A MOSTRA DE INSTRUMENTOS ANTIGOS DE MARTÍN CÓDAX, INCLUÍDA NA PROGRAMACIÓN DE XACOBEO 2010, CHEGA A OURENSE
La muestra de instrumentos antiguos de Martín Codax, incluida en la programación del Xacobeo 2010, llega a Ourense
- A exposición “Música de pedra e cantos de peregrinacións”, incluída no Camiño da Historia, pode verse no Centro Cultural da Deputación.
-
A mostra itinerante complétase co concerto do Grupo Música Antiga Martín Codax que terá lugar o 18 de novembro na igrexa de San Francisco
Ourense, 16 de outubro de 2010.- O director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, asistiu hoxe á presentación, no Centro Cultural da Deputación de Ourense, da exposición “Música de pedra e cantos de peregrinacións” de Bodegas Martín Códax, incluída no Camiño da Historia da programación de Xacobeo 2010. Na presentación tamén estiveron José Martínez Chantada, presidente de Bodegas Martín Códax; Francisco González Bouzán, director do Centro Cultural da Deputación de Ourense; e Miguel Fariña, director do Grupo Música Antiga Martín Códax.
Esta exposición de instrumentos antigos completarase co concerto que o 18 de novembro ofrecerá o Grupo Música Antiga Martín Códax na igrexa de San Francisco, en Ourense, a partir das 20.30 horas.
Na súa intervención, Ignacio Santos destacou que esta mostra de Martín Códax ofrece “ao espectador a oportunidade de achegarse a un mundo musical descoñecido para o gran público, e que é, sen dúbida, a base da cultura musical actual”. Asemade, e respecto ao concerto que o Grupo de Música Antiga de Martín Códax ofrecerá o 18 de novembro en Ourense, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo sinalou que será “unha ocasión excepcional para achegarse ao seu traballo, centrado no estudo e a interpretación de música dos séculos XII, XIII e XIV, na música relacionada coas peregrinacións a Santiago e na lírica medieval galaico-portuguesa”.
A exposición itinerante “Música de pedra e cantos de peregrinación” mostra un conxunto de reproducións de instrumentos medievais que posúe o Grupo Música Antiga Martín Códax. Estas pezas foron construídas por expertos luthiers seguindo os modelos que aparecen nas principais fontes iconográficas: o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela, o Pazo Xelmírez, miniaturas das Cantigas de Santa María… Laúdes, fídulas, arpas, cítaras…, aos que acompañan instrumentos tradicionais como a zanfona, a gaita ou o pandeiro, que poderán escoitarse tamén nese concerto do 18 de novembro. Bodega Martín Códax, de Cambados, é viño oficial de Xacobeo 2010.