O Colectivo Cultural Ollomao e Tumba e Dálle presentan o
I Festival AO SON DO MASMA
O festival celebrarase o sábado 16 de xuño durante todo o día nunha finca á beira do Río Masma, na parroquia de Celeiro de Mariñaos (Barreiros, Lugo).
A xornada comezará coa apertura de numerosos postos de artesanía do máis diverso (instrumentos musicais, alimentación, complementos…) que encherán de vida e cores a beira do Masma.
Tamén pola mañá se ten previsto realizar un roteiro, ao son do Masma, para pór en valor este recurso do concello de Barreiros que tan importante economicamente ten sido no seu momento e en torno ao cal o Colectivo Cultural Ollomao centra a actividade deste ano 2012 co fin de reivindicar os recursos naturais e económicos de Barreiros.
Na hora do xantar, a organización contará con racións e bebidas a módicos prezos para que as persoas asistentes poidan disfrutar de toda a actividade sen necesidade de saír da propia finca na que se terán lugar as actividades.
No mediodía comezarán as actuacións musicais a cargo do Grupo Arandela de O Incio, que animará toda a xornada.
A continuación terán lugar obradoiros de iniciación de baile e pandeireta, cestería e xogos populares. Tamén se celebrará o I Aberto de Billarda do Masma. Para estas actividades, os organizadores contán coa colaboración doutras asociacións do concello como A.F. O Arco da Vella ou O Varal.
Xa á noite, despois do día cargado de actividades, chegará o prato forte do Festival: os concertos. Nunha aposta polos grupos noveis, como o anfitrión Tumba e Dálle, acompañados de grupos de renome no panorama musical galego; actuarán a maiores dos mariñáns Tumba e Dálle, Os Modernos, Tanto Nos Ten e Quempallou.
O festival contará tamén cunha zona de acampada habilitada para que as persoas que o desexen poidan pasar a noite e disfrutar do I Ao Son do Masma sen preocupacións.
Desde as asociacións organizadoras amósanse moi ilusionadas con esta actividade e animan a asistir durante todo o día para poder tomar parte de todas as actividades programadas.

gracias por difundir !
Me gustaMe gusta