La Xunta y el Consejo de la Cultura Gallega mostrarán la labor desarrollada por las sociedades de emigrantes a América en el campo educativo en Galicia.
EMIGRACIÓN E CONSELLO DA CULTURA GALEGA AMOSARÁN O LABOR DESENVOLTO POLAS SOCIEDADES DE EMIGRANTES DE AMÉRICA NO CAMPO EDUCATIVO EN GALICIA
- Ambas partes asinaron un convenio, dotado con 80.000 euros, que contempla tamén a edición e publicación facsimilar do “Almanaque Gallego” correspondente aos anos 1918-1927
- O acordo prevé ademais inventariar e dixitalizar documentación sobre a inmigración galega en Brasil, especialmente nas áreas de Sao Paulo e Río de Janeiro
Santiago, 20 de setembro de 2010.- O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba Bouzas, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, asinaron esta mañá un convenio de colaboración polo que ambos organismos se comprometen a realizar unha exposición sobre o labor educativo das asociacións de emigrantes galegos.
Dita mostra, que levará por nome Luces de alén mar, servirá, deste xeito para amosar, a través de paneis e dun catálogo, o traballo desempeñado en Galicia polas sociedades de emigrantes de América, concretamente sobre as construcións escolares financiadas por esas asociacións.
Así mesmo, o convenio, que contará cunha achega de 80.000 euros -60.000 correspondentes á Secretaría Xeral da Emigración e 20.000 ao Consello da Cultura Galega- compromete a ambas entidades a traballar conxuntamente na realización, edición e publicación facsimilar do “Almanaque Gallego” correspondente aos anos 1918-1927 en dous volumes. Trátase dunha publicación editada en Bos Aires por Manuel Castro López, e que contaba con colaboradores como Manuel Leiras Pulpeiro, Manuel Murguía ou José Pérez Ballesteros.
Por último, o convenio servirá para inventariar e dixitalizar documentación sobre a inmigración galega en Brasil, especialmente nas áreas de Sao Paulo e Río de Janeiro. Todas estas actuacións recollidas no acordo estarán a disposición do público a través da páxina web ww.galiciaberta.com.