PESCA GALICIA
O BNG ESIXE Á XUNTA QUE DEFENDA O SECTOR PESQUEIRO FRENTE Á PERSECUCIÓN DO GOBERNO ESTATAL
A deputada Montse Prado cualifica de “inadmisíbel que o goberno central denuncie ante a UE as supostas infraccións dos barcos galegos, en lugar de defendelos”
Santiago de Compostela, 10 Febreiro 2013. A portavoz de Pesca do grupo parlamentar do BNG, Montse Prado, vén de rexistrar dúas preguntas parlamentares reclamando ao goberno da Xunta que exerza as súas funcións e defenda os barcos galegos do arrastre litoral frente aos perxuízos ocasionados polo goberno español.
Tal e como relata a parlamentar na súa iniciativa, o goberno central, a través dunha resolución de decembro pasado, publica no BOE as posibilidades de pesca para o arrastre de fono no caladoiro Cantábrico-Noroeste.
Deste xeito, o Executivo fai pública no BOE a lista de embarcacións que cumpren ou incumpren o estabelecido con respecto ao DEA (diario electrónico). Este sistema ten sido moi criticado tanto polo BNG, como polo sector pesqueiro por incrementar a burocracia e os problemas técnicos da frota e non representar unha medida de control do esforzo, tal e como enfatiza a deputada nacionalista, “senón un pretexto para o acoso, a criminalización e o desmantelamento do sector”.
En opinión da portavoz de Pesca do BNG resulta “tan insólito como inadmisíbel que sexa o goberno español o que se dedique a comunicar á UE os buques galegos presuntamente infractores”.
Ante esta situación, a deputada nacionalista quer que o goberno galego esixa responsabilidades por estes feitos porque “quen debera defender á frota pesqueira galega diante da evidente discriminación da que é obxecto por parte da UE dedícase a traballar ao servizo dos intereses estranxeiros”.
——————————————–
Á Mesa do Parlamento
Montserrat Prado Cores, deputada do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presenta a seguinte pregunta para a súa resposta oral en comisión, relativa ás accións que adoptará o Goberno galego para evitar prexuízos sobre a frota galega de arrastre litoral provocados polo Goberno español.
A Resolución do 28 de decembro de 2012, da Secretaría Xeral de Pesca (Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do Goberno español), publicada no Boletín Oficial do Estado do 14 de xaneiro e 2013, estabelece para o ano 2013 as posibilidades de pesca para os buques de arrastre de fondo no denominado «caladoiro nacional Cantábrico-Noroeste» (entre as desembocaduras dos ríos Miño e Bidasoa). Aínda que aparentemente burocrática, a decisión de publicación (ou mellor dito, o «xeito» de o facer) é especialmente grave para a frota galega, e pódelle provocar importantes prexuízos.
Efectivamente, a publicación destes dados no BOE pon á vista de todas e todos, mais sobre todo á vista da Unión Europea, a relación de buques galegos que cumpren ou incumpren o estabelecido en relación co Diario Electrónico (DEA). Este sistema -o DEA- foi no seu día criticado polo BNG e o sector pesqueiro galego, ao incrementar a burocracia e os problemas técnicos para a frota pesqueira, e non representar unha medida de control do esforzo pesqueiro, senón un pretexto para a criminalización, acoso e desmantelamento da frota pesqueira. Tamén se indica nesta Resolución, por vez primeira, a potencia nos motores de cada unha das embarcacións.
Resulta tan insólito como inadmisíbel que sexa o propio Goberno español quen se dedique a identificar e comunicar á UE os buques galegos presuntamente «infractores». Pois da frota de arrastre litoral do Estado español, máis do 80% é galega. E sinálase no BOE a relación de buques que non transmiten dados a través deste sistema (aínda que proporcionen información sobre as súas capturas con outros sistemas), ou os que o facendo, o estado de transmisión é regular ou mau. Conclusión: o Goberno español dille á Unión Europea que o 75% da frota de arrastre litoral non cumpre coa normativa comunitaria en materia de control, e sinala, ademais, un a un, os buques «transgresores». Un auténtico disparate. Quen debera defender á frota pesqueira galega diante da evidente discriminación da que é obxecto pola UE, dedícase a traballar ao servizo de intereses estranxeiros.
Estas son as razóns que levan ao BNG a formular as seguintes preguntas para a súa resposta oral na Comisión de Pesca e Marisqueo:
1.- Que opinión lle merece ao Goberno galego estes feitos?
2.- Que avaliación realiza sobre o DEA?
3.- Que medidas adoptará perante o Goberno español por este motivo?
4.- Esixirá responsabilidades por estes feitos grave