SAMUEL JUÁREZ ASINOU CON CATRO CONCELLOS DO DEZA CONVENIOS PARA A MELLORA DE ACCESOS ÁS EXPLOTACIÓNS DE VACÚN
El consejero de Medio Rural de la Xunta firmó con cuatro concejos de la comarca del Deza en Pontevedra (Silleda, Agolada, Dozón y Rodeiro) convenios para la mejora de accesos a las explotaciones de vacuno. El acuerdo supondrá una inversión global de 500.000 euros.
- O acordo, que suporá un investimento global superior aos 500.000 euros, enmárcase no Programa Piloto de Desenvolvemento Rural Sostible (PDRS)
- O PDRS conta con 17 millóns de euros para toda Galicia, financiados ao 50% pola Consellería do Medio Rural e polo Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino
Silleda (Pontevedra), 7 de outubro de 2010.- O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, acompañado polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, asinou esta tarde, na Casa de Cultura de Silleda, os convenios correspondentes ao Programa Piloto de Desenvolvemento Rural Sostible (PDRS) en materia de infraestruturas rurais cos concellos pontevedreses de Silleda, Agolada, Dozón e Rodeiro. Nestes municipios investiranse máis de 500.000 euros para a mellora de infraestruturas
rurais.
Esta contía, financiada a partes iguais entre Xunta e Goberno Central, ten como finalidade a mellora das infraestruturas de acceso ás explotacións de vacún e vitivinícolas. O seu obxectivo é diminuír os custos empresariais e favorecer o tránsito de materias primas para esas explotacións, así como a saída dos produtos.
As actuacións previstas consisten, no concello de Agolada, na mellora dos camiños de Carral, Aián, Carmoega-Brántega, Costela, Gurgueiro, Moas, Rosmaríz e Santoandré. No municipio de Dozón melloraranse os viais da Pena, Portela, Tarabela, Agro e Carballeira. No caso de Rodeiro, os camiños a mellorar son o de Agrosagro a Mesón de Augalevada, o de San Martiño de Asperelo a Barrio e Couso, o de Álceme, o de Carboentes e o de Failde. Por último, no termo municipal de Silleda adecuaranse as pistas de Xubín, Barreiro, Barral, Cornado, Laro, Merza, O Castro e o Sar.
Na mesma comarca do Deza, a estas actuacións súmanse as obras contratadas o pasado ano para a mellora de accesos a explotacións de vacún nos concellos de Lalín e Vila de Cruces.
17 millóns de investimento
O Programa piloto de Desenvolvemento Rural Sostible está dotado con 17 millóns de euros a repartir entre 89 concellos. Deles, 8,5 millóns son financiados pola Consellería do Medio Rural e os restantes 8,5 polo Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino (MARM). Neste cadro amósase o presuposto correspondente aos concellos asinantes hoxe:
| CONCELLO | PRESUPOSTO |
| Silleda | 188.731,73 € |
| Agolada | 93.434,00 € |
| Dozón | 83.840,00 € |
| Rodeiro | 140.719,00 € |
| TOTAL | 506.724,73 € |