ADEGA vén de solicitar amparo ao Valedor do Pobo para que inste á Xunta a convocar con carácter urxente o Observatorio Galego da Biodiversidade.
La asociación ecologista Adega acaba de solicitar amparo al Valedor del Pueblo para que inste a la Xunta a convocar con carácter urgente el Observatorio Gallego de la Biodiversidad
Este organismo consultivo, integrado polas 3 universidades galegas, ecoloxistas e a administración, leva sen reunirse 2 anos e 3 meses cando legalmente debe facelo cando memos unha vez ao ano. As reiteradas peticións de reunión cursadas por ADEGA, a SGHN e a USC, para tratar temas chave para a conservación da nosa biodiversidade seguen sen ser atendidas pola D. X. de Conservación. Esta actitude escurantista e autoritaria é froito da incompetencia e completa desidia que amosan a Xunta pola nosa natureza, precisamente no Ano Internacional da Biodiversidade. Espazos protexidos sen instrumentos de xestión, proxectos agresivos e lumes en Rede Natura, asalto urbanístico a Corrubedo, barra libre para a caza… Nestes intres, o principal risco para a biodiversidade galega é a Xunta!
Queixa_VALEDOR (121 Kb)
A crónica do escurantismo e do incumprimento do artigo 4.1 Decreto 260/2007 (criazón e funcionamento do Observatorio) por parte da D. X. de Conservación da Natureza (Medio Rural) é a seguinte:
-En maio de 2010 a SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural) solicitou a reunión do Observatorio Galego da Biodiversidade porque un proxecto de «acondicionamento» en Dodro, en pleno LIC Ulla-Deza, tamén alegado por ADEGA, puña en grave risco o 3% da poboación mundial da escribenta da canaveiras (Emberiza schoeniclus subesp. lusitanica).
-Hai case dous meses, ADEGA solicitou novamente a reunión do Observatorio para debater a proposta, avalada cun informe asinado por máis de 30 investigadores e profesores universitarios, de criazón do Parque Natural para o Monte Pindo, un dos espazos galegos de maior biodiversidade e interese ambiental.
-O Departamento de Botánica da USC solicitou tamén a reunión do observatorio para a catalogación do fento Cheilanthes guanchica como especie protexida polas súas escasas poboacións en Galiza, limitadas á Ribeira Sacra e illadas do resto desta especie relicta que se distribúe pola rexión macaronésica (Madeira, Canarias, Açores e Cabo Verde).
A respeito da solicitude de ADEGA para tratar a proposta de creación dun Parque Natural no Monte Pindo, a D.X. de Conservación da Natureza respostou que «en breve», convocaríase unha reunión sobre o tema. Porén, e logo de que a proposta colleitara entusiastas apoios da veciñanza, sectores económicos, institucións… seguimos sen noticias do Sr. Borregón, tan só recibimos a calada como resposta, ao igual que os outros membros do Observatorio. Deste xeito, ADEGA recurre ao Valedor do Pobo para que afee a conduta da Xunta e ínstelle a cumprir a lexislación vixente.
Nestes intres, a inacción e a desidia da Xunta en materia ambiental -consentidora das políticas de feitos consumados- constitúe o principal risco para a natureza galega. Non nos vale a excusa da «austeridá»: anúlanse orzamentos imprescindíbeis para a biodiversidade (sabemos que os Planos de Conservación están paralisados por falta de fondos) mentres gástanse 8 millóns de € nun «ecomausoleo». No Ano Internacional da Biodiversidade, a Xunta retrátase coa incompetencia, a inacción e a censura.