MAÑÁ COMEZA A CAMPAÑA DE VACINACIÓN FRONTE A GRIPE E O PNEUMOCOCO
Mañana comienza en Galicia la campaña de vacunaciones contra la gripe y el pneumococo
- A vacina reduce a incidencia da enfermidade e diminúe a frecuencia de complicacións e o risco de hospitalización e morte relacionada coa doenza en persoas maiores ou con patoloxías previas
- Ao longo das sete semanas que dura a campaña poderán vacinarse en máis de 1.000 puntos diferentes as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco
- Sanidade recomenda á poboación que non acuda masivamente os primeiros días, para evitar a sobrecarga do sistema asistencial
- Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación, onde lle informarán de como e onde solicitar a cita
Santiago, 26 de setembro de 2010.- Mañá dará comezo en Galicia a campaña de vacinación fronte a gripe e o pneumococo, que este ano conta con dúas novidades: a ampliación en cinco anos da poboación diana (que pasa dos 65 anos aos 60) e a vacinación nas persoas de 75 ou máis anos cunha vacina adxuvada, que ten un maior poder inmunóxeno e, polo tanto, unha eficacia máis alta.
Así, a campaña se desenvolverá ata o 12 de novembro, e ao longo destas sete semanas poderán vacinarse todas as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco. Inclúense nestes ás persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias, incluíndo asma; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; as persoas con enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -de seis meses ata 18 anos- con tratamentos prolongados de aspirina; as persoas con obesidade mórbida; e as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.
A vacinación anual, ademais dun beneficio individual, reduce as posibilidades de transmitir a enfermidade ás persoas que coidan ou atenden. Polo tanto, inclúense tamén na poboación diana os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais, e tamén as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; as que pola súa ocupación poden estar en contacto con aves; e os viaxeiros internacionais.
O principal obxectivo desta campaña é diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecer a gripe e a morbimortalidade das enfermidades causadas polo Strepcoco pneumoniae na poboación de Galicia. Neste sentido, a vacina da gripe non só reduce a incidencia desta enfermidade, senón que ademais diminúe a frecuencia de complicacións secundarias e o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe nas persoas maiores e noutras con patoloxías previas.
Cómo vacinarse
A vía de administración desta vacina é intramuscular, é moi segura e as reaccións que pode producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras. Para este ano utilizarase unha vacina trivalente que incorpora unha cepa similar á pandémica que circulou o ano pasado e que obrigou a realizar a campaña extraordinaria de vacinación.
Galicia conta con arredor de 1.000 puntos totais de vacinación, entre os que se atopan centros de saúde e consultorios; centros hospitalarios públicos; os hospitais, centros médicos e consultas médicas privados; residencias e centros para a terceira idade de titularidade pública ou privada; unidades asistenciais de drogodependencias; centros penitenciarios; e centros de atención a discapacitados.
Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación onde lle informarán de cómo e onde solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde onde serán informados das vacinas que deben recibir.
Neste senso, convén lembrar á cidadanía que a vacinación durará seis semanas e hai tempo suficiente para facela progresivamente, polo que a Consellería de Sanidade recomenda á poboación que, para evitar a sobrecarga do sistema asistencia, non acuda masivamente os primeiros días da campaña.
Sanidade achegou este ano 3,7 millóns de euros á campaña de vacinación fronte a gripe e o pneumococo. Adquiríronse un total de 610.000 doses (580.000 doses de vacinas antigripais e 30.000 doses de vacina antineumocócica).