UN TOTAL DE 200 MULLERES COMEZAN O PROGRAMA DE LIDERADO FEMININO “EXECUTIVA”, AO QUE SE PRESENTARON MÁIS DE 1.000 PERSOAS
Doscientas mujeres participan en el programa de liderato femenino ‘Executiva’ que ha puesto en marcha la Xunta, y para el que se recibieron más de mil solicitudes
- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, abriu hoxe o programa que se inicia mañá cun seminario de catro horas
- O obxectivo é capacitar e desenvolver as principais competencias directivas a través da formación e do adestramento individual
- As 200 prazas distribúense do seguinte xeito: 40 por cento para directivas, outro 40% para empresarias, e o 20 por cento restante para mulleres que buscan un cambio de traxectoria ou a reinserción laboral
Santiago, 8 de febreiro de 2011.- Un total de 200 mulleres comezan hoxe a súa formación dentro do programa de liderado feminino “Executiva”, que puxo en marcha a Consellería de Traballo e Benestar para promover o acceso das mulleres ás posicións de tomas de decisión dentro de empresas e organizacións. Logo da xornada inaugural de hoxe, as actividades comezarán mañá cun seminario.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, abriu hoxe este programa formativo financiado a cen por cento por este departamento. Na súa intervención, Mato valorou a “ampla resposta” desta primeira convocatoria, xa que se recibiron preto de 1.000 solicitudes para participar, isto é, a demanda “foi cinco veces superior ás prazas ofertadas”.
Galicia é unha das comunidades autónomas pioneiras en poñer en marcha esta iniciativa, que esta deseñada especificamente “para o fomento e impulso das capacidades directivas e de liderado das traballadoras galegas”.
As 200 mulleres, “as primeiras galegas que poden participar nun programa destas características”, responden a un “perfil directivo, emprendedor, ou ben precisan mellorar a súa carreira profesional”, explicou Mato. En concreto, o 40 por cento das prazas reservouse a directivas; outro 40 por cento para empresarias, e o 20 por cento restante para mulleres que buscan un cambio de traxectoria, ou ben a súa reinserción laboral.
“Executiva” ten catro obxectivos fundamentais, segundo concretou Mato. O primeiro é sensibilizar ás participantes sobre a importancia de asumir o papel directivo. Ademais, o programa permitirá avaliar a situación de partida do colectivo respecto do perfil xeral de competencias directivas. A terceira meta, e unha das máis importantes, pasa por capacitar e desenvolver as principais competencias directivas das participantes, coa formación e o adestramento individual. Por último, o proxecto tamén mellorará o autocoñecemento destas mulleres sobre os seus puntos fortes.
Para acadar estes fins, combínanse medidas de motivación persoal, orientación, formación, motivación e desenvolvemento de habilidades, ademais de incluír medidas personalizadas.
Precisamente, para avanzar na consecución dos distintos obxectivos, “Executiva” artéllase en distintas etapas, e as súas materias abordaranse tanto de forma presencial como en liña.
A primeira etapa, que comeza hoxe, consiste en dous seminarios, de catro horas cada un, no que participarán as 200 seleccionadas. Deste total, as 80 mulleres que presenten un perfil máis axeitado pasarán á seguinte etapa, que consiste en tres obradoiros de catro horas de duración para desenvolver as habilidades de liderado en grupo. Por último, as 20 participantes de máis alto potencial recibirán catro horas de “coaching ou adestramento individualizado”.
Con respecto as accións formativas, Mato destacou que todas elas será impartidas por “profesionais de primeiro nivel no eido empresarial e da consultoría, de traxectoria persoais e profesionais consolidadas”.
O programa, que se desenvolverá na Coruña e Vigo, rematará a mediados de abril, e contou cun investimento da Xunta de Galicia de 135.000 euros.
Aposta pola igualdade
A conselleira fixo fincapé na relevancia deste proxecto en tanto contribúe a unha tarefa “aínda pendente” no mercado laboral español, que é o acceso das mulleres aos postos directivos en posición de igualdade.
Con respecto a este tema, salientou algúns datos que reflicten que aínda queda camiño por percorrer. Así, segundo os últimos datos, as mulleres cobran un 25,6 por cento menos que os homes. E, xa no que se refire propiamente aos postos de liderado, apuntou que a representación feminina das mulleres en cargos directivos situase no 9,8 por cento en España –cando a Lei de Igualdade establece o obxectivo de que esta sexa do 40 por cento en 2015-. Ademais, en Galicia só o 37 por cento dos contratos asociados ao grupo ocupacional de dirección das empresas e das administración públicas corresponden ás mulleres.
Foi neste contexto no que inscribiu Mato a aposta e compromiso do Goberno galego pola igualdade, no que se enmarca tamén o programa “Executiva”.
A este proxecto, hai que sumar outras medidas postas en marcha desde Traballo e Benestar para avanzar neste camiño. Entre outras actuacións, estableceuse ás mulleres como colectivo prioritario paras políticas de emprego; revisáronse uns 100 convenios “de oficio” para valorar o cumprimento da normativa en materia de igualdade; realizouse o censo de empresas obrigadas a elaborar plans de igualdade; púxose en marcha a Marga Galega de Excelencia en Igualdade; e, apoiouse con axudas a aquela empresas que sen estar obrigadas realizaron plans de igualdade, especialmente Pemes.