Consello da Xunta
REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA QUE TIVO LUGAR NA DELEGACIÓN DA XUNTA EN OURENSE, O 15 DE DECEMBRO DE 2011, BAIXO A PRESIDENCIA DO SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO
DECRETOS
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Decreto polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.
Decreto polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.
Decreto polo que se aproba a bandeira do Concello de Castro Caldelas.
Decreto polo que se aproba o escudo do Concello de Castro Caldelas.
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
Decreto polo que se aproba o cambio de titularidade de varios treitos de estradas autonómicas a prol do Concello de Ourense.
CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
Decreto polo que se desenvolve a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no relativo aos órganos consultivos e de participación.
ACORDOS
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Acordo polo que se autoriza a sinatura do Acordo de colaboración entre a Axencia Galega de Emerxencias e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sobre comunicación bilateral, información recíproca e elaboración de protocolos de actuación conxunta en materia de meteoroloxía e climatoloxía en Galicia para a atención de emerxencias e protección cidadá.
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Concello de Vigo, mediante o que se prorroga a vixencia do Consorcio Casco Vello de Vigo.
CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA
Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, para a realización de cursos en materia de normativa enerxética edificatoria, por importe de vinte mil euros (20.000 euros).
Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (COEIG), para a realización de accións formativas en materia de normativa energética edificatoria, por importe de vinte mil euros (20.000 euros).
Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais (CGETI), para a realización de accións formativas en materia de normativa energética edificatoria, por importe de vinte mil euros (20.000 euros).
CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO
Acordo polo que se autoriza a sinatura dun convenio de colaboracion entre a Consellería de Cultura e Turismo, a Deputación Provincial de Pontevedra, o Arcebispado de Santiago de Compostela e o Concello de Meis, para a restauración da igrexa do Mosteiro de Armenteira, por un importe total de trescentos oitenta e oito mil cincocentos sesenta e dous euros con tres céntimos (388.562,03).
CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR
Acordo polo que autoriza a tramitación do expediente de gasto relativo á prórroga para o ano 2012 do contrato de xestión de servizos públicos denominado Programa Mentor para a inserción socio laboral de mozos e mozas en risco social (exp.130/2008), por un importe de un millón catro centos sesenta e oito mil douscentos noventa e seis euros con noventa e seis céntimos (1.468.296,96 euros), ao que haberá que engadir o importe que supoña a revisión do prezo unitario mediante a aplicación sobre o prezo unitario vixente do IPC galego (máximo o 85% de variación do devandito índice no último ano), unha vez se determine.
CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
Acordo polo que se declara expresamente a prevalencia da utilidade pública do proxecto da Liña de Media Tensión a 20 kV para a evacuación dos parques eólicos singulares da Barbanza nos concellos de Porto do Son e da Pobra do Caramiñal, para unha superficie de afección de36,5 m²en solo e11.693 m²en voo, promovido pola Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria na Coruña.
CONSELLERÍA DE SANIDADE
Informe sobre a reprogramación funcional, Plan Director H2050 e redacción do proxecto básico e de execución da fase I do Plan Director do Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU).
Consello da Xunta
A XUNTA APROBA O DECRETO DE CREACIÓN DA AXENCIA PARA A MODERNIZACIÓN TECNOLÓXICA QUE INTEGRARÁ OS RECURSOS HUMANOS E ORZAMENTARIOS DA ÁREA TIC DE TODAS AS CONSELLERÍAS
A Amtega consolida un modelo de xestión única da política tecnolóxica na Administración autonómica
A finais de 2012 oito consellerías e diferentes entidades departamentais estarán integradas na Axencia
Nun prazo máximo de 4 anos completarase a incorporación de todos os organismos e departamentos TIC da Xunta
Simplificará a organización das áreas tecnolóxicas da Xunta, con menos niveis xerárquicos e permitirá manter ás políticas de austeridade
Suprimiranse polo menos 15 departamentos administrativos cuxas competencias se atopan replicadas dentro da Xunta
A creación da Amtega e a posta en marcha do Centro de Proceso de Datos suporá un redución de arredor do 30% do custo tecnolóxico da Administración autonómica
Esta optimización do gasto permitirá reinvestir en proxectos TIC innovadores no sector público galego
O Goberno galego aprobou hoxe o Decreto polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) co obxectivo de consolidar un modelo de xestión integrado das TIC na Administración autonómica. A creación da Axencia permitirá unha maior eficiencia e unha redución de gasto ao integrar os recursos humanos, materiais e orzamentarios da área tecnolóxica de todas as consellerías e diferentes entidades departamentais da Xunta baixo unha mesma dirección e con custo cero.
O proceso de consolidación levarase a cabo de xeito gradual, integrando a oito consellerías a finais de 2012 e o resto de organismos e departamentos TIC nun prazo máximo de catro anos. Un total de 558 profesionais da escala de tecnoloxías da información que desempeñan as súas funcións nos distintos departamentos da Xunta traballarán nun proxecto tecnolóxico único baixo a dirección da Axencia, que tamén xestionará o orzamento global tecnolóxico da Administración galega.
Coa creación da Amtega e a posta en marcha do Centro de Proceso de Datos Integral Galicia dáse un paso histórico en materia tecnolóxica, apostando por un modelo de xestión das TIC integral que non existe noutras comunidades. Ademais, ambas as iniciativas posibilitarán a redución de arredor do 30% do custo tecnolóxico da Administración autonómica. Esta optimización do gasto permitirá reinvestir en proxectos TIC innovadores no sector público galego.
Simplificación organizativa
A estrutura organizativa da área tecnolóxica da Administración autonómica quedará notablemente reorganizada e simplificada, suprimindo polo menos 15 departamentos administrativos cuxas competencias se atopan replicadas dentro da Xunta. Suporá ademais unha reestruturación organizativa e unha consolidación das infraestruturas que xerará un aforro de espazo que poderá acadar ata un 40% no 2014. Isto eliminará dispersión actual do persoal TIC situado en 86 localizacións distintas das cales 34 están en servizos centrais e 52 en delegacións. Iso supón un espazo de7.700 m², incluíndo máis de 80 CPD. A redución do espazo vai acompañada dun consecuente aforro en custos fixos de mantemento.
