PLANTILLA AGADER
Ao remate da rolda de prensa realizaron un peche en Medio Rural (San Caetano), onde están neste intre
A Xunta paga ás traballadoras readmitidas de AGADER para estar na casa
A CIG denunciou esta mañá en rolda de prensa que a Xunta prefire pagar ás traballadoras readmitidas de Agader por orde xudicial, sen darlles traballo efectivo e nin sequera un lugar físico onde estar. Renato Núñez, secretario de Organización da central sindical en Compostela, que compareceu acompañado por 11 traballadoras e traballadores, asegura que este ente público pretende así evitar que se visualice que existe traballo que este persoal poderían realizar.
En novembro de 2012 AGADER despediu a 23 traballadoras logo de facer unha modificación da Relación de Postos de Traballo “feita a medida para despedir ao persoal que denunciara unha situación laboral irregular e que gañara os xuízos”,lembra Núñez.
Estes despedimentos, que tanto o persoal como a CIG consideraron no seu momento irregulares, están a ser declarado nulos nos diferentes xuízos que se están a celebrar e obrigan á súa readmisión no mesmo posto de traballo e coas mesmas condicións.
A CIG solicitou, ante a coincidencia en todas as sentenzas ditadas até o momento, que se procedera á readmisión de todo o persoal despedido para evitar os custos económicos e persoais derivados desta situación. Núñez denuncia que no canto diso, o ente non só non readmite ás persoas que aínda están agardando a que se dite sentenza, senón que ademais “opta por manter na casa aos traballadores con sentenza ditada, pagándolles o salario e sen darlles traballo efectivo”.
O secretario de Organización da CIG de Compostela considera que nun momento no que a Xunta está a recortar en cousas tan graves como os comedores infantís, está tirando cartos, pagándolle ao persoal sen darlle traballo e habendo labores que desenvolver. “É unha estratexia para finalmente poder alegar que non saben onde recolalos nin que ocupación darlles”.
Fronte a isto, o persoal asegura que hai expedientes pendentes que acumulan meses de atrasos aos que se podería dar a axeitada tramitación se se contara con estas persoas para facer o que mellor saben: traballar.
Ao remate da rolda de prensa, as traballadoras e traballadores acordaron realizar un peche para denunciar esta situación e reclamar traballo efectivo, en Medio Rural, en San Caetano, onde aínda están neste intre.
Compostela, 18 de abril de 2013.
Gabinete de Comunicación
Confederación Intersindical Galega