A ASOCIACIÓN ‘FRÄNKISCHE ST. JAKOBUS GESELLSCHAFT’ RECIBE O XV PREMIO ELÍAS VALIÑA POLO ESFORZO REVITALIZADOR E PROMOCIONAL DOS CAMIÑOS DE SANTIAGO EN ALEMAÑA
A asociación xermana, fundada en 1988 e gañadora entre as 16 solicitudes que cumprían todos os requisitos, acada un premio de 10.000 euros
Francisco Castro Miramontes, custodio do Convento Franciscano de Santiago, recibiu asemade unha mención especial do xurado pola súa sensibilidade e interese na posta en valor do Camiño na liña da espiritualidade de Elías Valiña.
O director xeral do Patrimonio Cultural, fixo entrega asemade do XIV Premio Elías Valiña ao gañador da edición do ano 2009, que recolleu o presidente da Asociación de amigos do Camiño de Santiago de Sevilla, Juan Ramos Plaza.
Santiago.- O comité de expertos do xurado do XV Premio Elías Valiña comunicou o seu fallo a favor da Fränkische St. Jakobus Gesellschaft. A asociación xermana recibiu o galardón, promovido pola Consellería de Cultura e Turismo e dotado cunha achega de 10.000 euros, polo seu esforzo revitalizador e promocional dos Camiños en Santiago en Alemaña.
A Fränkische St. Jakobus Gesellschaft fundouse no ano 1988 desde o que acolleu a millóns de peregrinos. Cun total de 1.381 socios, a asociación xermana vén entregando unhas 6.000 credenciais ao ano e traballa en prol da organización e xestión dun total de trece Camiños en Alemaña. Tras o patrocinio de 5 albergues en España, Francia e Alemaña, a Fränkische coordina a acción de 8 asociacións alemás e promove a reflexión profunda sobre o que deben ser e representar os Camiños en Alemaña. Asemade, a Fränkische St. Jakobus Gesellschaft está a traballar nos Camiños do Este procedentes da República Checa e Polonia. Desde o ano 1997, a asociación publica a revista Unterwegs.
O comité de expertos decidiu asemade distinguir cunha mención especial a Francisco Castro Miramontes, custodio do Convento Franciscano de Santiago, pola súa sensibilidade e interese na posta en valor do Camiño na liña da espiritualidade de Elías Valiña. O xurado tomou a determinación en base da acollida prestada aos peregrinos chegados dos máis diversos puntos da xeografía e destacou o calor humano que atopan ao final do Camiño á súa chegada a Compostela.
O xurado do premio Elías Valiña, presidido polo director xeral de Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, en representación do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, resaltou a alta calidade das 16 candidaturas presentadas por asociacións de envergadura que contribúen ao prestixio do premio Elías Valiña. Formaron parte deste xurado, o catedrárico de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Comité de Expertos do Camiño de Santiago, Fernando López Alsina; o técnico da Área de Actividades de Promoción da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Manuel Rodríguez Fernández; o técnico do Servizo de Inventario e Planeamento da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio, Antonio Díaz Otero; o presidente da Asociación de amigos do Camiño de Santiago de Sevilla e gañador da edición de 2009, Juan Ramos Plaza; o presidente da Asociación Orden das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar das Donas, José Manuel Pérez Paredes; o presidente da Asociación Jacobea de Málaga, Juan Guerrero Gil; e o presidente da Asociación Astur Galaica de Santiago de Avilés, José María Clero Cornes.
A Consellería de Cultura e Turismo creou por Orde do 27 de agosto de 1996 o Premio Elías Valiña ao esforzo revitalizador e promocional dos camiños de Santiago co fin de estimular o labor de persoas que, como Elías Valiña Sampedro, unha das persoas con maior compromiso cos camiños de Santiago, dedicaron gran parte da súa actividade á recuperación e promoción das Rutas Xacobeas, levando a cabo tarefas de sinalización, limpeza, enumeración quilométrica, e incluso fomentando a creación de asociacións de amigos do Camiño que velen pola conservación das respectivas parcelas ao longo das rutas xacobeas.
Premio 2009
No acto que tivo lugar no Museo do Pobo Galego, o director xeral do Patrimonio Cultural, fixo entrega asemade do XIV Premio Elías Valiña ao gañador da edición do ano 2009, que recolleu o presidente da Asociación de amigos do Camiño de Santiago de Sevilla, Juan Ramos Plaza.
Na edición anterior, o premio recaeu na asociación sevillana pola súa vitalidade, o seu espírito e a excelente promoción do Camiño de Santiago, especialmente da Vía da Prata. Asemade os membros do xurado destacaron a importancia das intervencións no ámbito de recuperación e rehabilitación artística.
[…] prevé finalizar obras en Asturias durante el presente ejercicio por 350 millones de euros La asociación Fränkische St. Jakobus Gesellschaft recibió el XV Premio Elías Val… La principal apuesta de los presupuestos sanitarios asturianos para este año es la puesta en […]
Me gustaMe gusta