Redución de custos
Un dos eixos centrais da política tecnolóxica da Xunta é a eficiencia na xestión dos fondos públicos e a Axencia é unha fórmula efectiva para consolidar este obxectivo.
Deste xeito nun prazo de tres anos prevese unha redución de entre un 25 e un 30% nos custos de mantemento, adquisición de sistemas e infraestruturas tecnolóxicas. Este aforro será posible coa centralización das compras en materia tecnolóxica, conseguindo mellores prezos e condicións de compra; coa redución da estrutura organizativa; coa consolidación das plataformas tecnolóxicas nun único CPD e o impulso do emprego software libre na Administración.
Ademais, a Axencia xerará unha redución de gasto en estrutura de persoal de ata un 23% ao final da lexislatura. Actualmente, as áreas TIC das diferentes consellerías contan cunha importante diversidade de tipoloxías de persoal, o que sumado a ausencia dunha dirección unificada representa un obstáculo na mellora dos servizos TIC da Xunta. A nova estrutura dividida en áreas e cun réxime de retribución por obxectivos mellorará esta situación. A Axencia impulsará a profesionalización da carreira informática na Administración autonómica.
A reorganización organizativa que comporta a Axencia permitirá que no 2014 se teña acadado unha redución de arredor do 50% en custos en coordinación de proxectos. A todas estas minoracións de gasto TIC engádense as que proporcionará a posta en marcha da futura Axencia do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI), que integrará as funcións dos máis de 80 CPD existentes ata o de agora, acadando un aforro anual e 3.000.0000 de euros.
Proceso de consolidación en tres fases
O proceso de consolidación dos servizos tecnolóxicos levarase a cabo de xeito gradual en tres fases. A primeira comeza coa constitución da Axencia, incorporando os medios persoais, materiais e competencias que actualmente corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica xunto co persoal e os recursos TIC da Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza. Esta primeira fase completarase no primeiro trimestre do ano 2012 e contará co orzamento da Secretaría Xeral (o 46,4% do orzamento global TIC) e a integración de 74 profesionais TIC (correspondente á SXMIT e á Consellería de Presidencia), o 13,3% do persoal da área tecnolóxica da Administración.
Na segunda fase integraranse os departamentos TIC de outras sete consellerías: Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Economía e Industria, Educación e Ordenación Universitaria, Cultura e Turismo, Traballo e Benestar, Medio Rural e do Mar. Este proceso rematará en decembro de 2012 co 67% do orzamento TIC total e 280 profesionais (o 50,3% do persoal TIC) integrado na Axencia.
A terceira é ultima fase será a integración do persoal e orzamentos do resto de organismos e departamentos TIC nun prazo máximo de catro anos.
Estrutura
A estrutura funcional comporase de catro áreas encargadas da planificación, dirección e execución das competencias tecnolóxicas na Xunta baixo un esquema de goberno composto de Presidencia, Consello Reitor e Dirección.
O CONSELLO DA XUNTA APROBA A MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS DO COLEXIO OFICIAL DE FISIOTERAPEUTAS DE GALICIA
A modificación dos estatutos obedece á súa adaptación á Directiva de servizos do Parlamento Europeo
Entre os seus fins están o ordenamento do exercicio da profesión, e representar e defender os intereses xerais da fisioterapia e dos seus profesionais
O Consello da Xunta, na súa xuntanza semanal de hoxe aprobou o decreto polo que se modifican os estatutos do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, para adaptalos á Directiva de servizos do Parlamento Europeo, sendo o Colexio Oficial de Fisioterapias de Galicia unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e con plena capacidade para o cumprimento dos seus fins e o exercicio das súas funcións.
O obxecto deste decreto é a aprobación dos estatutos do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, incorporando ao seu contido as modificación normativas establecidas con motivo da adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de maio, relativa aos servizos no mercado interior, que ocasionan importantes cambios na regulación dos colexios profesionais.
En primeiro lugar, a Lei 17/2009, de 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, a Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio (Lei ómnibus estatal), a Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á directiva europea (Lei Ómnibus galega), que modifica a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Para dar cumprimento ás novidades normativas, o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia incorpora ao seu réxime xurídico a referencia á normativa vixente en materia de colexios profesionais, inclúe entre os fins do colexio a protección dos intereses dos consumidores e dos usuarios, regula o exercicio profesional en forma societaria, de conformidade coa Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, establece a previsión de mecanismos de comunicación entre autoridades competentes no caso de desprazamento temporal dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea, regula o portelo único e o servizo de atención a colexiados e a consumidores e usuarios, así coma a memoria anual do colexio.
Poderán integrarse no Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia os que posúan a titulación legalmente requirida para o exercicio en España da profesión de fisioterapeuta, non estar incapacitado ou inhabilitado legalmente para o exercicio da profesión, non atoparse suspendido por sanción disciplinaria e ter aboado as correspondentes cotas.
Portal web
O colexio disporá dunha páxina web a través dun portelo único, os profesionais poderán realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, así como o seu exercicio e baixa no colexio, a través dun punto único. Ademais, mediante este portelo único, as organizacións colexiais ofrecerán información de especial importancia para os consumidores e usuarios, coma ter acceso ao Rexistro de Colexiados e ás vías de reclamación e recursos en casos de conflito entre consumidor e profesional.
O CONSELLO DA XUNTA APROBA O ESCUDO E A BANDEIRA OFICIAL DE CASTRO CALDELAS (OURENSE)
O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace aos decretos polos que se aproban o escudo e a bandeira do concello de Castro Caldelas, na provincia de Ourense.
Deste xeito, no escudo do concello aparece un castelo aberto, de ouro, coa porta superada por un escudo de prata cargado de seis roeis de azur (azul) e bordadura de azur muxe. O castelo está sobre campo de gules (vermello) e sobre chamas perfiladas de ouro. Ao timbre, coroa real pechada.
