La Xunta convoca los primeros cursos online de lengua gallega para el ámbito de la Justicia

A XUNTA CONVOCA OS PRIMEIROS CURSOS EN LIÑA DE LINGUA GALEGA DIRIXIDOS AOS PROFESIONAIS DO ÁMBITO DA XUSTIZA

La Xunta convoca los primeros cursos online de lengua gallega, dirigidos a los profesionales del ámbito de la Justicia

A Escola Galega de Administración Pública e a Secretaría Xeral de Política Lingüística ofertan tres cursos de linguaxe xurídica galega nesta nova modalidade de teleformación e outros tres na modalidade presencial

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2011.- A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística veñen de convocar, a través do Diarios Oficial de Galicia (DOG), os primeiros cursos en liña de linguaxe xurídica galega.

Xunto con esta nova modalidade de teleformación, da que se ofertan un total de tres cursos de nivel medio, a Xunta de Galicia convoca outros tres cursos presenciais de nivel superior, que se desenvolverán na Coruña, en Vigo e mais en Santiago de Compostela.

Estes seis cursos están dirixidos aos profesionais vinculados co ámbito da xustiza: a xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios xudiciais, médicos forenses, funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza e persoal laboral con destino nos órganos xudiciais da Comunidade Autónoma de Galicia; a letrados da Xunta de Galicia; a notarios, rexistradores da propiedade, avogados, procuradores e alumnos da Escola de Práctica Xurídica de Galicia; a profesores de linguaxe de signos e persoas incluídas nas bolsas de traballo para o nomeamento de funcionarios interinos da Administración de xustiza; así como tamén a aquelas persoas que acrediten ter superado o proceso selectivo para o ingreso nos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza.

Para os profesionais do ámbito da xustiza que están a prestar servizos efectivos fóra de Galicia (maxistrados, xuíces, fiscais, secretarios xudiciais, médicos forenses, funcionarios dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial) a Xunta tamén puxo á súa disposición un curso en liña de linguaxe xurídica de nivel medio.

Prazo de solicitude e duración dos cursos
Os cursos de linguaxe xurídica galega teñen unha duración de 75 horas. Por unha banda, a realización dos cursos de teleformación terá lugar entre o día 5 de setembro e o 11 de novembro. As persoas interesadas nestes cursos unicamente deberán dispor dun ordenador con conexión á internet, dun navegador web co plugin de flash e dunha conta de correo electrónico. Por outra banda, a formación na modalidade presencial desenvolverase entre o 19 de setembro e o 14 de novembro nas localidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela.

O prazo para presentar as solicitudes está aberto ata o día 11 deste mes de agosto e a xestión poderá realizarse cubrindo o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es). Toda a información sobre a convocatoria dos seis cursos de linguaxe xurídica galega está accesible no DOG do 1 de agosto de 2011.

Recursos e vantaxes da teleformación
As tecnoloxías da información e da comunicación aplicadas á aprendizaxe e ao coñecemento do galego permiten superar as limitacións de espazo e de tempo da formación presencial e, ao mesmo tempo, fornecen de múltiples ferramentas prácticas, visualmente atractivas e fáciles de manexar.

A plataforma virtual dos cursos en liña de linguaxe xurídica dispón dunha sección de recursos na que o alumnado ten á súa disposición diferentes ferramentas lingüísticas, así como outro material de utilidade para o desenvolvemento do curso. Glosarios con termos específicos de linguaxe xurídica galega, materiais básicos de consulta, vocabularios con terminoloxías sectoriais de acceso libre na rede, manuais de estilo e redacción, sitios web desde os que se pode acceder á lexislación de interese para o curso, vídeos relacionados coa materia e unha hemeroteca con artigos xornalísticos e de investigación vinculados con este campo son algúns dos recursos que o alumnado pode consultar a través da plataforma virtual.

Favorecer a capacitación lingüística en galego
A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, ao abeiro do disposto na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial das institucións da comunidade autónoma. Ademais, recoñéceselles aos cidadáns e ás cidadás o dereito de usalo, oralmente e por escrito, nas súas relacións coas administracións. Por iso, os poderes públicos autonómicos teñen a encomenda de capacitar progresivamente no uso do galego o persoal que traballa ao servizo das administracións. Neste obxectivo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística traballa conxuntamente coa EGAP, no marco dun convenio de colaboración asinado por ambas as entidades o pasado mes de marzo e que inclúe a convocatoria de cursos de formación de linguaxe xurídica galega.

Xunto cos cursos de linguaxe xurídica, a secretaría xeral tamén porá en marcha este ano os primeiros cursos de linguaxe administrativa galega, dos que se convocaron un total de 18 edicións de nivel medio, 13 para o persoal da Administración autonómica e 5 para a Administración local.

Actualización dos cursos de linguaxes específicas
Ademais, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo fixo pública, o pasado mes de xuño, a nova orde pola que se regulan os cursos de linguaxes administrativa e xurídica galegas, de nivel medio e superior. Esta orde, que ten como obxectivo actualizar a do 1 de abril de 2005, é a primeira que se elabora especificamente para estes cursos.

¿Y tú qué opinas de esto?