Las multas de tráfico se incrementaron en Lugo capital un 60% en dos años

DENUNCIA PP

O GMPP salienta que as multas de tráfico se incrementaron en 815.000 euros nos dous últimos anos, o que supón un 60% máis

                    lunes, 15 abril 2013, 18:13, por Partido Popular (PP) de Lugo

  • O concelleiro popular Antonio Ameijide explica que en 2012 impuxéronse sancións por 2,2 millóns de euros fronte aos 1,4 millóns de euros de 2010, o que atribúe á “brutal persecución” e á “presión recadatoria” á que o goberno local está a someter aos lucenses

• O edil popular subliña que “a espiral recadatoria” deste goberno municipal parece non ter fin, xa que a previsión de ingresos contemplada nos orzamentos de 2013 por este concepto se multiplicou por tres en a penas catro anos

• Ameijide destaca que esta presión para a recadación non se traduciu en melloras no ámbito da seguridade viaria, xa que en 2012 quedaron sen investir 275.000 euros, un 27% do total previsto na materia

• O popular apunta que o Concello ten pendentes de cobro só nestes últimos tres anos case 2,3 millóns de euros por sancións de tráfico, o que demostra que temos un goberno totalmente despreocupado da xestión económica

O concelleiro popular Antonio Ameijide salientou esta mañá en rolda de prensa que as multas de tráfico impostas se incrementaron en 815.301,94 euros nos últimos dous anos, ao pasar dos 1.387.997,06 euros de 2010 aos 2.203.299 euros de 2012, o que representa un 58,8% máis respecto ás cifras destes anos.  Estes son os datos que se desprenden da comparación entre as liquidacións orzamentarias de 2010 e as de 2012.

As pretensións recadatorias do goberno local tamén se recollen nos orzamentos municipais, que son “toda unha declaración de intencións” neste sentido. Deste xeito, a previsión de ingresos multiplicouse por tres nos últimos catro anos ao pasar dos 825.000 euros contemplados nas contas de 2010 aos 2,3 millóns de euros establecidos no orzamento do exercicio en curso. Nese senso, preguntouse se o goberno local considera que agora os lucenses conducen ata tres veces peor que a finais de 2009.

“Temos uns orzamentos no que aumenta a previsión de ingresos por sancións, unha liquidación que recolle que efectivamente se produce isto e agora, tras o voto do PSOE e BNG, unha nova ordenanza de circulación que dá aínda máis ferramentas para seguir incrementando esta presión ata niveis inauditos”, afirmou Antonio Ameijide.

Presión que non repercute en melloras.-

A xuízo do edil popular, é chamativo tamén que “a brutal presión” que está a exercer este goberno local para incrementar a toda costa a recadación non se traduce en melloras no ámbito da seguridade viaria. Así, dos 1.003.239,76 euros previstos para o gasto total en materia de tráfico de 2012, só se recollen obrigas recoñecidas netas por importe de 728.216,81. É dicir, quedan sen executar 275.022,95 euros, o que representa máis dun 27% do total previsto, de modo que “o único que fixeron foi practicamente pagar nóminas” sen acometer melloras “tan urxentes como necesarias” en sinalización vertical e horizontal ou repintados de pasos de peóns, entre outras cuestións.

Así mesmo, Antonio Ameijide referiuse a que esta partida se reduce no orzamento de 2013, xa que dos 1.003.239,76 recollidos para o exercicio anterior pásase aos 950.099,34 euros do actual.

Pendentes de cobro.-

Por último, o responsable de Tráfico e Mobilidade do Grupo Municipal Popular tamén destacou que só nestes tres últimos anos o Concello de Lugo ten pendentes de cobro case 2,3 millóns de euros, o que resulta de sumar 379.825,89 euros de 2010, os 767.181,09 euros de 2011 e 1.147.994,50 euros en 2012. “Iso demostra que temos un goberno totalmente despreocupado da xestión económica”, sentenciou Antonio Ameijide.

¿Y tú qué opinas de esto?