A XUNTA PROPÓN AO MARM MELLORAS NO DECRETO DOS CONTRATOS LÁCTEOS PARA REFORZAR A OBRIGA DA SINATURA DE ACORDOS
Medio Rural demanda o funcionamento, desde o primeiro momento, dun mecanismo de vixilancia que supervise os índices que aplican as industrias aos prezos do leite
O Goberno Galego entende que o futuro Real Decreto debe tramitarse en paralelo cunha norma con rango de Lei que inclúa sancións por incumprimento
Santiago, 26 de xaneiro de 2011.- A Xunta propón unha mellora substancial do borrador de Real Decreto presentado polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM) no que atinxe, fundamentalmente, á eficacia do novo sistema de contratos obrigatorios (establecendo desde o primeiro momento o necesario mecanismo de vixilancia) e que se promova de forma paralela coa tramitación dunha lei –que o Goberno Galego considera imprescindible– para arbitrar un sistema de sancións sen o cal dificilmente será operativa a nova obriga.
A Consellería do Medio Rural presentou diversas alegacións ao borrador do texto do Ministerio sobre a obriga de utilizar contratos homologados no sector lácteo entre produtores e industrias, onde, ademais de propoñer unha serie de melloras técnicas, aposta por unhas organizacións de produtores fortes e cun volume suficiente para negociar.
O Departamento que dirixe Samuel Juárez demanda que se vixíen de xeito eficaz e desde o primeiro momento os índices que aplican as industrias aos prezos do leite. Isto permitirá a correcto seguimento do sistema e do seu funcionamento na práctica, tomando como referencia que no borrador se establece un proceso de adaptación de seis meses ata que se estableza a obriga de asinar contratos deste tipo. Cabe lembrar que está anunciada a entrada en vigor do Real Decreto para o vindeiro 1 de abril.
Ademais, o Goberno Galego entende –e así llo fai saber, unha vez máis, ao Ministerio– que este Decreto debe tramitarse en paralelo ao desenvolvemento dunha norma con rango de Lei, para permitir a posta en marcha dun sistema de sancións, sen as cales a Xunta entende que o novo sistema (e sobre todo a obriga dos contratos) non será realmente operativo.
Interprofesional
A Xunta demanda tamén que se reforce o papel da Interprofesional Láctea (INLAC) en canto á implantación de contratos (promovendo que este órgano colexiado interveña de xeito proactivo), así como no establecemento de índices de variación de prezos mes a mes.
Con estas alegacións proponse ademais que se estableza unha base de cautela con respecto á autoridade da competencia (Comisión Nacional de la Competencia), que se considera que está aplicando de xeito moi restritivo a normativa no sector primario (no que atinxe á capacidade dos produtores para agruparse e negociar os prezos) e non tanto para supervisar a actuación doutros axentes da cadea de valor (industrias ou distribución) en materia de concentración de fontes de aprovisionamento ou acordos de prezos.
O Departamento que dirixe Samuel Juárez incide finalmente en que a autoridade da competencia debe ter especialmente en conta as especificidades do sector leiteiro á hora de avaliar posibles desaxustes no novo sistema que establecerá o futuro Real Decreto.
La pagina de tu Blog se ha actualizado…
[..]Articulo Indexado Correctamente en la Blogosfera de Sysmaya[..]…
Me gustaMe gusta