Sogama asegura que todos sus parámetros de emisión «se sitúan muy por debajo de los límites legales»

MEDIO AMBIENTE GALICIA

Todos os parámetros de emisión de Sogama sitúanse moi por debaixo dos límites legais

viernes, 27 marzo 2015, 12:10, por Sociedad Galega Do Medio Ambiente Sa (SOGAMA)

27.03.2015

•Así se acredita tralos datos rexistrados o pasado ano a partir das medicións en continuo realizadas en relación á maior parte dos indicadores.

•As elevadas temperaturas de combustión (superiores a 850ºC) e a utilización de sistemas de depuración de gases de última xeración, permiten á empresa levar a cabo un proceso absolutamente respectuoso co medio ambiente e a saúde pública.

•Neste sentido, é preciso recordar que, a nivel industrial, as plantas de valorización enerxética son as máis vixiadas nos seus aspectos medioambientais, o que conleva que sexan sometidas a un exhaustivo control ambiental, garantindo así o rigoroso cumprimento da normativa autonómica, estatal e europea na materia.

•Incluso o grupo ecoloxista “Os Verdes” de Alemaña recoñeceu o baixísimo impacto ambiental destas instalacións, vendo nos seus produtos finais, enerxía eléctrica e calor, o auténtico valor dos refugallos que non poden ser sometidos a reciclado.

Cerceda, a 27 de marzo de 2015.- Un ano máis, Sogama acredita con datos o correcto funcionamento dos seus sistemas de control ambiental. Os parámetros de emisións á atmosfera vinculados á súa actividade industrial atópanse moi por baixo das limitacións impostas pola lexislación vixente, garantindo desta forma un proceso absolutamente respectuoso co medio ambiente e a saúde das persoas

As medicións en continuo dunha gran parte dos indicadores e as casetas de control estratéxicamente situadas na contorna das instalacións así o corroboran, permitindo un chequeo rigoroso do correcto funcionamento dos sistemas de depuración de gases.

OPERATIVA

A Planta Termoeléctrica, na que se procede á valorización enerxética do Combustible Derivado dos Residuos non reciclables (CDR), consta de dúas caldeiras de Leito Fluído Circulante nas que se pon en contacto cunha area en fluidificación a temperaturas superiores a 850ºC, facilitando con isto unha combustión homoxénea, estable, completa e de alta eficiencia. Pola súa banda, a inxección de dolomita permite a neutralización dos gases ácidos.

Unha vez arrefriados, os gases pasan por dúas liñas de depuración antes da súa saída ao exterior. Tras atravesar uns ciclóns onde se separan as partículas máis grosas, utilízase cal apagado e carbón activo para reducir en gran medida compostos tales como dioxinas, furanos e metais pesados. Posteriormente, os gases pasan por un filtro de mangas para a recollida das partículas máis finas, sendo enviados á cheminea mediante un ventilador de tiro inducido.

A nivel industrial, cabe sinalar que as plantas de valorización enerxética son as máis vixiadas nos seus aspectos medioambientais, o que implica que sexan sometidas a un exhaustivo control ambiental, garantindo así o rigoroso cumprimento da normativa autonómica, estatal e europea na materia.

As emisións de dioxinas e furanos por estas instalacións a nivel europeo supoñen, conforme aos inventarios nacionais, o 0,07 por cento do total de emisións destas sustancias.

VANTAXES

As vantaxes ambientais da valorización enerxética foron recoñecidas por unha gran parte dos colectivos sociais, incluídos determinados movementos ecoloxistas tales como “Os Verdes” de Alemaña (país con máis de 70 plantas destas características), que a cualificaron como un sistema probado e contrastado durante moitos anos, enfatizando o seu baixísimo impacto sobre o medio ambiente cando se utilizan instalacións coa mellor tecnoloxía dispoñible (como é o caso de Sogama), dando lugar a unhas baixas emisións.

Ademais, viron nos seus produtos finais, enerxía eléctrica e calor, o auténtico valor dos refugallos que non poden ser sometidos a reciclado. Recoñecen que, se ven a prevención, xunto con ambiciosas cotas de reciclaxe, teñen que ser elementos fundamentais na política de residuos, non son suficientes para resolver todos os problemas relacionados cos desperdicios municipais.

A recuperación enerxética constitúe, a día de hoxe, o tratamento finalista con menos impacto, sendo contemplada pola normativa en vigor trala aplicación do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), relegando o vertedoiro a último lugar debido ao seu impacto negativo sobre a contorna.

Neste escenario, reciclaxe, compostaxe e recuperación enerxética eríxense en solucións complementarias e nunca excluíntes.

Emisións Medias 2014 PTE (Planta Termoeléctrica) Valor Límite
Partículas (mg/Nm3) 1,8 10
NOx (mg/Nm3) 84,6 200
SO2 (mg/Nm3) 2,6 50
CO (mg/Nm3) 6,4 50
COT (mg C/Nm3) 0,9 10
Dioxinas e Furanos (ng ITEQ/Nm3) 0,011 0,100
HCl (mg/Nm3) 0,8 10
HF (mg/Nm3) 0,1 1
Cd + Tl (mg/Nm3) 0,002 0,050
Hg (mg/Nm3) 0,001 0,050

Tamén neste caso, a transparencia informativa coa que actúa Sogama é absoluta, xa que calquera cidadán de a pé pode consultar os valores anteriormente referenciados nas propias instalacións da Sociedade.

¿Y tú qué opinas de esto?