Concello e propietarios dos balnearios de Verín asinan en Expourense os convenios para a reapertura das fontes tradicionais de Fontenova, Cabreiroá e Sousas-
viernes, 29 julio 2016, por
O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e os representantes dos balnearios de Fontenova, Cabreiroá e Sousas asinaron esta mañá ante o director xerente de Expourense e Termatalia, Alejandro Rubín; o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo; o presidente de Inorde, José Manuel Rodríguez, e secretario técnico da Eurocidade Chaves Verín, Pablo Rivera, sendos convenios de colaboración para reabrir as fontes tradicionais que fixeron famoso o auguismo en Verín dende principios do século XX.
Integraranse na rota da auga da Eurocidade Verín-Chaves, proporcionando asistencia médica, pack do auguista e diploma acreditativo.
Tanto Fontenova, a finais do século XX, coma Cabreiroá na actualidade, son referentes das augas comerciais de mineralización natural en toda España, xunto con Sousas con importante presenza en Galicia. Poder degustar e beneficiarse das súas propiedades en orixe, nas buvetes dos tres mananciais, logo de medio século case sen afluencia, é o obxecto do convenio asinado esta mañá entre o Concello de Verín e as entidades propietarias en Expourense.
As fontes, grazas á financiamento da Eurocidade Verín-Chaves, abrirán todos os días da semana con presenza orientativa de especialistas e distribución do pack do auguista, que inclúe unha guía certificada sobre as propiedades das augas, o vaso encartable para o percorrido e o diploma acreditativo, que servirá para promocións e sorteos.
O alcalde de Verín, tras agradecer o patrocinio de Expourense e Termatalia ó seu director e xerente, Alejandro Rubín, destacou o emblemático do retorno do auguismo a Verín. “Queremos volver a arrancar este motor, que moveu en tempos toda a economía de Verín. Esta máquina que nos levou por toda España, non pode seguir parada”.
“Arrancar, non alardear”
Seoane avogou por “recuperar o valor económico e cultural da auga en Verín, xusto cando estudos recentes recoméndanlle á Seguridade Social voltar a receitar a hidroponía, cura con auga, como complemento de medicina preventiva”. “Nos non imos alardear agora de instalacións nin de despregue de medios, imos arrancar de novo o auguismo en Verín”, insistiu, “agradecendo ós propietarios das fontes o seu apoio incondicional”.
Alejando Rubín, director de Termatalia, lembrou como nos grandes balnearios internacionais, coma os de Chequia, se promociona conxuntamente o termalismo coa hidroponía”, e o responsable do Inorde, José Manuel Rodríguez, lembrou como no 1985 “había 600 auguistas enchendo os hoteis de Verín durante a tempada das augas, xerando riqueza directa e indirecta”.
Pola súa parte, Pablo Rivera, destacou que a oferta hidrotermal da Eurocidade Verín-Chaves é “a primeira e única de toda Europa con carácter internacional”, e que a falla do Corgo –que da orixe a todos as fontes de Chaves e Verín- é o territorio termal máis grande de Europa”.
Manuel Vázquez, do Grupo Arnoya, propietario de Sousas, en nome de todas as entidades, agradeceu pola súa banda o esforzo e a implicación do Concello en recuperar o auguismo tradicional en Verín, e prometeu que se sumarán a todos os proxectos neste sentido.
Recomendacións
- O balneario da fonte orixinal de Cabreiroá esta recomendado para as afeccións das vías urinarias, trastornos gastro-hepáticos, cólicos e cálculos da vesícula, así como para a diabetes.
- A de Sousas é para problemas do ril, hipercloridia, gastralxia, enterite crónica e prostatite crónica. A de Fontenova, para os cálculos úricos, reumatismo, gota e padecementos de estómago e vesícula.
- Todos eles presentan a presenza de sales minerais en auga que se infiltrou durante anos no subsolo, sendo unha perfecta bebida para a reposición de minerais durante o proceso de hidratación.
O Pasaporte da Ruta Termal e da auga.
Este innovador pack composto por: o pasaporte do auguista para selar nos mananciais que compoñen a ruta (Sousas, Cabreiroá, Fontenova, Chaves e Vidago), un vaso para as tomas de auga mineromedicinal e unha bolsa porta documentos será posto a disposición dos turistas e visitantes nos postos de atención turística dos municipios e será un gran atractivo para facer esta ruta trasnsfronteriza que obsequiará aos auguistas que completen a ruta selando o pasaporte cun diploma de «embaixador das augas de Chaves-Verín».
O funcionamento do pasaporte é sinxelo. En calquera oficina de turismo da Eurocidade entregarase de maneira gratuíta o Pack do Auguista, cuxo elemento central é o Pasaporte, unha guía de viaxe no cal os turistas, que así o desexen, irán gravando os selos que certifican o paso polas distintas fontes e que permitirá, ao final do percorrido, recoller o Diploma de Embaixador das Augas de Chaves-Verín.
A Ruta Termal e da auga percorre, ao longo do río Támega, os seus múltiples mananciais. As augas de Cabreiroá, Sousas ou Fontenova en Verín son referencia histórica e levan décadas envasándose para comercializarse en mercados cada vez máis amplos. Menos coñecido fóra do val de Monterrei, pero máis popular para os verineses, atópase a “Fonte do Sapo”. Pola súa banda, en Chaves atópase a Fonte do Povo, coas súas augas hipertermales, alimenta unha tradición de turismo de saúde e benestar que se remonta aos tempos romanos. Finalmente, as fontes de Vidago conseguiron atraer todo o máis selecto da sociedade europea a principios do século XX.
A Ruta Terma e da auga convida a pararse en cada unha das vilas. Os conxuntos históricos de Verín e Chaves presentan un excelente estado de conservación e son perfectamente abarcables mediante percorridos peonís. Restaurantes, terrazas en prazas con encanto e coquetas tendas de produtos típicos enriquecen o noso percorrido mentres nos movemos entre a arqueoloxía romana ou a omnipresente arquitectura defensiva medieval. Máis ao sur, Vidago mantén viva e renova o espírito da idade de ouro dos balnearios.
Instrucións sobre como percorrer a Ruta Termal e da auga e facerse Embaixador das Augas de Chaves-Verín
1. Pasa por calquera das oficinas de turismo de Chaves-Verín e solicita o teu Pack do Auguista. Inclúe todo o necesario para realizar a Ruta.
-Pasaporte: É a guía de mananciais e no iremos incorporando os selos que, cal visados, certifican o paso polos mananciais.
-O vaso oficial da Ruta.
-A Guía de Ruta.