ANXO LORENZO SALIENTA O LABOR DOS BOLSEIROS DE ESTADÍAS DO CENTRO RAMÓN PIÑEIRO A PROL DA INVESTIGACIÓN SOBRE O GALEGO
El secretario general de Política Lingüística de la Xunta destacó la labor de las becas de estancia que ofrece el centro Ramón Piñeiro para promover la investigación sobre el gallego
- O responsable de Política Lingüística reuniuse cos novos investigadores e investigadoras que colaborarán ata final de ano nos proxectos que ten en marcha o Centro Ramón Piñeiro
Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2010.- O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, reuniuse cos novos bolseiros de estadías que colaborarán durante os próximos meses co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Trátase dun total de 13 investigadores e investigadoras de fóra de Galicia que proceden da Universidade Ramón Llull (Barcelona), da Universidade de Zaragoza, da Universidade da Habana (Cuba), das universidades brasileiras Federal da Bahía e do Sudoeste da Bahía, da Universidade de Fez (Marrocos), da Universidade de Lisboa (Portugal), da UNAM de México, da Universidade Estatal de San Petersburgo, da Universidade de Cork (Irlanda) e das universidades italianas de Siena e de Padua.
Durante o encontro, que tivo lugar na sede do Centro Ramón Piñeiro, o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, incidiu na importancia do labor que os bolseiros e as bolseiras de estadías veñen desenvolvendo desde 1997 a prol da investigación sobre a lingua e a literatura galegas, e animou os investigadores e as investigadoras que se incorporan este mes a continuar este legado.
Así mesmo, salientou que “as bolsas de estadía constitúen unha importante vía para difundir a lingua galega, a súa literatura e a súa historia fóra de Galicia”. Finalmente, Anxo Lorenzo desexoulles aos bolseiros e bolseiras presentes na reunión “que o traballo do próximos meses no Centro Ramón Piñeiro constitúa unha importante contribución á súa formación académica e investigadora”.
Xunto con Anxo Lorenzo, tamén participaron na reunión os titores e titoras dos proxectos no que colaborarán os bolseiros e bolseiras, así como o coordinador científico e o secretario do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González e Xesús Ferro, respectivamente.
As bolsas de estadías
Política Lingüística publicou onte no Diario Oficial de Galicia a resolución da adxudicación destas bolsas de estadías, convocadas por Orde do 10 de xuño de 2010. Desde o ano 1997, a secretaría xeral vén convocando ininterrompidamente estas bolsas de estadías, destinadas a licenciados e licenciadas, ou estudantes dos dous últimos anos de licenciatura, vinculados a universidades de fóra de Galicia.
O labor do Centro Ramón Piñeiro
O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades é un servizo de investigación dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística que ten como obxectivo primordial a promoción e o desenvolvemento de proxectos e de programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos, así como a súa difusión.