Pola súa banda, a bandeira de Castro Caldelas quedaría sobre pano de tres franxas; as do batente e hasta de azul, perfiladas de branco ao centro; e a terceira, de dobre largo, de vermello, cun castelo de amarelo, aberto, coa porta superada por un escudo de branco cargado de seis roeis de azul, sobre lapas de vermello perfiladas de amarelo.
O castelo que aparece tanto no escudo como na bandeira representa o xa existente na vila e o señorío que sobre ela exerceron os señores de Monforte de Lemos desde o ano 1336 por concesión do rei Alfonso XI á liñaxe Castro.
O castelo foi reedificado polos condes de Lemos e tras ser derrubado en parte pola Revolución Irmandiña, volveu ser reconstruído. As lapas lembran o suceso acontecido durante a invasión francesa, cando en 1810 o xeneral Loison lle prendeu lume á vila. A bordura de azur alude á tradicional devoción mariana da Nosa Señora dos Remedios.
A XUNTA CEDE AO CONCELLO DE OURENSE A TITULARIDADE DE CINCO RÚAS QUE FORON HUMANIZADAS POLA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE
As rúas que se van a transferir son Ervedelo, Adrio Menéndez, Rei Soto, Vicente Risco e Celso Emilio Ferreiro
Estas rúas están enmarcadas nun convenio de colaboración no que a Xunta achega 8 millóns de euros para a execución de obras en 21,5 quilómetros de rúas
A entrega dos viais cuxa transferencia se autorizou hoxe formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia (DOG)
Correspóndelle ao Concello de Ourense, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como as funcións de disciplina viaria
O Consello da Xunta aprobou hoxe o cambio de titularidade de varios treitos de estradas autonómicas a prol do Concello de Ourense. Trátase de cinco rúas ourensás: Ervedelo, Adrio Menéndez, Rey Soto, Vicente Risco e Celso Emilio Ferreiro.
Estas rúas están enmarcadas nun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Ourense para o que a Xunta achega un orzamento de 8 millóns de euros destinados á execución de obras de optimización en 21,5 quilómetros de rúas da cidade de Ourense. Desde a Dirección Xeral de Infraestruturas sinálase que a día de hoxe as actuacións de humanización nestas rúas que se van transferir xa están finalizadas. Tamén se remataron recentemente proxectos de mellora noutras vías como a avenida de Zamora, Progreso, avenida de Reza, Marcelo Macías ou rúa Coruña.
A Xunta de Galicia, mediante a colaboración no citado convenio, trata de fomentar aqueles investimentos que resolvan problemas nas infraestruturas coa finalidade de proporcionar unha maior calidade de vida aos cidadáns.
Rúas que se van transferir
Un dos tramos que se cede pertence á estrada OU-402, que une Ourense e Cortegada, cuxa denominación é rúa Ervedelo. O treito, cunha lonxitude que alcanza preto dun quilómetro, é o comprendido entre a rúa Progreso e a N-525.
O segundo treito que se transferirá encádrase na OU-421, que conecta a praza Xeneral Moscardó e a avenida Estación. Son as rúas Adrio Menéndez e Rei Soto, que suman200 metros. Nestas vías executáronse melloras na calzada e nas beiravías, no marco do convenio entre a Xunta e o Concello de Ourense.
O terceiro tramo, con300 metrosde lonxitude, correspóndese coa denominada rúa Vicente Risco, situada na N-525. Nesta rúa previuse a execución de melloras nas beiravías. O cuarto e último treito é a rúa Celso Emilio Ferreiro, que se sitúa na estrada OU-611, que conecta a avenida de Bos Aires coa Curros Enríquez. Esta vía, na que se acondicionaron as beirarrúas e se repuxeron diferentes servizos, conta cunha lonxitude de400 metros.
A Dirección Xeral de Infraestruturas analizou e considerou adecuado o cambio de titularidade destes treitos e, de acordo co informe emitido polos servizos técnicos competentes, a transferencia da titularidade.
Cesión regulada
A entrega destas vías formalizarase no prazo de dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia (DOG). Correspóndelle ao Concello de Ourense, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como as funcións de disciplina viaria.
Cómpre sinalar que o Decreto 308/2003 prevé a posibilidade do cambio de titularidade de estradas a prol dos concellos, con especial referencia a aquelas susceptibles de ser transferidas por non dar continuidade a itinerarios ou ser treitos de estradas en que se fixeron variantes de trazado.
No artigo 5 da Lei 4/1994, de estradas de Galicia, indícase que os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas.
A XUNTA CREA A MESA E O CONSELLO DE BENESTAR CO FIN DE MELLORAR, EN COLABORACIÓN COS AXENTES IMPLICADOS, OS SERVIZOS SOCIAIS
O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto que regulará e desenvolverá estes órganos consultivos e de participación, recollidos na Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia
Terán entre os seus obxectivos o control, deseño e posta en funcionamento de iniciativas no eido social
O Consello Galego de Benestar Social, que substituirá o Consello Galego de Servizos Sociais, amplía o peso e representación das entidades e axentes sociais
Este órgano, xunto á Mesa Galega de Servizos Sociais, velará polo cumprimento das medidas que recolla a futura Lei de inclusión social, que se aprobará en 2012
Ao Consello de Benestar estará adscrito o Observatorio Galego de Servizos Sociais, que establecerá un sistema de información permanente sobre a situación dos servizos sociais
O Goberno galego vén de crear dous novos órganos consultivos e de participación para o control, deseño, estudo e posta en funcionamento de iniciativas que melloren a calidade na prestación dos servizos sociais da Comunidade Autónoma. Así o aprobou hoxe o Consello da Xunta ao dar o visto e prace á posta en marcha do Consello Galego de Benestar Social, ao que estará adscrito o Observatorio Galego de Servizos Sociais e á Mesa Galega de Servizos Sociais.
