MENOS PARADOS GALICIA
GALICIA PECHA O MES DE ABRIL CON 7.376 PERSOAS DESEMPREGADAS MENOS QUE EN MARZO DE 2015
- A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, destacou que o descenso galego sitúase por riba da media estatal a niveis mensuais (-2,93%) e interanuais (-9,40%)
- De abril do ano pasado a este mes, o desemprego baixou en 25.383 persoas, a maior diminución interanual rexistrada en toda a serie histórica desde 1996 en termos absolutos
- Con estas cifras, Galicia volve a niveis de paro similares aos de hai catro anos
Santiago, 5 de maio de 2015.- Galicia rexistrou no mes de abril un descenso de 7.376 persoas desempregadas, o que supón un 2,93 por cento menos que no mes anterior, a segunda maior baixada en termos intermensuais absolutos de toda a serie histórica (desde 1996). Deste xeito, o número de inscritos no desemprego sitúase nun total de 244.761 persoas na comunidade autónoma.
A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, explicou hoxe que esta baixada sitúa a Galicia por riba da media estatal tanto a niveis mensuais (-2,93%), como interanuais (-9,40%)
Así, recordou que xa se acumula “ano e medio” de descensos consecutivos a nivel interanual, e que neste mes esta diminución cífrase en 25.383 persoas menos (-9,40%), a maior destes dezaoito meses.
Ademais, este descenso interanual é o maior rexistrado nun mes de abril de toda a serie histórica en termos absolutos, e o maior desde 1999 se se computa en termos relativos. Grazas a esta evolución, Galicia “volve situarse a niveis de paro similares aos de 2011, isto é, de hai catro anos”, subliñou Díaz López.
En España, o desemprego baixou en 118.923 persoas, un 2,67 por cento, ata situarse nos 4.333.016 parados. En termos interanuais, o paro en España baixou nun 7,50%.
Por sectores, o desemprego baixa en todos eles, pero a principal diminución destes mes concéntrase no sector servizos (-4.651). A continuación sitúase a construción (-1.201), seguida pola industria (-897); a agricultura e a pesca (-448), e o colectivo sen emprego anterior (-179).
Por provincias, o desemprego baixou en todas elas, principalmente na Coruña (-3.037), seguida por Pontevedra (-2.680), Lugo (-882), e Ourense (-777).
Na evolución dos contratos, este mes rexistráronse un total de 67.180 contratos, 3.338 máis que no mes anterior. Deste total, 5.225 foron indefinidos (7,78%), e 61.955 temporais (92,22%). No eido dos contratos, tamén se rexistra unha interanual positiva do 16,12%.