ROBERTO VARELA PRESENTA GALICIA CLASSICS, UN CICLO DE MÚSICA CLÁSICA QUE OFRECERÁ MÁIS DE 30 CONCERTOS EN SETE CIDADES GALEGAS AO LONGO DESTE ANO 2011
Este novo ciclo recolle a estela do Xacobeo Classics e traerá a Galicia a algún dos mellores directores do momento, entre os que se atopan o francés Georges Prête, o finlandés Essa Pekka-Salonen ou o ruso Yuri Simonov. Daniel Barenboim dirixirá á Staatskapelle Berlín, un dos conxuntos máis sólidos e venerados do vello continente.
“Galicia Classics” é unha iniciativa da Xunta de Galicia, coorganizada por Novacaixagalicia. A primeira actuación terá lugar o vindeiro 19 de febreiro no Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo, onde ofrecerá un concerto a Orquestra Filarmónica de La Scala.
Santiago, 5 de febreiro de 2011.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou esta mañá no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia a programación do ciclo Galicia Classics, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, e coorganizada por Novacaixagalicia. O ciclo Galicia Classics recolle a estela do Xacobeo Classics en canto ao esquema da súa programación e nace co obxectivo de ofertar concertos de primeira calidade para complementar as programacións musicais que xa existen en Galicia, aportando actuacións de primeiro nivel internacional sen esquecer a música de autores galegos. O acto de presentación contou coa participación ademais do director da Obra Social de Novacaixagalicia, Guillermo Brea; o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, e o director artístico do ciclo Galicia Classics, César Wonenburger.
Entre os meses de febreiro e decembro programaranse máis dunha trintena concertos de música clásica en sete cidades galegas. Entre os artistas que actuarán por primeira vez en Galicia atópanse algúns dos nomes máis destacados da dirección orquestral do momento, como o francés Georges Prête, o finlandés Essa Pekka-Salonen ou o ruso Yuri Simonov. Daniel Baremboim ofrecerá en Santiago o primeiro concerto da súa nova xira coa Staatskapelle Berlín. A primeira actuación enmarcada no ciclo terá lugar o vindeiro 19 de febreiro no Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo, onde ofrecerá un concerto a Orquestra Filarmónica de La Scala dirixida por Georges Prêtre.
Roberto Varela destacou que a presentación de Galicia Classics realízase poucas semanas despois de que o Consello da Xunta declarase 2011 como Ano da Música de Galicia. Segundo o conselleiro, “trátase dun evento que herda e prolonga o sentido do Xacobeo Classics aportándolle novo vigor e ilusión para acadar que a nosa terra se consolide no circuíto dos grandes acontecementos musicais internacionais”. “Este é un gran evento cultural concibido para toda Galicia, deslocalidado e descentralizado”, engadiu.
Para o conselleiro de Cultura e Turismo, “esta declaración e o propio Galicia Classics son distintos xeitos de significar o feito de que os músicos e a música galega son elementos vehiculares de primeira orde da nosa cultura, xeradores de significado para a sociedade galega, ademais de exemplos senlleiros de nosa arte e creatividade”. Neste sentido, o conselleiro afirmou que Galicia Classics, “ademais de contar con absolutos virtuosos do panorama internacional, tamén aposta pola recuperación do grande legado musical do noso país, pola promoción dos nosos artistas e pola protección e divulgación das nosas expresións propias”.
Seis apartados
Galicia Classics estará estruturado en seis grandes ciclos: o dedicado ás Grandes Orquestras, outro de Grandes Voces, un apartado para os Grandes Intérpretes, outro destinado á ópera e os ciclos Made in Galicia e En Xira. Con estes apartados, Galicia Classics continuará o compromiso da Xunta de Galicia coa música clásica iniciado en 2010 con Xacobeo Classics, que se pechou con máis de 40.000 asistentes ao medio cento de actuacións programadas.
O conselleiro de Cultura e Turismo destacou no acto de presentación que este novo ciclo de música clásica inaugurarase coa presenza por primeira vez en Galicia do lendario Georges Prête, que dirixirá á Orquestra Filarmónica de La Scala de Daniel Barenboim en Vigo o próximo 19 de febreiro. Barenboim tamén traerá o 8 de xullo a Santiago de Compostela á Staatskapelle Berlín, un dos conxuntos máis sólidos e venerados do vello continente. Este será o primeiro concerto da súa nova xira e nel ofrecerá un programa monográfico centrado en Anton Bruckner.
No Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo, a Philarmonia Orchestra, un dos conxuntos máis prestixiosos do Reino Unido e fundado por Walter Legge, ofrecerá o 11 de novembro un programa excepcional coa recuperación, un século despois do inicio da súa composición, da ópera de Bela Bartock O Castelo de Barba Azul, que estará protagonizada en versión concerto pola soprano Measha Bruggergosmann. Xunto a eles tamén estará o gran pianista Yefin Brofman para interpretar o Concerto para piano número 3 de Bela Bartock.
Neste 2011, A Coruña e Vigo recibirán á Orquestra Filarmónica de Moscú, ao seu titular, o lendario Yuri Simonovm, e ao neto do mítico violinista David Oistrakh, Valery Oistrakh, para ofrecer un programa no que haberá a posibilidade de escoitar a Primeira sinfonía de Sergei Rachmaninov e o Concierto para violín de Max Bruch. As actuacións terán lugar o 31 de marzo no Teatro Colón Novacaixagalicia de A Coruña e o 1 de abril no Centro Cultural Novacaixagalicia da cidade olívica.