Ambas as ferramentas, en vigor a principios de 2012, se desenvolven ao abeiro do título III da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, co fin de dar máis presenza e importancia aos axentes implicados no desenvolvemento dos servizos sociais na nosa comunidade. Ambos os órganos entrarán en vigor a principios de 2012 e substituirán o Consello Galego de Servizos Sociais e as mesas de Avaliación e Seguimento da Risga.
O Consello Galego de Benestar Social, adscrito á Consellería de Traballo e Benestar, será o órgano colexiado superior consultivo e de participación do sistema galego de servizos sociais que garantirá o seu funcionamento administrativo e organizativo.
Substituirá o Consello Galego de Servizos Sociais e a súa composición será máis ampla precisamente para garantir que todos os axentes sociais implicados no ámbito dos servizos sociais poidan ter representación nel.
En relación cos representantes das entidades prestadoras de servizos sociais, establécese un procedemento de selección máis democrático que o que existía anteriormente no Consello Galego de Servizos Sociais, no que se garante unha máis axeitada representación das distintas áreas de actuación: atención e prevención da dependencia, discapacidade e maiores; familia, infancia e menores; e, por último, servizos á comunidade e inclusión social e igualdade.
As súas funcións tamén serán máis amplas. Así, entre os seus principais obxectivos estarán avaliar as políticas de servizos sociais e asesorar á Xunta na súa planificación e programación, así como a emisión de ditames por instancia do Parlamento de Galicia no eido social e o intercambio de experiencias entre os e as profesionais e persoas investigadoras.
Lei de inclusión social
Un dos labores máis importantes do Consello Galego de Benestar Social será o de exercer control e facer un seguimento das medidas recollidas na nova Lei de inclusión social de Galicia que entrará en vigor en 2012. En concreto, fará un seguimento estatístico, tanto dos procesos de concesión da futura renda de inclusión social de Galicia, como da correcta aplicación das medidas de fomento do emprego que, vinculadas aos proxectos de inserción, se prevén nesta normativa.
A futura Lei de inclusión social avogará por novas fórmulas de máxima coordinación entre os servizos sociais e os laborais co obxectivo de que coa prestación económica da Risga se acade unha inserción laboral real e verdadeira das persoas máis desfavorecidas.
Observatorio de servizos sociais
No seo do Consello Galego de Benestar Social crearase por primeira vez o Observatorio Galego de Servizos Sociais para establecer un sistema de información permanente sobre a situación dos servizos sociais en Galicia.
O observatorio, ademais de facer investigacións, enquisas e publicacións, elaborará informes periódicos específicos e, con carácter anual, presentará informes de conxuntura social en que se reflictan as principais variables sociais e se formulen propostas e recomendacións tendentes a promover o desenvolvemento das políticas sociais de Galicia.
Mesa Galega de Servizos Sociais
O segundo órgano consultivo e de participación aprobado hoxe polo Consello da Xunta é a Mesa Galega de Servizos Sociais, que se constituirá como un órgano específico de participación institucional dos axentes sociais para mellorar a calidade na prestación dos servizos sociais. Estará presidida pola Administración e composta polos axentes sociais para o deseño de políticas públicas no eido dos servizos sociais.
Entre os obxectivos destacan a posta en marcha de iniciativas que melloren a calidade na prestación dos servizos sociais e o control e avaliación global dos resultados na execución dos programas desenvolvidos en materia de servizos sociais.
En definitiva, hoxe aprobáronse dous novos órganos consultivos e de participación para mellorar a calidade na prestación dos servizos sociais de Galicia que, ademais e como novidade, garanten que todos os axentes sociais implicados no ámbito dos servizos sociais estean representados.
AXEGA E METEOGALICIA COLABORAN PARA TRABALLAR DE FORMA CONXUNTA EN CASOS DE FENÓMENOS METEREOLÓXICOS ADVERSOS
A Axega asina un acordo de colaboración con MeteoGalicia para traballar conxuntamente en casos de catástrofes naturais, tecnolóxicas ou antropogénicas producidas como consecuencia dos fenómenos meteorolóxicos
Ambos establecerán procedementos de comunicación bilateral, información recíproca,elaborando protocolos de actuación conxunta e colaboración técnica
O Consello da Xunta na súa xuntanza semanal de hoxe vén de aprobar o convenio subscrito entre a Axencia Galega de Emerxencias, a través do CAE 112 Galicia e a Unidade de Observación e Predición Metereolóxica MeteoGalicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, para traballar de forma conxunta en casos de fenómenos metereolóxicos adversos.
Axega e MeteoGalicia establecerán procedementos de comunicación bilateral, información recíproca, elaborarán protocolos de actuación conxunta e colaboración técnica, de xeito que ambos estean informados con carácter prioritario fronte a catástrofes naturais, tecnolóxicas ou antropoxénicas e en emerxencias producidas como consecuencia dos fenómenos meteorolóxicos, que poidan poñer en risco a poboación, as instalacións, subministracións e infraestruturas críticas ou ben o ambiente en Galicia, e que exixan intervención de servizos de atención sanitaria, seguridade cidadá, protección civil, ou salvamento.
O intercambio de información realizarase con carácter prioritario, a través de canles específicas e diferenciadas entre a Axega e MeteoGalicia, con referencia á información cartográfica e xeográfica dixital, intercambio de recursos e ferramentas informáticas, rede de infraestruturas, asesoramento e asistencia científico-técnica e predición, modelos numéricos e observacións meteorolóxicas.
MeteoGalicia porá en coñecemento do 112 Galicia, de acordo cos protocolos de actuación que se establezan, polos medios de comunicación acordados e coa máxima prioridade, a predición ou observación de fenómenos meteorolóxicos adversos que sexan susceptibles de xerar impactos ambientais con risco da seguridade das persoas, infraestruturas críticas e o ambiente. Facilitará, así mesmo, a asistencia e o asesoramento científico-técnico que se requira, así como os informes meteorológicos extraordinarios ou imaxes satélites e de radar en tempo real que se soliciten como consecuencia dunha situación de emerxencia extraordinaria.
