COMUNICADO
Celebra que a Comunidade de Madrid analice as medidas de aforro a través do uso de medicamentos xenéricos impulsadas pola Xunta e pide ao PSOE que non sufra polas contas de resultados dos laboratorios
Miranda cre que o Goberno acabará só na defensa das multinacionais farmacéuticas e augura que o catálogo galego terá percorrido noutras autonomías
o A medida da Xunta, que permite un aforro diario de máis de 300.000 euros e de 100 millóns ao ano en Galicia, debería chegar ás 16 comunidades restantes
o Cre que moitas autonomías esperan a resolución do TC para copiar a iniciativa galega, e só o bloqueo xudicial plantexado polo PSOE está a frear unha oleada de novos catálogos priorizados de medicamentos en toda España
o Mentres outras comunidades renuncian a construír novos hospitais, en Galicia traballemos nos de Vigo e Pontevedra, no Plan Director de Ourense e na ampliación do de Coruña, temos equipado o de Lugo e estamos a poñer en marcha 22 novos centros de saúde
Santiago de Compostela, 13 de xullo 2011. O voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, cre que é unha boa noticia que a Comunidade de Madrid analice dende hoxe as políticas de aforro en gasto farmacéutico impulsadas pola Xunta, e baseadas en pagar con fondos públicos -a igual medicamento, principio activo e propiedades terapéuticas- a marca máis barata.
Miranda cre que o catálogo priorizado posto en marcha polo Goberno galego terá percorrido noutras comunidades, e o PSOE e o Executivo central acabarán sós na defensa dos intereses das multinacionais farmacéuticas. O dirixente popular afirma que as autonomías saben que abonar medicamentos de marca en lugar de xenéricos é un luxo que as contas públicas non se poden permitir, e por iso apostarán por racionalizar o gasto farmacéutico.
A medida da Xunta, que permite un aforro diario de máis de 300.000 euros e de 100 millóns ao ano en Galicia, debería chegar ás 16 comunidades restantes. Así, España podería deixar de gastar ata 2.000 millóns de euros cada doce meses, uns fondos que poderían empregarse en políticas sociais, de benestar, educativas ou de transporte, en lugar de engordar as contas de resultados das multinacionais, algo no que parece moi preocupado o PSOE e o Goberno central.
Miranda recorda aos dirixentes socialistas que o seu empeño por exercer de axentes comerciais da industria farmacéutica choca co sentido común, e polo tanto pide ao Goberno que retire o recurso presentado no Tribunal Constitucional.
O voceiro do PPdeG recorda que o aforro do catálogo permite pagar as facturas en 150 días fronte ao colapso doutras autonomías, e facilita que, mentres outras comunidades renuncian a construír novos hospitais, en Galicia se traballe nos de Vigo e Pontevedra, no Plan Director de Ourense e na ampliación do de Coruña, se teña equipado o de Lugo, e se poñan en marcha 22 novos centros de saúde.