Mañá participaremos na «II Saída pola parroquia de Salcedo»organizadas pola Comunidade de Montes de Salcedo para dar a coñecer os traballos que se están desenvolvendo para a recuperación e ordenamento racional e sustentable do monte, así comos os labores de posta en valor do patrimonio. Nesta andaina cultural terei a ocasión de falarlles aos participantes do rico patrimonio arqueolóxico, etnográfico, inmaterial de Salcedo. O biólogo Amancio Castro falará das árbores autóctonas e da súa importancia e o presidente dos Comuneiros de Salcedo Fernando Pintos explicará os traballos de revalorización que se están a facer no monte comunal. Coido que é unha oportunidade para quen quera coñecer algúns dos proxectos máis interesantes que, no eido dos montes comunais e da súa xestión, se están desenvolvendo hoxe en día no país.