Así mesmo, o 112 Galicia informará a MeteoGalicia de todos os accidentes/incidentes dos que teña coñecemento e que atinxan o ámbito de actuación técnica de MeteoGalicia, así como dos requirimentos de asistencia que se cursa ás administracións públicas. Para estes efectos a Axega instalará o sistema informático remoto EGA Web do 112 Galicia nun terminal informático das dependencias de MeteoGalicia. A instalación do sistema de remotos EGA Web do 112 Galicia nos equipos informáticos de MeteoGalicia e a formación do seu manexo farase cos medios e persoal da Axencia Galega de Emerxencias
As comunicacións entre o 112 Galicia e MeteoGalicia deberán poder ser realizadas as 24 horas, os 365 días do ano polos interlocutores designados para tal efecto.
MeteoGalicia é actualmente a unidade de observación e predición meteorológica dependente da Subdirección Xeral de Investigación, Cambio Climático e Información Ambiental, e ten como obxectivos principais a elaboración dunha predición meteorolóxica específica para Galicia, a observación de variables ambientais, ademais da prestación doutros servizos en relación coa meteoroloxía e climatoloxía en Galicia.
Ademais, nestes momentos conta cunha extensa rede de estacións meteorolóxicas e oceanográficas, sendo a primeira que ten un sistema de xestión da calidade acreditado pola certificación ISO 9001:2008 e un radar meteorolóxico de última xeración con polarización dual que permite distinguir o tipo de meteoro esperable nas próximas horas.
Comisión de Seguimento
Constituirase unha comisión de seguimento, composta polo Subdirector Xeral de Investigación, Cambio Climático e Información Ambiental e o xerente da Axega, ou persoas en quen delegue. A Comisión de Seguimento terá como funcións resolver as dúbidas que poidan xurdir na integración e aplicación do presente acordo, ademais, servirá como canle para facilitar os contactos e acordos entre a Axega e MeteoGalicia en materia de prestación de servizos de atención de emerxencias do teléfono 112, que sexan necesarios entre outros. A Comisión poderá reunirse por solicitude de calquera das partes, e como mínimo unha vez ao ano.
_______________________________________________________________
O CONSORCIO CASCO VELLO DE VIGO CONTINUARÁ COS SEUS LABORES DE REHABILITACIÓN UNHA VEZ QUE A XUNTA APROBOU A SÚA PRÓRROGA
O convenio vixente expiraba o próximo 31 de decembro, pero prorrogase seis meses para facilitar a modificación dos estatutos para garantir a continuidade do organismo
A Xunta de Galicia, a través do IGVS, é propietaria do 90 por cento do capital do Consorcio e desexa que este reinvista en novas rehabilitacións os ingresos obtidospola venda e alugamento de inmobles rehabilitados
O IGVS achegou xa ao Consorcio un total de 27 millóns de euros, aos que se suman tres millóns achegados polo Concello, propietario do 10 por cento restante do capital
O Consorcio xa rehabilitou no núcleo vello de Vigo 52 vivendas e 13 locais comerciais
O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe a sinatura do convenio entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e o Concello de Vigo mediante o que se prorroga, por un período de seis meses, a vixencia do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), composto por ambos os organismos.
Durante ese período de prórroga está previsto modificar os estatutos do Consorcio para darlle continuidade ao importante labor de recuperación do núcleo histórico, xa que os actuais estatutos prevían a caducidade do convenio o 31 de decembro de 2011.
O obxectivo da Xunta de Galicia é que o Consorcio Casco Vello de Vigo continúe co seu traballo de rehabilitación de edificios da zona vella da cidade olívica, reinvestindo nel os ingresos que se xeren pola venda de edificios e vivendas rehabilitadas. O actual convenio prevía que ao remate do convenio se disolvese o Consorcio e os seus bens se repartisen entre os organismos que o compoñen, pero a Xunta desexa que o Consorcio continúe realizando o mesmo labor que leva feito ata a actualidade durante polo menos 6 anos máis, tal e como se recolle na proposta de modificación de Estatutos que xa formulou o Goberno galego e que nestes momentos se está a analizar no seo do Consello de Administración –no cal están representados membros das dúas entidades consorciadas, así como representantes dos tres grupos municipais do Concello de Vigo-.
O capital do Consorcio Casco Vello de Vigo ascende a 30 millóns de euros, dos que 27 millóns foron achegados polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e 3 polo Concello de Vigo, de maneira que ao IGVS lle corresponde o 90 por cento do capital do Consorcio e ao Concello o 10 por cento restante.
Balance do CCVV
Actualmente o Consorcio Casco Vello de Vigo é propietario de 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados, neles existen 52 vivendas e 13 locais comerciais completamente recuperados.
Destas 52 vivendas, 35 sorteáronse como vivendas de protección autonómica en réxime de compravenda a prezo concertado, 12 foron asignadas en réxime de alugamento e 5 destináronse a realoxamento. Todas elas están situadas nas rúas Abeleira Menéndez, 11, 13-15, 18-20 e 24-26; Santiago de Compostela, 19 e 11-13-15-17; Cruz Verde, 5; Real, 16; Ferraría-subida ao Castelo e Real, 25.
Na actualidade xa son 23 as novas familias que residen na zona vella tras as distintas adxudicacións levadas a cabo polo IGVS e, nos vindeiros meses seguirán sumándose novas familias que están pendentes de formalizar a sinatura das súas escrituras e hipotecas. No que respecta aos 13 locais comerciais, un deles xa está ocupado pola sede de APEC, mentres que o resto se sacaron a concurso público para adxudicarse en aluguer a novos emprendedores que, nos vindeiros meses, abrirán os seus negocios nas rúas do núcleo histórico. Mozos cunha media de 35 anos e con novos proxectos empresariais relacionados coa fotografía, deseño gráfico, hostalería, artesanía ou avogacía, entre outros, instalaranse no Casco Vello.
