ao Plan de Baixa Intensidade Media Diaria (IMD) mellorada actuará no treito Santa María do Mao- O Incio (7+360 ao 14+730) e en Castrocán- Santa María do Mao (0+000 ao 6+630).
Con estes traballos ampliarase o ancho da vía a dous carrís de 3 metros cada un e beiravías e berma de 0,50 metros. Esta obra comprende tamén tarefas de escavación, demolición, estendido de mestura bituminosa, así como instalación de alumeado, sinalización e xardiñería.
O prazo de execución das obras é de 12 meses e beneficiará aos concellos do Incio, Samos e Sarria.
Travesía de Santa María do Mao
A segunda fase da travesía de Santa María do Mao (6+540 ao 6+940), no concello do Incio, é a continuación da primeira fase do proxecto, xa rematada e que tamén foi financiada pola Xunta cunha achega económica de preto de 345.000 euros.
As obras desta segunda fase implicarán o aumento do da calzada a dous carrís de 3 m, prolongación das beirarrúas de 2 m de ancho, e instalación de beiravías e varandas para a protección dos peóns. Construiranse aparcamentos e sendas peonís, colocarase drenaxe lonxitudinal e transversal e prestarase atención á sinalización e ao balizamento.
Por último, procederase ao ensanche da Ponte sobre o Río Mao e implantaranse servizos básicos de saneamento, abastecemento de augas e alumeado público.
O prazo de execución das obras deste treito será de 9 meses e veranse beneficiados 15.595 habitantes dos municipios de Samos, O Incio e Sarria.