O CONSELLEIRO DE CULTURA E TURISMO E O MINISTRO FRANCÉS DE ASUNTOS EUROPEOS AVANZAN NUN ACORDO INTERNACIONAL PARA A PROMOCIÓN TURÍSTICA DO CAMIÑO DE SANTIAGO
El conselleiro de Cultura y Turismo de la Xunta y el ministro francés de Asuntos Europeos trabajan en un acuerdo internacional para la promoción turística del Camino de Santiago
- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, reuníronse onte en París co ministro francés de Asuntos Europeos e alcalde de Le Puy-en-Vélay, Laurent Wauquiez, para desenvolver liñas de colaboración no marco do aproveitamento turístico da Ruta Xacobea.
- Galicia e Le-Puy-en-Vélay constituirán unha rede de colectividades territoriais europeas que colaboren no desenvolvemento turístico e cultural do Camiño de Santiago.
París (Francia), 26 de xaneiro de 2011.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, a secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo, reuníronse onte en París co ministro francés de Asuntos Europeos e alcalde de Le Puy-en-Vélay, Laurent Wauquiez, para avanzar nun acordo internacional de promoción turística do Camiño de Santiago.
O asunto principal deste encontro foi achegar posicións para a cooperación das dúas colectividades territoriais –entendidas como tal Galicia e Le-Puy-en-Vélay- nos aspectos vinculados a potenciación como destino turístico da Ruta Xacobea. Os dous enclaves son efectivamente, cada unha no seu país, os líderes da oferta turística ligada ao Camiño de Santiago: na parte francesa, Le Puy-en-Vélay é o punto de partida máis utilizado polos peregrinos e camiñantes, e Galicia é -tendo en conta que acolleu máis 270.000 peregrinos no pasado ano 2010- a comunidade máis activa en canto á promoción e á organización da oferta turística arredor do Camiño de Santiago.
Os representantes da cidade de Le-Puy-en-Vélay e o goberno de Galicia acordaron traballar xuntos para crear unha rede de colectividades territoriais europeas atravesadas polo Camiño de Santiago, coa fin de manter unha política turística común e de organizar unha oferta coherente dende un punto a outro do Camiño.
Este primeiro encontro en París permitiu pór os cimentos desta cooperación na que se vai a afondar e que se vai estender a outras colectividades territoriais nos vindeiros meses.