Ademais, na actualidade o CCVV xa ten en marcha a recuperación doutros 20 inmobles en ruínas no contorno do Castelo de San Sebastián -na parte alta do barrio antigo- que posibilitará a creación doutras 34 novas vivendas e 9 locais comerciais.
As obras son as relativas ás promocións das rúas Ferraría 25-27-29-31; ao cuarteirón Castelo-San Sebastián (Hortas 10-12, San Sebastián 8-12-14 e subida ao Castelo 5-7 e San Sebastián 4-6) e ao cuarteirón Ferraría-San Sebastián (que corresponde aos números 11,13,17,19 da rúa Ferraría e 3,5,7 de San Sebastián). Estas actuacións de recuperación de inmobles supoñen un investimento superior aos 3 millóns de euros e a previsión é que os traballos de rehabilitación estean rematados ao longo do vindeiro ano 2012. Pero a recuperación da parte alta do núcleo vello non quedará aí e nos vindeiros meses haberá avances en novos proxectos de recuperación do barrio antigo.
O Consorcio do Casco Vello de Vigo tamén formalizou neste ano 2011 o convenio de colaboración co Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España para que a sede e oficinas dos rexistros da propiedade da cidade se instalen no barrio antigo durante polo menos dez anos. A futura sede trasladarase a catro inmobles propiedade do CCVV situados nos números 29, 31 e 33 da rúa Real, e no número 26 da rúa Alta, o que suporá un paso importante no que a dinamización e revitalización integral do barrio histórico se refire. A venda dos catro inmobles reportará un total de case 3,4 millóns deeuros que o CCVV destinará a novas adquisicións para seguir co traballo de recuperación.
Finalmente tamén se instalará no núcleo vello de Vigo o Rexistro Civil. Con tal fin, o Consello da Xunta de Galicia autorizou o pasado dous de decembro unha modificación dos estatutos do Consorcio para facilitar que este lle venda á Xunta unha parcela dotacional situada no número 13 da rúa San Sebastián, que conta cunha superficie total de318 metroscadrados, ademais dun local situado no número 24 da rúa Abeleira Menéndez, de67 metroscadrados, cuxo inmoble foi rehabilitado polo Consorcio. O novo Rexistro Civil de Vigo levantarase na devandita parcela.
ECONOMÍA E INDUSTRIA APOSTA POLA ESPECIALIZACIÓN DOSPROFESIONAIS DA EDIFICACIÓN PARA PROMOVER A EFICIENCIA ENERXÉTICA NO SECTOR
O Inega colaborará co Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, co Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e co Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais
Estas organizacións impartirán un total de 14 cursos en distintas materias relacionadas co aforro e a eficiencia enerxética na edificación
As accións formativas desenvolvidas pola consellería en colaboración co sector, que inclúen acordos con sete entidades, suporán un investimento conxunto de 215.000 euros
O Consello da Xunta autorizou hoxe a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), á sinatura de tres novos acordos de colaboración para o fomento de accións formativas en materia de normativa enerxética edificatoria, neste caso co Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos; co Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e co Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais.
En total, serán catorce cursos os que se celebren ao abeiro dos acordos autorizados hoxe, para os que o Inega achega un total de 60.000 euros. Así, a colaboración co Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos posibilitará a realización de catro cursos sobre eficiencia enerxética e sustentabilidade que formarán os asistentes no novo marco normativo e nos principios da arquitectura bioclimática.
No marco do acordo co Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia promóvense catro cursos centrados no programa informático Calener, que permite determinar o nivel de eficiencia enerxética correspondente a un edificio, tanto no momento de proxectar e calcular as instalacións como para realizar a súa certificación enerxética. O Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais desenvolverá seis cursos máis sobre este mesmo programa informático.
Outras actuacións na edificación
Os acordos autorizados hoxe completan os asinados ata o de agora co Colexio Oficial de Arquitectos, coa Fundación da Asociación Técnica Española de Climatización e Refrixeración (Fundatecyr), coa Asociación Clúster da Eficiencia e a Xestión Energética (Cexega) e coa Federación Galega de Asociacións de Fontanería (Fegafón). En total, a Consellería de Economía e Industria colaborará con sete entidades e organizacións, cun investimento conxunto de 215.000 euros, co obxectivo de mellorar a formación en materia de aforro enerxético na edificación.
Estas accións formativas súmanse ás actuacións levadas a cabo polo Inega neste sector, que se dividen en dous grandes campos: as liñas de axuda para o aforro e a eficiencia enerxética, dun lado; e os plans Renove relacionados co sector, de outro. No primeiro apartado inclúense axudas á rehabilitación da envolvente térmica dos edificios existentes, subvencións para a mellora da eficiencia enerxética; e axudas para a construción de novos edificios con alta cualificación enerxética.
A iniciativa, a través da cal se promove o aforro e eficiencia enerxética no ámbito da construción, encádrase na aposta estratéxica da Consellería de Economía e Industria por fomentar un adecuado aproveitamento dos recursos, conxugado co respecto escrupuloso ao ambiente. O departamento que dirixe Javier Guerra leva investidos nesta lexislatura 58,1 millóns nas distintas actuacións para promover o aforro e a eficiencia enerxética, cunha mobilización de investimentos por valor de 167,6 millóns e un aforro económico de 89,6 millóns de euros.
A XUNTA DESTINA 350.000 EUROS Á RESTAURACIÓN DA IGREXA DO
MOSTEIRO DE ARMENTEIRA A TRAVÉS DUN CONVENIO COA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA, O ARCEBISPADO DE SANTIAGO E O CONCELLO DE MEIS
O Consello da Xunta autorizou este acordo, que estará dotado cun total de 388.562 euros e financiado ao 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. O obxectivo é acometer na igrexa unha intervención inmediata que evite unha perda irreparable ao patrimonio cultural galego
O Consello da Xunta autorizou esta mañá a sinatura dun convenio entre a Consellería de Cultura e Turismo, a Deputación Provincial de Pontevedra, o Arcebispado de Santiago de Compostela e o Concello de Meis para a restauración da igrexa do mosteiro de Armenteira. O importe deste convenio é de 388.562 euros, dos que 350.000 corresponden á Consellería de Cultura e Turismo e 38.562 á Deputación Provincial de Pontevedra. As obras estarán cofinanciadas ao 70% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.
