SANIDAD GALICIA
PROTESTAS
CIG-Saúde convoca concentracións nas distintas áreas sanitarias contra o peche de camas e o desmantelamento da sanidade pública
- Denuncia as consecuencias para a calidade asistencial e para o emprego na sanidade pública mentres se favorece o negocio da privada
A CIG-Saúde acusa á conselleira de Sanidade de “irresponsábel” por pretender culpabilizar ás traballadoras e traballadores do SERGAS ao afirmar que o peche de camas se debe ás vacacións do persoal.
Lonxe disto, a CIG-Saúde afirma que “o peche de camas non está motivado polos 30 días de vacacións do persoal” e asegura que “é unha decisión do PP para incrementar o desmantelamento da sanidade pública”.
De feito, explica que mentres miles de aspirantes agardan meses ata que se actualizan as listas de contratación, o SERGAS pecha centos de camas no verán, mobilizando persoal fixo a outros servizos para substituír as ausencias por vacacións. “Con isto colápsanse as urxencias e aumentan as listas de espera mentres miles de profesionais están no paro”.
O SERGAS deriva á sanidade privada
Para a CIG-Saúde é especialmente preocupante o que suporá no eido asistencial o peche de camas. “Implicará que a Lei de Garantías non se poida cumprir na Sanidade Pública, xa que esta lei recolle que a espera para unha intervención cirúrxica sexa de, como máximo, 60 días e co peche de camas será imposíbel garantir a atención ás e os doentes nese prazo”.
A CIG-Saúde alerta de que a consellaría de Sanidade o que pretende realmente co peche de camas é provocar a derivación de doentes á sanidade privada. Lembra que xa no seu momento denunciou que na Lei de Garantías se recolle que de non cumprirse os prazos previstos na sanidade pública a atención sanitaria será realizada na sanidade privada.
Tal é así que mentres pechan camas nos hospitais públicos mantense e mesmo se incrementa, durante ese período, a actividade na privada, desde a actividade cirúrxica até a realización de probas diagnósticas.
Estes son, para a CIG-Saúde, os verdadeiros motivos do peche de camas e da paralización da actividade nos hospitais públicos. De feito, as consecuencias para o emprego serán como quedan reflectidas neste gráfico:
| DESTRUCIÓN DE EMPREGO PÚBLICO. INCREMENTAN A PREDARIEDADE LABORAL | ||
| Categoría profesional | Persoas inscritas nas listas de contratacións | % de contrataciónPersoas traballando |
| Enfermeiras/os | 7.021 persoas | 23.27% |
| Celadoras/es | 5.323. persoas | 11.72 % |
| PSX | 3.335 persoas | 3.80 % |
Con este motivo convócanse concentracións mañá mércores, día 10 de xuño en:
Horarios e lugares das concentracións:
OURENSE: 11h Entrada principal CHUOU
O BARCO: 11.30h Entrada principal HCV
LUGO: 11.30h Entrada principal HULA
BURELA: 11.30h Entrada principal Hospital da Costa
MONFORTE: 11h Entrada principal Hospital Comarcal
VIGO: 11h Diante de Urxencias do Hospital Xeral
PONTEVEDRA: 11.30h Entrada principal H. Montecelo
SANTIAGO: 12h Entrada principal H. Clínico
A CORUÑA: 11h Diante do Hotel de Doentes
