Los guardacostas incautaron 1.700 aparejos de pesca y decomisaron más de 1.300 kilos de pescado y marisco en casi 40 operativos

OS GARDACOSTAS INCAUTAN PRETO DE 1.700 APARELLOS DE PESCA E COMISAN MÁIS DE 1.300 QUILOS DE PEIXE E MARISCO EN CASE 40 OPERATIVOS

Estes labores de inspección leváronse a cabo na Coruña, Celeiro, Ribeira, Arousa, Costa da Morte, Pontevedra, Vigo e Ferrol

 

Santiago de Compostela, abril de 2011.- O servizo de Gardacostas, dependente da Consellería do Mar, realizou nos días previos á Semana Santa 39 operativos contra o furtivismo nas rías galegas. Neles incautáronse 1.689 aparellos de pesca e comisáronse 1.313,8 quilos de diferentes especies. Os labores de inspección desenvolvéronse na Coruña, Celeiro, Ribeira, Arousa, Costa da Morte, Pontevedra, Vigo e Ferrol.

Na Coruña, desenvolvéronse diversos operativos, 2 deles coa colaboración da Unidade Adscrita á Xunta de Galicia do Corpo Nacional de Policía. As atuacións deron como resultado a incautación de 16 útiles e o comiso de 90 quilos de peixe e marisco, a maioría percebe e ameixa. Ademais, na torre de Hércules, os inspectores identificaron a 2 persoas ás que lles levantaron as correspondentes actas de presunta infracción.

En Celeiro, os gardacostas realizaron varios labores de inspección na zona de Ladrido, na enseada de Morás e en Guitiriz e requisaron máis de 54 quilos de peixe e marisco, na súa maioría robaliza que foi devolta ao mar e aprehendéronse de 543 aparellos de pesca, case todo anzois sen identificar.

En Ribeira, no Peirao da Pobra do Caramiñal e en Rianxo os inspectores tamén realizaron distintas actuacións. Nelas, os vixiantes comisaron máis de 102 quilos de diversas especies, entre as que destaca a centola por estar en veda e tamén se lle incautaron 124 artes por estar sen identificar.

A Ría de Arousa foi escenario de diversos operativos que se saldaron coa incautación de 589 aparellos, na súa maioría nasas e butróns, por carecer de identificación e estar caladas en zona prohibida. Os axentes tamén requisaron máis de 246 quilos de diferentes especies entre os que se atopaba centola ovada, en veda. Todas as especies foron devoltas ao mar na zona.

Na Costa da Morte os axentes tamén realizaron varios operativos nas zonas de Fisterra, Camelle e na ría de Camariñas. Os inspectores requisaron 233 útiles –a maioría nasas sen identificar e calados en zona prohibida- e aprehendéronse de 131 quilos de peixe e marisco entre os que se atopaba sargo e maragota.
Na Ría de Pontevedra, o Servizo de Gardacostas requisou 39 aparellos –na súa maioría viveiros- e incautouse de máis de 121 quilos de diversas especies, entre as que destacaba centola ovada, en veda, que foi devolta ao mar. A maiores, en diversos operativos realizados en Vigo, os axentes incautaron 82 artes de pesca -entre as que había una embarcación- e fixéronse con 444 quilos de peixe e marisco, case todo centola ovada e nécora, en veda as dúas especies. Nunha das actuacións colaborou a Unidade Adscrita á Xunta de Galicia do Corpo Nacional de Policía.

Ademais, noutros operativos desenvolvidos en Ferrol, os inspectores requisaron 124 quilos de varias especies e tamén 63 útiles de pesca. As especies, na súa maioría ameixa, foron devoltas ao mar.

¿Y tú qué opinas de esto?