RESPONSABLES DE POLÍTICAS XUVENÍS DE 10 PAÍSES EUROPEOS REUNIRANSE EN SANTIAGO NUN FORO NO QUE SE BUSCARÁ AMPLIAR O ABANO DE INTERCAMBIOS PARA A MOCIDADE
Los responsables de Políticas Juveniles en 10 países europeos se reúnen en Santiago en un foro que buscará ampliar el abanico de intercambios para la juventud.
- O seminario, que organiza desde mañá a Consellería de Traballo e Benestar, enmárcase no programa de mobilidade e educación non formal ‘Xuventude en Acción’ da Comisión Europea
- A Dirección Xeral de Xuventude pretende que a iniciativa se converta nunha oportunidade para ampliar de cara ao ano próximo o número de países socios que participan no seu programa de mobilidade
- No congreso participarán ata o domingo representantes de España, Rusia, Ucraína, Moldavia, Armenia, Grecia, Italia, Bulgaria, Portugal, Romanía e Hungría
Santiago, 23 de setembro de 2010.- Santiago acolle a partir de mañá e ata o próximo domingo o seminario de Responsables de Políticas Nacionais, Rexionais e Locais de Xuventude no que participarán representantes de España e doutros dez países de Europa: Rusia, Ucraína, Moldavia, Armenia, Grecia, Italia, Bulgaria, Portugal, Romanía e Hungría.
O encontro, que se celebra na capital galega coincidindo co Ano Xacobeo, pretende ser un foro para o intercambio de coñecementos e experiencias que en materia de xuventude están a poñer en marcha as distintas administracións da Unión Europea e dos países veciños.
O seminario, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar, ten como obxectivo conseguir unha ampliación do número de países socios que participen nos seus programas de mobilidade, fin que se prevé acadar de cara ao próximo ano.
A primeira xornada comezará mañá venres ás 10.00 horas e a apertura correrá a cargo do director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e da subdirectora xeral do Instituto da Juventud (Injuve), Ana Martínez. Pola tarde, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, manterá unha recepción cos responsables de xuventude dos países participantes no encontro.
Ao longo do venres e sábado, os diferentes participantes exporán as liñas principais das políticas xuvenís que se desenvolven nos seus respectivos países.