A COMPATIBILIDADE AMBIENTAL E O ACCESO PÚBLICO AO RÍO MIÑO, CONDICIONANTES PARA A COLOCACIÓN DA PLATAFORMA FLOTANTE DO CLUB FLUVIAL.
Malia a contar cun informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, as repercusións ambientais da colocación desta infraestrutura flotante no río Miño non foron debidamente avaliadas pola Xunta, xa que non se garante a conservación nun estado favorable dos hábitats prioritarios e de interese comunitario, nin das especies ameazadas e en perigo de extinción protexidas (Potamida littoralis, Unio pictorum, Gasterosteus aculeatus, Lutra lutra, Natrix natrix, Natrix maura, entre outras) que están presentes neste espazo atural protexido pola lexislación autonómica, estatal e europea.
Paralelamente, cabería determinar por parte da Xunta e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil se os servizos asociados á zona de baño son compatibles coa conservación favorable dos hábitats e especies protexidas nesta zona de Rede Natura.
Lembremos que neste espazo protexido como ZEC Ladra-Parga-Támoga, nunha zona moi próxima a onde agorase quere instalar esta plataforma,xa se desbotou a creación dunha zona de baño debido a súa incompatibilidade coa protección dos seus valores ecolóxicos.
ACCESO PÚBLICO A ESTE TREITO DE RÍO-En todo caso, antes de autorizar a colocación de calquera instalación no río Miño por parte do Club Fluvial de Lugo, consideramos desde “Lugo de Cara ao Miño” que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil debería esixirlle á entidade promotora que cumpra coa lexislación vixente en materia de augas e co regulamento de dominio público hidráulico. Isto implica que debe obrigar ao Club Fluvial a eliminar ou retirar de forma inmediata calquera elemento ou infraestrutura que estea a impedir ou a disuadir o acceso público á zona de servidume neste treito do río Miño que transcorre fronte ao caneiro da praia.Actualmente, o peche perimetral das instalacións do Club Fluvial está a ocupar os 5 metros de servidume e de libre circulación de persoas e animais que establece a lexislación vixente, a medir desde a cota máxima de crecida regular do caudal do río, quedando este espazo -na práctica- restrinxido para uso exclusivo dos clientes ou socios/as da entidade.
Conforme ao dito, solicitamos á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e á Xunta de Galicia que realicen unha avaliación ambiental axeitada do proxecto e do seu impacto sobre os hábitats e especies protexidas, que se acredite o recoñecemento da área afectada como zona de baño e a súa compatibilidade coa conservación dos valores naturais protexidos en dita zona e que se eliminen as infraestruturas que impiden ou disuaden o acceso público a ese treito de río.