COMUNICADO DEL PPdeG
Miranda celebra que o que será o novo presidente do Goberno confirmase que acudirá a Bruxelas coa intención de defender sectores estratéxicos para Galicia
Rajoy reitera o seu compromiso cos sectores naval, pesqueiro, lácteo e agrario e confirma o seu compromiso co AVE galego
• O PPdeG respalda sen fisuras a decisión de Rajoy de non anticipar prazos antes de coñecer a realidade das contas públicas
• O AVE galego está entre as prioridades de Rajoy e a súa palabra vale máis que os prazos que ofreceron os gobernos do PSOE e que incumpriron coa complicidade do BNG
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2011.- O voceiro do Partido Popular de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, amósase optimista ante o debate que mantivo esta mañá Mariano Rajoy, onde o que será o novo presidente do Goberno central reiterou o seu compromiso cos sectores estratéxicos de Galicia, como son o naval, pesqueiro, lácteo e agrario, así como coa súa vertebración territorial a través da alta velocidade.
Para os populares galegos, a lexislatura arranca cun novo presidente que confirma que irá a Bruxelas a pedir o levantamento do veto á construción de buques civís por parte dos estaleiros galegos; a negociar con intensidade as cotas pesqueiras, de forma que se beneficie a flota galega; a mellorar a Política Agraria Común (PAC) e, por tanto, a poñer cara e voz ás reivindicacións galegas no seo da Unión Europea.
Miranda destaca á súa vez o compromiso de Rajoy co AVE galego que impulsou coa colaboración do PP de Galicia e que confirmará agora téndoo como un dos seus programas estratéxicos en canto a comunicacións ferroviarias.
Segundo o dirixente popular, o PPdeG respalda sen fisuras a decisión de Rajoy de non anticipar prazos antes de coñecer a realidade das contas públicas e, sobre todo, coa firme vontade de non volver a un debate en torno ás datas que a experiencia de oito anos de socialismo confirma que foi inútil e pouco produtiva.
O AVE galego está, por tanto, entre as prioridades do vindeiro presidente do Goberno e a súa palabra vale máis que a retahíla de prazos inxustificados que foron ofrecendo os gobernos do PSOE durante a súa estancia no poder e que incumpriron coa complicidade do BNG.