O acordo fai fincapé en que o mosteiro cisterciense de Santa María de Armenteira, no concello pontevedrés de Meis, ademais de ser un dos monumentos máis significativos da provincia de Pontevedra, constitúe o edificio máis representativo do románico galego.
Coa finalidade de garantir a seguridade dos visitantes do mosteiro, a Deputación Provincial de Pontevedra asumiu a primeira fase das obras de restauración do mosteiro.
Nestes intres, o estado de conservación da igrexa do mosteiro de Armenteira fai necesaria unha intervención inmediata, que lle evite unha perda irreparable ao patrimonio cultural galego.
En virtude do convenio autorizado hoxe polo Consello da Xunta, a Consellería de Cultura e Turismo comprométese a contratar as obras, de acordo co proxecto básico e de execución facilitado pola deputación. A desgregación do investimento farase en dúas anualidades, destinando un total de 215.000 euros en 2012 e 135.000 no ano 2013.
Pola súa banda, a Deputación Provincial de Pontevedra contribuirá á rehabilitación da igrexa do mosteiro de Armenteira cun total de 38.562 euros, en concepto de redacción do proxecto básico e de execución, que entregará á consellería para a súa licitación, dirección facultativa das obras, control de calidade e coordinación de seguridade e saúde.
O Arcebispado de Santiago de Compostela, pola súa parte, comprométese a autorizar a plena e libre dispoñibilidade dos inmobles e dos terreos, así como os correspondentes permisos e autorizacións para o desenvolvemento do proxecto. Unha vez rematadas as obras, a entidade titular asumirá a xestión, o mantemento e a conservación do inmoble.
Por último, o Concello de Meis colaborará neste proxecto outorgando as correspondentes licenzas municipais e asumindo, de ser o caso, os custos que delas deriven. O convenio entrará en vigor o día da súa sinatura e estará vixente ata o 31 de decembro de 2013, ou ata a finalización das obras obxecto deste, ben que, por causas xustificadas, poderá ser prorrogado por acordo das partes.
MÁIS DE 70 MOZOS E MOZAS TUTELADOS POLA XUNTA ACADARON UNHA INSERCIÓN LABORAL A TRAVÉS DO PROGRAMA MENTOR
O Consello da Xunta aprobou hoxe a prórroga en 2012 do Programa Mentor, que contará cun orzamento de preto de 1,5 millóns de euros
Este proxecto ten como obxectivo a inserción socio laboral de mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e 25 anos, tutelados, extutelados, en agarda, con medidas xudiciais ou usuarios doutros programas dependentes da Consellería de Traballo e Benestar
Ata o 30 de novembro de 2011 participaron un total de 392 persoas, dos que 261 foron homes e 131 mulleres
O Programa Mentor inclúe a xestión de sete vivendas dirixidas aos usuarios desta iniciativa co fin de facilitar o proceso de transición cara a unha vida autónoma e independente
Un total de 73 mozos e mozas de entre 16 e 25 anos acadaron un emprego, entre os meses de xaneiro e novembro, a través do Programa Mentor de inserción sociolaboral.
Este proxecto está dirixido a tutelados, ex tutelados, en situación de agarda, ou menores con medidas xudiciais ou usuarios doutros programas dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.
O Consello da Xunta aprobou hoxe a prórroga en 2012 deste programa, que contará cun orzamento de preto de 1,5 millóns de euros, cos cales se prevé atender a mais de 400 mozos e mozas. Desde 2009 este programa contou cun investimento de 4,7 millóns de euros.
Destes 73 mozos e mozas que atoparon traballo entre xaneiro e novembro, 42 son homes e 31 mulleres. Ademais, 23 proceden de centros de Pontevedra, 19 da Coruña, 17 de Ourense e os 14 restantes de Lugo. En canto á tipoloxía do contrato, a mayoría corresponden cos de obra ou servizo ou de formación.
Durante este ano participaron un total de 392 mozos neste programa, dos que 261 foron homes e 131 mulleres. Por provincias, 117 proceden de centros de Pontevedra, 107 da Coruña, 103 de Ourense e 65 de Lugo.
Ademais de facilitar a inserción, este programa traballa para motivar os menores para que adquiran conciencia da súa situación e se responsabilicen e actúen activamente nos seus procesos de inserción.
O principal obxectivo é facilitarlles esta integración mediante a formación prelaboral e laboral necesaria; formalos en técnicas de busca activa de emprego para acadar un rápido acceso ao mercado laboral; axudarlles e complementar o proceso que realizaron con eles os profesionais da rede de centros residenciais de Galicia co fin de acadar a plena inserción social e laboral utilizando ao máximo todos os recursos xa existentes.
Recursos de apoio á inserción
O Programa Mentor inclúe tamén a xestión de sete vivendas dirixidas a facilitar a transición á vida autónoma e independente para os mozos e mozas incluídos nel. As vivendas son de dúas tipoloxías: tuteladas e asistidas.
As tuteladas diríxense a mozos a partir de 16 anos e contan con presenza dun educador permanente. O programa xestiona cinco destas vivendas: na Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Pontevedra, con 8 prazas cada unha, e Vigo, con 6 prazas.
Pola súa banda, as vivendas asistidas –Vigo e Ourense con catro prazas cada unhaestán dirixidas a maiores de idade que contan coa supervisión externa dun educador.
Ata o 30 de novembro de 2011 pasaron por elas o 20,4% dos participantes no Programa Mentor, o que ascende ata as 80 persoas (42 homes e 38 mulleres). Deles, 28 proceden de centros de Ourense, 26 de Pontevedra, 17 da Coruña e 9 de Lugo.
