619 persoas retiran máis de 13 toneladas de residuos na VIII Limpeza simultánea de ríos do Proxecto Ríos.
Fomos novamente moitas as persoas as que nos mollamos polos ríos na VIII Limpeza simultánea. Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.
Recolléronse refugallos de todo tipo, e coma sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos…). Apareceron tamén rodas de automóbiles, cristais, colchóns, altofalantes, baterías de coche, pilas e os electrodomésticos tampouco faltaron. Apareceu tamén algunha uralita, roupa, calzado…
Calculamos que os residuos de tódolos concellos suman máis de 13 toneladas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.
A VIII Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” se celebrou este ano en 45 concellos de toda Galiza, e participarán un total de 53 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 5 concellos que organizan directamente esta actividade.
Proxecto Ríos é un proxecto financiado por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Para esta actividade contamos coa colaboración de a Fundación Biodiversidad, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, asi como os concellos de A Coruña, A Estrada, Ames, Allariz, Arzúa, Cambre, Carballo, Fene, Gondomar, Lugo, Muxía, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Teo, e Tomiño.
Ao longo desta semana publicaremos na web do Proxecto Ríos: www.proxectorios.org e na web específica da limpeza: http://limpeza.proxectorios.org/ un informe coas conclusións finais desta actividade, así como as fotos da xornada da limpeza que aínda estamos a recibir dos grupos participantes.
Queremos voltar a agradecer a todo o voluntariado galego o seu compromiso cos nosos ríos, un ano máis a sociedade galega Mollouse Polos Ríos!!.
Nota de Prensa – Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2015