Outro artista de talla internacional que participará no ciclo Galicia Classics é o violonchelista Mischa Maisky, que ofrecerá en dúas sesións únicas na Igrexa de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela a integral das suites para violonchelo de Johann Sebastian Bach que este intérprete gravou para o selo Deutsche Grammaphon. Os concertos celebráranse o 7 e o 9 de xuño.
Homenaxe a Liszt
A Santiago de Compostela tamén chegará un dos maiores talentos do piano dos nosos días, o cubano Jorge Luis Prats, que interpretará o próximo 26 de maio no Centro Cultural Novacaixagalicia un completo programa que reúne os Estudios Sinfónicos de Schumann e a Fantasía de Busoni sobre a Carmen de Bizet. Na súa actuación, tamén incluirá a Liszt. Este compositor estará moi presente en toda a programación do ciclo Galicia Classics, xa que se cumpren 200 anos do seu nacemento. De feito, Freddy Kempf, un dos máis brillantes pianistas do momento, será o encargado de iniciar os distintos tributos a este artista cun monográfico dedicado a Liszt que interpretará próximo 29 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela no que será o segundo concerto deste Galicia Classics. A esta homenaxe a Liszt tamén se unirá o pianista Andreas Haefliger, que actuará o vindeiro 26 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol. No seu concerto, Haefliger, un dos máis interesantes pianistas do momento, interpretará composicións de Liszt e de Schubert.
Tralo éxito acadado o ano pasado coa Misa en si menor de Bach, John Eliot Gardiner regresará en 2011 á cidade de A Coruña co que foi designado o mellor coro do mundo, o Monteverdi Choir, ao que nesta ocasión unirase outro dos conxuntos fundados por Gardiner, a Orquestra Revolucionaria e Romántica. Todos xuntos ofrecerán o 18 de outubro no Teatro Colón Novacaixagalicia a Misa de los salmos de Igor Stravinsky e a Misa en fa menor número 3 de Anton Bruckner.
Unha das mellores agrupacións camerísticas do mundo, o Cuarteto Emerson, ofrecerá o 12 de setembro en Santiago de Compostela unha sesión dedicada á música do clasicismo con obras de Haydn, Mozart e Beethoven.
A Coruña tamén celebrará o Ano Mahler co debut en Galicia dun dos mellores barítonos das últimas dúas décadas, o extraordinario cantante norteamericano Thomas Hampson, que interpretará tres dos coñecidos ciclos de cancións de Mahler co acompañamento do pianista Wolfgang Rieger. A cita será o 27 de outubro no Centro Cultural Novacaixagalicia de Pontevedra.
Outro dos máis fascinantes intérpretes vocais de hoxe, o contratenor Philippe Jaroussky, ofrecerá o 4 de decembro na cidade de A Coruña un concerto monográfico con arias de óperas de G.F. Händel, acompañado pola Orquesta Barroca de Friburgo. Jaroussky foi o intérprete máis aclamado en La coronación de Poppea, que ofreceu o ano pasado o Teatro Real.
Artistas galegos
O capítulo vocal de Galicia Classics enriquécese, ademais, cos recitais que ofrecerán en Ourense a soprano Ángeles Blancas, e en Pontevedra o barítono Borja Quiza e a soprano Teresa Novoa o 27 de maio. Blancas, a filla da gran soprano ourensá Angeles Gulín, acaba de obter un gran éxito no Covent Garden de Londres con Adriana Lecouvreur e na Ópera de Zúrich con Nabucco. E Borja Quiza recibiu en xaneiro o Premio Lírico ao mellor cantante de zarzuela pola súa participación en La viejecita dirixida por Lluís Pasqual. Teresa Novoa foi a encargada de reestrear o ano pasado a ópera O Mariscal.
O aniversario de Goyescas, a obra cume de Enrique Selectos, será conmemorado neste ciclo dedicado á música clásica coa interpretación o 27 de outubro desta cima do pianismo español a cargo de Marta Zabaleta, unha das máis novas e brillantes pianistas españolas, en Pontevedra.
O ciclo Made in Galicia ofrecerá a estrea dunha nova produción do Centro Dramático Galego, a obra de Kurt Weill A ópera dúas tres reas, que contará coa presenza do actor gañador do Goya Luís Tosar. Ademais, a Agrupación Xuvenil Cantábile recuperará a versión orixinal do Dido e Eneas de Purcell, nunha nova produción realizada integramente en Galicia, con dirección musical de Jorge Montes, o director da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia.
Por último, a soprano Carmen Durán ofrecerá dous recitais en Lugo e A Coruña centrados en música de autores galegos e a Agrupación Ofelia Nieto recordará a Álvaro Cunqueiro con catro concertos en Lugo, Santiago, Ourense e Ferrol. Ademais Galicia Classics volverá a apostar pola creación galega para ofrecer unha nova entrega do seu ciclo con música de autores da terra.
[…] un aparcamiento y una zona de esparcimiento en el recinto del templo de Santa María de Suares Cultura presenta el ciclo de música clásica 'Galicia Classics', que ofrecerá … CSIF denuncia nuevos recortes para los empleados públicos en Asturias El portal de la Xunta de […]
Me gustaMe gusta