FINANCIACIÓN IRREGULAR
Feijóo debe comparecer para dar conta do financiamento irregular do seu partido con 2,6 millóns de euros sen declarar detectados en 2006
por Partido Dos Socialistas de Galicia-Partido Socialista Obreiro Español (Psdeg-Psoe)
O portavoz do Grupo Socialista, Abel Losada, lembrou hoxe que “seguimos esperando que o PP condene o financiamento irregular” detectado en 2006, baixo a dirección de Feijóo, cando ingresaron 2,6 millóns de euros sen declarar de empresas contratistas co goberno galego. Así o dixo no debate dunha Interpelación na que reclamou a comparecencia de Feijóo no Pleno do Parlamento.
O responsable socialista esixiulle ao presidente da Xunta que explique as relacións do seu partido coa trama de financiamento irregular do ex tesoureiro Bárcenas, e lamentou que sexa “incapaz de darlle explicacións a Galicia e aos galegos e galegas representados no Parlamento, malia que Feijóo evidenciara que o PP estaba nervioso”.
Lamentou a lentitude do PP en explicar estas relacións en contraste coa habilidade probada para “montar tramas falsas”, como a do suposto financiamento irregular do sindicato Unións Agrarias. Considerou “inaudita” a actuación da Xunta, “en función da denuncia dun partido político a través dunha nota de prensa”, cando o vicepresidente daquel goberno é ao mesmo tempo o secretario xeral do PPdeG.
Dixo que ese sistema de goberno resulta “mais propio dos tempos de Macquiavelo que do século XXI”, en alusión aos escritos nos que o politólogo florentino explicaba que a mellor maneira de forxar o poder autoritario era xerando desconcerto e a confusión, “que é precisamente o que fai o goberno galego cos cidadáns de Galicia”.
Losada amosou ademais a imaxe dos “chachorros do PPdeG”, en alusión aos representantes de Novas Xeracións que organizaron un “antecedente ilustrado e bastante pijo” dun escrache protestando diante da casa do secretario xeral socialista sen que este fora condenado por nada.
Desasosego
O responsable socialista reclamou a presenza de Feijóo na Cámara para dar explicacións sobre as súas propias palabras nas que adiantaba que non vou ceder á chantaxe, evidenciando que “hai motivos para chantaxear ao presidente polos que debe dar conta”. Tamén lembrou as afirmacións relativas a que rematou a infamia, cando “as infamias, si existen, rematan con transparencia e información, dando a cara”.
Lembrou ademais que cando Feijóo recriminoulle á oposición que pedir explicacións desprestixia á democracia, en realidade “confunde que a democracia se desprestixia cando se converte nun sistema autocrático que agocha a información molesta para o goberno”.
Finalmente, criticou que o presidente da Xunta considere que a ética a dan os votos, e lembrou que “os votos dan o poder lexítimo: a ética tense ou non se ten, e o poder si que se pode lexitimar a través do seu exercicio con comportamento ético, o outro son exercicios autocráticos”.