_______________________________________________________________
APROBADA A PREVALENCIA DA UTILIDADE PÚBLICA DUNHA LIÑA DE MEDIA TENSIÓN NOS PARQUES EÓLICOS SINGULARES DA BARBANZA
A declaración de prevalencia faise tendo en conta que esta infraestrutura contribuirá á mellora da subministración eléctrica nos concellos da Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Ribeira
O Consello da Xunta aprobou hoxe o acordo polo que se declara a prevalencia da utilidade pública do proxecto da liña de media tensión para a evacuación da enerxía producida polos parques eólicos singulares do Barbanza sobre a que cualifica o monte veciñal en man común Barbanza de Lesón, pertencente á Comunidade de Santa Cruz de Lesón, no concello coruñés da Pobra do Caramiñal.
Esta liña de media tensión contribuirá á mellora da subministración eléctrica nos concellos de Ribeira, Porto do Son e a Pobra do Caramiñal. A superficie total de afección desta declaración é de36,5 m2en solo e11.693 m2en voo.
A Dirección Xeral de Montes da Consellería do Medio Rural propuxo que se informase favorablemente esta prevalencia, de acordo co previsto no Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de montes veciñais en man común de Galicia.
SANIDADE LICITARÁ POR 800.000 EUROS OS SERVIZOS PARA A REPROGRAMACIÓN FUNCIONAL, PLAN DIRECTOR H2050, E REDACCIÓN DO PROXECTO BÁSICO DO CHUO E DE EXECUCIÓN DA HOSPITALIZACIÓN
Por primeira vez Galicia foi capaz de presentar unha iniciativa para acadar financiamento europeo destinado a un proxecto sanitario
Esta iniciativa da Xunta de Galicia supera os límites dun simple Plan Director, posto que actuará como revulsivo para a posta en marcha de proxectos paralelos que suporán a captación de capital humano e tecnolóxico e dinamizarán a economía da provincia de Ourense
Sanidade cumpre cun acto de xustiza histórica con Ourense, e de recoñecemento aos seus grandes profesionais
O Consello da Xunta reunido no día de hoxe vén de abordar un informe da Consellería de Sanidade referido á licitación dos servizos para a reprogramación funcional, Plan Director H2050, e redacción do proxecto básico do C.H. Universitario de Ourense e de execución da hospitalización, no marco dos proxectos Innova Saúde e Hospital 2050.
A presente licitación ten un orzamento de 800.000 euros, dentro do orzamento do proxecto Hospital 2050, que se vai executar ata o ano2016, através do Programa operativo FEDER.
O investimento total no conxunto da obra é de 135 millóns de euros, dos que ao redor de 55 irán destinados á zona de hospitalización.
Ao redor do 60% de cuartos individuais
A distribución estimada da zona de hospitalización prevé unha capacidade máxima de 932 camas, das que 640 serán en unidades polivalentes, 94 en unidades específicas, 64 en unidades de críticos e 134 noutras unidades. Deste xeito, a porcentaxe de cuartos dunha soa cama será do 60% e do 40% para habitacións de dúas camas.
Trátase do primeiro proxecto europeo destinado á sanidade que pon en marcha Galicia en toda a súa historia. Esta iniciativa do Goberno galego é a demostración máis evidente de que a austeridade e o rigor na xestión non está reñida coa innovación.
Esta iniciativa da Xunta de Galicia supera os límites dun simple Plan Director. Trátase dunha mellora integral do C.H. Universitario de Ourense que actuará como revulsivo para a posta en marcha de proxectos paralelos que suporán a captación de capital humano e tecnolóxico e dinamizarán a economía da provincia de Ourense e de toda Galicia.
Deste xeito, o Goberno galego aposta por un proxecto de futuro, ambicioso e innovador, que confía plenamente na potencialidade creativa e profesional de Ourense. Así mesmo, este proxecto daralle un pulo a maiores á vocación de complexo hospitalario universitario que xa acreditou Ourense.
Xunto con todo o anterior, a Consellería de Sanidade cumpre cun acto de xustiza histórica con Ourense, e de recoñecemento aos seus grandes profesionais.
Cronograma
O obxecto do contrato de servizos é a revisión da planificación estratéxica e funcional aprobada, cunha proposta razoada de reprogramación funcional; a definición do Plan Director do complexo hospitalario, a nivel de anteproxecto, con base na reprogramación funcional e nas liñas descritas no documento base do Hospital 2050; a redacción do proxecto básico e de execución da fase I do Plan director, a partir do programa funcional resultante da reprogramación e do Plan director; e, ademais, o desenvolvemento dos documentos urbanísticos, ambientais e calquera outro legalmente exixible que, como consecuencia das liñas de investigación establecidas e da execución do contrato, fosen necesarios.
O cronograma da licitación do proxecto básico e de execución da hospitalización H2050 prevé a adxudicación para marzo de 2012, sendo a entrega dos proxectos para o ultimo trimestre do vindeiro ano. A licitación da obra farase no primeiro trimestre de 2013 e adxudicarase en xuño dese mesmo ano, estando prevista o inicio da obra en setembro, tamén de 2013.
O proxecto de innovación Hospital 2050 engloba o deseño e planificación de varias iniciativas encamiñadas a desenvolver un hospital do futuro eficiente, seguro, respectuoso co ambiente e adaptado ás novas tecnoloxías, e, sobre todo, centrado nos pacientes, tendo que ser considerado estratéxico e clave para a sociedade; e achega dos fondos da UE para innovación tecnolóxica 23 millóns de euros ao orzamento do novo bloque de hospitalización, no cal se integra o proxecto de Innovación Hospital 2050.
Pola súa banda, a iniciativa Innova-Saúde promoverá a realización de 14 proxectos de innovación en prestación de servizos asistenciais á vez que facilita o desenvolvemento de negocio innovador en torno ao sector sanitario en Galicia. O obxectivo é transformar o modelo de asistencia sanitaria actual cara a outro centrado no paciente, e que dea resposta ás súas necesidades.