A web GalegoLab, gañadora Mestre Mateo á mellor obra interactiva
-
A páxina desta asociación promove accións a prol da lingua galega baseándose no método do «crowdsourcing»
-
GalegoLab resultou gañadora do Premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual á mellor obra interactiva na edición deste ano.
GalegoLab é unha organización sen fin de lucro, fundada en 2010, que ten como obxectivo o impulso de accións concretas de promoción da lingua galega, cun enfoque de abaixo-arriba, con especial incidencia nas culturas emerxentes e na naturalidade da vida cotiá. A súa ferramenta principal é a web GalegoLab, unha rede social de crowdsourcing, para concitar apoios ás accións propias e as que propoñan os usuarios e outros colectivos. Esta web está en marcha dende o 20 de maio do 2010. O pasado 14 de setembro xa recibira o primeiro premio da Secretaría Xeral de Modernización ao desenvolvemento de contidos en Internet na categoría de promoción do Patrimonio, Cultura e Lingua Galegas.
O crowdsourcing é a combinación de traballo e recursos dunha gran cantidade de persoas a través dunha web e cun fin determinado. O obxectivo da web de GalegoLab é promover novas ideas de actuacións a prol da lingua galega, coordinar recursos para esas actuacións, e executar e diseminar os resultados das mesmas.
Máis de 800 usuarios e 30 ideas a prol do galego
Neste momento, a web de GalegoLab conta con 855 usuarios rexistrados. A plataforma conta igualmente con numerosos seguidores nas redes sociais: 656 en Twitter e 2.412 en Facebook.
No que se refire ás ideas a favor da lingua galega, actualmente hai 33, todas elas moi variadas entre si. Unha das máis recentes e mellor valoradas polos usuarios é Recuperar flocos.tv (http://galegolab.org/idea/recuperar-flocostv-1/): o seu promotor pretende reabrir o videoclube galego gratuíto que supoñía Flocos.
Hai, asemade, catro proxectos en marcha
–Guía Branca (http://galegolab.org/proxecto-aberto/guia-branca/), que ten como obxectivo crear unha web onde consultar que locais, públicos ou comerciais, atenden á clientela en galego.
–Fútbol galego, fútbol en galego (http://galegolab.org/proxecto-aberto/futbol-galego-futbol-en-galego/). O seu promotor pretende galeguizar o R.C.Deportivo da Coruña e conseguir que comece a utilizar a lingua galega nas súas comunicacións, megafonía, etc.
–Galegogym (http://galegolab.org/proxecto-aberto/galegogym/), promovido por GalegoLab, pretende facer unha edición dixital de música en galego coa que facer fitness. As necesidades para lévalo a cabo están cubertas e estase a traballar xa nela.
– Xa se conseguiron tamén os recursos para facer a a tradución de Twitter ao galego (http://galegolab.org/proxecto-aberto/twitter-en-galego/), e estase á espera de que esta rede social volva activar a opción de traducións, desactivada neste momento polo cambio de versión.
Por último, que se refire aos proxectos xa rematados, son varios: Pinchadas de música (http://galegolab.org/proxecto-realizado/pinchadas-de-musica-pero-da-boa–1/), que se levou a cabo o 4 de setembro en Vigo; A galega para 145 millóns de usuarios (http://galegolab.org/proxecto-realizado/a-galega-para-145-millons-de-usuarios/), coa que se colocou #galega como o tema do momento no Twitter a nivel estatal do 6 de outubro (e a súa «segunda parte», A lingua galega máis alta no Twitter (http://galegolab.org/proxecto-realizado/a-lingua-galega-mais-alta-no-twitter-3/), coa que se conseguiu ese mesmo obxectivo e Memoria Pixelada (http://memoriapixelada.com/), onde o impulsor do primeiro blog sobre videoxogos en galego atopou tres colaboradores para a súa páxina.
Para obter máis información pódense dirixir ó correo electrónico info@galegolab.org así como consultar o blog http://blog.galegolab.org/ ou á propia web, galegolab.org.